Composteláns de Rodeiro

TÍA MANUELA

Publicado: 25 feb 2026 - 00:05
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Divina Varela de Rodeiro e Julio Vázquez, tamén de Rodeiro, crearon un mundo novo en Santiago de Compostela, un fermoso e discreto recuncho na entrada do Camiño de Santiago, na mesma rúa de San Pedro, ao carón do Panteón de Galegos Ilustres, de San Domingos de Bonaval, dos Museos do Pobo Galego e de Arte Contemporánea, á beira da cidade ou no mesmo corazón dela, onde se asenta a capital de Galicia. Un mundo enteiro, ao redor do bar Rodeiro, con toda a xente de tódalas partes de país.

E, agora, despois de varias décadas, pecha definitivamente e deixará no maxín dos habitantes dese mundo de clientes e amigos, os recordos de benquerenza e a seguridade de que O Rodeiro foi moito máis ca un bar, foi alento para a xente, para a pedra, o Camiño e a memoria. Era un espazo para a diversidade, para a integración e a comprensión, onde tódalas mans agarraban do mesmo pan.

Era unha das casas que tiñan os de Ourense en Santiago de Compostela, os de toda a provincia de Pontevedra ou de Lugo, os da Mariña e os de Ferrolterra, os da Costa da Morte e aqueles que chegaban de fóra

Os obreiros comían no Rodeiro, o profesorado da Universidade, estudantes, investigadores, científicas, políticos, empresarios, mestres, xornalistas, artistas e relixiosos comían neste establecemento que tiña sempre todas as súas portas abertas. Alí estaban representantes da avogacía e do funcionariado, reloxeiros, deputados, taxistas e parados, líderes, lideresas e, moitas veces, poetas e tertulianas de prestixiosos faladoiros. Divina, sempre traballando, atendendo á xente, conversando, servindo e cociñando.

Era unha das casas que tiñan os de Ourense en Santiago de Compostela, os de toda a provincia de Pontevedra ou de Lugo, os da Mariña e os de Ferrolterra, os da Costa da Morte e aqueles que chegaban de fóra. Para todos foi un pracer enorme contar con este lugar, con este espazo de sosego, remanso de amizade e sitio de bo viño, do Ribeiro ou das Rías Baixas, de Valdeorras ou da Ribeira Sacra, das beiras do Sil ou do Miño, deses vellos viñedos aos que tanto lles querían os romanos.

O caldo do Rodeiro sabía a gloria. Todos os pratos eran saborosos e o acougo alongábase entre prato e prato, estendíase na sobremesa como un mantel de liño e aguantaba ata o café do día seguinte, ata sempre. Era para moitos e moitas a súa casa. Por iso a Tía Manuela quere agradecer publicamente o magnífico traballo de Divina e Julio, dous composteláns de Rodeiro, dúas persoas de ben. De alí, de xunto ao Faro.

Contenido patrocinado

stats