Iván Area
Combatamos o declive
Se observamos Galicia como un conxunto, Ourense aparece, nunha primeira ollada, como un territorio de peso medio: arredor do 11,3% da poboación total. Nada aparentemente anómalo. Pero esa estabilidade é só unha ilusión estatística.
Cando descendemos ás idades máis novas, o relato cambia. Na cohorte de 0 a 4 anos, Ourense apenas chega ao 9,5% da poboación galega, e nos grupos seguintes mantense sistematicamente por baixo do seu peso global. Cada nova xeración está menos representada que a anterior: a tendencia non só existe, senón que se acumula. O peor é que todo flúe, nada permanece.
Non é só unha cuestión de natalidade. É o resultado dunha dinámica sostida na que converxen a emigración da mocidade, a falta de relevo e a erosión progresiva da base demográfica. A mocidade marcha, e con cada saída non se perde só unha persoa, senón tamén todas as que poderían vir detrás. Platón diría que a cidade é anterior ao individuo. Mentres tanto, o relevo non chega: hai menos nenos, menos familias e máis ocos na estrutura social. A base da pirámide non cae, pero esfarela.
Nas idades medias, Ourense achégase algo máis ao seu peso teórico, pero sen alcanzalo. Son xeracións formadas noutra realidade demográfica, que manteñen unha certa estabilidade, pero tamén constitúen a última liña de defensa.
A partir dos 65 anos, a situación invértese: Ourense pasa a estar sobrerrepresentada. Supera o 12% nas idades de 70-74 anos, o 13% nas de 75-79 e achégase ao 16% nos maiores de 85. A provincia concentra unha parte crecente da Galicia máis vella, mentres perde peso na máis nova. Sen facer ruído, especialízase nun nicho moi concreto: acumulación de anos. Poucas imaxes explican mellor a realidade da provincia que a das escolas transformadas en centros de maiores.
Como dicía Marx, todo o que é sólido esvaécese no aire
Non se trata só dun envellecemento. O que temos diante é unha estrutura que perde equilibrio. A base é estreita, o centro afrouxa e a cima medra. O conxunto deixa de comportarse como unha pirámide estable para converterse nunha figura cada vez máis difícil de soster. Como dicía Marx, todo o que é sólido esvaécese no aire.
Hai anos, nunha reunión expuxen precisamente este tipo de proxeccións demográficas e a magnitude do problema que se aveciñaba. Nun momento dado, alguén preguntou: “Pero isto para cando é?”. Tras escoitar a resposta, chegou outra reacción, dita con total naturalidade, que aínda hoxe resulta máis reveladora ca calquera gráfico: “entón nada, para esa época xa non estaremos gobernando”. A frase, máis alá da anécdota, condensa unha forma de entender o tempo político que explica, en parte, o que estamos a ver. Porque a demografía non responde aos calendarios electorais nin ás urxencias do día a día. Esixe mirada longa, capacidade de anticipación e un mínimo de responsabilidade interxeracional. Confiar no curto prazo é, neste caso, outra maneira de mirar para outro lado.
Se non hai cambios significativos, a tendencia continuará. As cohortes actuais, xa pequenas, non poderán substituír ás xeracións presentes, mentres as idades avanzadas manterán (ou mesmo aumentarán), o seu peso relativo. O resultado será unha caída do peso de Ourense en Galicia e un agravamento da descompensación interna.
Na proxección futura non vemos unha pirámide, senón algo máis próximo a un cono apoiado polo vértice. A base redúcese ao mínimo, mentres o peso se acumula enriba. É unha forma intrinsecamente inestable, sostida máis por inercia ca por equilibrio.
Chega un punto no que case parece unha estratexia: outros territorios apuran por atraer talento novo, familias, futuro… e Ourense, con moita máis calma e retranca, aposta polo seguro: acumulación de anos. Aquí innovamos menos, pero conservamos mellor.
Ourense non está simplemente a perder poboación. Está a perder posición demográfica dentro de Galicia. E esa evolución non pertence ao futuro: xa está presente nas xeracións máis novas. E así imos, cunha provincia que medra cara arriba e mingua cara abaixo, como unha árbore que prescindise das raíces ata que chega o vento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Iván Area
Combatamos o declive
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
Los tilos del convento de San Francisco
CLAVE GALICIA
El meteorito de San Xoán
Carmen Tomás
¿Derrocha luz nuestro vecino?
Lo último
FALTA DE AUTORIZACIÓN
Viana do Bolo, a la espera de poder usar el depósito de residuos
RETRASOS ADMINISTRATIVOS
El juzgado se consolida como opción de pago del Concello de Ourense a proveedores