Fernando Jáuregui
TRIBUNA
Cumpleaños ¿feliz?
Di a Constitución no seu preámbulo que desexa establecer a xustiza, a liberdade e a seguridade e promover o ben de cantos integran o noso país. Ese anhelo, escrito hai 47 anos, non só se erixiu como fío condutor dos 169 artigos da nosa Carta Magna, senón que tamén se constituíu como a partitura destas case cinco décadas de progreso de España.
Na Constitución consolidáronse dereitos e liberdades, promoveuse a igualdade e a solidariedade e establecéronse as regras básicas de funcionamento do noso Estado. Isto é, puxéronse as bases do que foi, do que é e do que será o noso país.
Por iso son pertinentes cantas homenaxes celebremos para honrar un texto que condensou por escrito o espírito dunha sociedade que, por fin, se abría paso libremente. Ademais, ten un mérito especial que todo o que se recolleu daquela siga plenamente vixente. É máis: convén recordalo a diario.
Nun momento político caracterizado polos sobresaltos e por algunhas voces que poñen en dúbida os nosos principios constitucionais, convén lembrar que o noso texto fundacional recolle que todos os españois son iguais, vivan onde vivan, e que o Estado debe velar por un equilibrio económico axeitado e xusto entre os territorios que o compoñen. A Constitución tampouco esquece mencionar que a solidariedade debe ser un elemento primordial nas relacións entre as comunidades autónomas. Corresponde telo máis presente ca nunca, especialmente porque hai quen tende a esquecelo cando aborda as negociacións do novo sistema de financiamento ou cando as necesidades da aritmética parlamentaria se impoñen.
A Carta Magna tamén é garante doutros dereitos fundamentais, como a atención sanitaria, o acceso á educación e á vivenda. Son todos eles elementais, pero tarefas en construción permanente. Polo tanto, cómpre seguir mellorando, dando pasos adiante.
Así o entendemos desde a Xunta de Galicia e por iso seguimos reforzando a sanidade con medidas pioneiras como cun dos calendarios de vacinación máis completos do mundo ou coa implantación de tecnoloxías punteiras, como será o futuro centro de protonterapia; co establecemento da matrícula universitaria gratuíta, o que nos sitúa como unha comunidade na cal a atención educativa custa cero euros desde o nacemento ata os estudos superiores; ou traballando cara ao obxectivo de duplicar o noso parque público de vivenda nesta lexislatura.
Con todo, a Constitución non é só importante polos dereitos que consagra, senón que tamén é transcendental polo que supón para a historia de España. É a primeira pedra dun Estado moderno e democrático, dunha España que devolvía a soberanía ao pobo e que emprendía un camiño de avance e progreso, unha travesía que aínda seguimos percorrendo coa Carta Magna como faro.
Non cabe dúbida de que despois de todos estes anos, o noso é un país mellor. Grazas á Constitución, o esforzo das administracións e do conxunto da sociedade, España e Galicia teñen hoxe maior benestar, máis calidade de vida, máis opcións, e en definitiva, máis futuro.
Ese é o maior legado que nos deixaron todos os que viñeron antes ca nós, os que durante estas décadas traballaron, se esforzaron e arriscaron. Agora é a nosa quenda de coidar e preservar todo o conseguido, e de melloralo sempre que sexa posible.
Esta España e esta Galicia son tamén o patrimonio que nos encomendan todos os que hai 47 anos apostaron polo entendemento sobre a discordia. Unha lección que nos mostra que os puntos de unión poden superar as diferenzas e que todos podemos gañar, aínda cedendo, se somos quen de poñer por diante os principios de convivencia e concordia.
En definitiva, moito temos mudado desde aquel 1978. Non somos os mesmos, pero os cambios, cando son para mellor, son sempre benvidos. Con todo, hai algo que nunca debemos trocar: ese desexo que encabeza a nosa Constitución.
Nin hoxe nin nunca perdamos a ambición por unha España cada día máis xusta, máis libre e máis segura.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Fernando Jáuregui
TRIBUNA
Cumpleaños ¿feliz?
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
4.812 turistas en lata
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Dom Pérignon
Itxu Díaz
USOS Y COSTUMBRES DEL VERANO
Los selfies de la comida: el gran juego del postureo de verano
Lo último
RESPONSABLE DE LA WEB DEL DSN
El Gobierno cesa a un cargo del Departamento de Seguridad Nacional tras publicar la cifra de entradas a Ceuta