A contaminación dos bos e os malos

A TRIRITA

Publicado: 01 ago 2026 - 00:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Cando desaparece a liberdade, queda un país pero xa non existe patria. Tal consideración é de Chateaubriand. Sempre hai que ler e reler a Chateaubriand, mantendo presente a certeza de que el foi un espírito libre e máis a de que a liberdade é algo que ten que nos atinxir a todos. Un exemplo non sei se oportuno, pero certo: hai que seguir entendendo e admitindo que os gañadores da Guerra Civil, comenzada hai xa noventa anos, rememoren libremente ós seus mártires e de paso ós seus heroes. Nunca se lles negou tal dereito.

Facelo así é o que permite lamentar, sinalándoo, que esa liberdade non lles estea plenamente recoñecida ós familiares de todos aqueles que perderon a vida en aplicación da lei de fugas ou logo de xuízos sumarísimos que merecen, na maioría dos casos, unha consideración que xa non debe ser preciso explicar ó día da data. Nin todos os dun bando eran bos, nin todos os do outro eran malos; dito sexa así pra millor e común entendemento porque parecer parece que si, que aínda hai bos e malos.

Hai que devolverlle ós familiares a liberdade de honrar en debida forma ós seus mortos e limpar de foxas comúns toda a xeografía española, pois só así esa patria poderá ser considerada plena de liberdade e de todos. Ser, o que se di ser, aínda non o é cando os falsos patriotas, os auto proclamados buenos que sinalan como malos ós demais, deixen de dividir a patria común reservándoa tan só pra eles: Nós os bos, vós os malos.

Cismaba Chateaubriand en que cando o habeas corpus botaba unha sestiña en Inglaterra, a liberdade de prensa seguía velando porque é irmá, dicía el, da liberdade individual e a defende mentres as súas forzas estean encadeadas impedíndolles o desaforo de pasar do sono á morte.

A mentalidade de bos e malos é contaminante. Por moito que o deixara escrito Pondal, os que non nos entenden, non, non son imbéciles e escuros, na mesma medida na que os demais non somos, inevitablemente, bos e xenerosos. Admítase o exemplo pra que isto non derive no que deriva sempre. Confeso, se mo permiten, que prefiro o poema de Alfredo Brañas como himno. Léano, se a ben o teñen. O conxunto dos galegos temos un país, pero non temos unha patria... ou unha matria, que ven sendo o mesmo.

Arestora estamos no último ciclo da tríade: Ditadura, Democracia, Demagoxia... e volta a empezar de novo. Se queremos evitalo, estamos precisados de diálogo, de entendemento, de esforzo compartido e de lavado de feridas.

Hai hoxe xusto unha semana que un importante xornal galego exhibiu en portada, logo tamén nas páxinas que a continuaban, a fotografía de dous homes. Aparecían sentados en sendas butacas, dispostas non en paralelo senón en converxencia, xusto ó pé das escaleiras interiores do Parlamento de Galicia. Un deles era Alfonso Rueda Valenzuela, presidente do Goberno galego, o outro era Fernando González Laxe, ex presidente do mesmo goberno. Aquel militante do Partido Popular galego, este do Partido Socialista de Galicia-PSOE. Foron fotografados mentres falaban de Galicia e do futuro que a todos nos convoca. Esa imaxe é impagable. Se aínda teño algún amigo nese xornal que celebrou así o 25 de xullo, xa me pode enviar unha copia da foto interior pra que poida enmarcala como se fose unha guía de conduta. Que deber, debera selo.

Arestora estamos no último ciclo da tríade: Ditadura, Democracia, Demagoxia... e volta a empezar de novo. Se queremos evitalo, estamos precisados de diálogo, de entendemento, de esforzo compartido e de lavado de feridas. Volvamos de novo as Chateaubriand: “A prensa é a palabra en estado de raio, é a electricidade social. Podedes facer que deixe de existir? Canto máis se pretenda comprimila, máis violento ha ser o estoupido; asi pois debemos decidirnos a vivir con ela, tal como vivimos cunha máquina de vapor”. Conservemos a que temos, toda ela, sempre.

Os cidadáns galegos, os patriotas dunha e doutra obediencia non tanto, pero si todos, sabemos que é falando como se entende a xente. O exemplo de se sentar a facelo que acabamos de recibir dos dous máis altos dignitarios galegos, a empuxe da prensa propia e nun día sinalado, é algo que nos debe abocar á reflexión serena. Salvemos a liberdade que desfrutamos, admitamos o exemplo citado ó comezo destas liñas e máis o longo camiño recorrido ata chegar eiquí e constatar de novo que se a prensa segue sendo libre a palabra será a electricidade que nos ilumine e mova.

Contenido patrocinado

stats