O importante é chegar

TÍA MANUELA

Publicado: 04 nov 2026 - 00:40

Chegou á estación de Renfe coa metade da lingua fóra da boca, tan fóra que a punta daquela lingua calada mollaba e ensuciaba o nó da garabata, que lucía as cores do arco da vella. Antes de suar aquela fermosa prenda de vestir arroupaba a elegancia dun home feito e dereito, acostumado a viaxar polos países europeos, rodando polos raís da maioría.

Sube ao vagón indicado (o oito) e diríxese ao asento que aleatoriamente lle asignara a aplicación informática de Renfe. Alí estaba sentada unha señora de cabelos longos atados nunha coleta fermosa, “coma o rabo da miña besta branca”, dixo Toño do Nazario, o pasaxeiro que ía sentado do outro lado do corredor central daquel coche de cinco asentos por fila.

Na metade do traxecto pasa o revisor e observa que o billete era para outro tren

A muller, como el, tiña o 9B. O mesmo asento en dous billetes diferentes, de dous pasaxeiros distintos, evidencia un erro, un pequeno erro sen consecuencias graves. Pero que pasa?, pregunta en voz alta o revisor. Nada, prosigue. Non pasa nada! Vostede séntese alí, naquel asento baleiro e imos vendo. Estaremos atentos ao algoritmo que, como saben, na actualidade é quen manda.

Ao volver, chega á estación e alí, na correspondente vía, aparece un tren con destino a onde el ía. Alá vamos, dixo. Non haberá problemas, todo parece estar en perfecta harmonía coa mirada alegre dos pasaxeiros, maioritariamente peregrinos que retornan ás súas casas.

Na metade do traxecto pasa o revisor e observa que o billete era para outro tren. Señor! Este billete é para o tren que vén detrás, máis retrasado que nós. Que fai vostede aquí? -Vou para a casa, señor ferroviario. -Vai para casa, pero ten que baixarse na próxima estación e agardar polo tren que lle corresponde. Un axente de seguridade, tan pronto pare o convoi, acompañarao ata a plataforma.

“O seu tren anda con retraso, pero eu non teño nada que dicir”, insiste o revisor. Vostede vai para fóra, polas boas ou pola forza. Para fóra e nada máis! Se quere pase pola oficina de información e alí daranlle as explicacións pertinentes. Renfe e Adif teñen subcontratas para atender aos pasaxeiros, para velar pola súa seguridade, e para reducir os gastos de persoal. Este aforro é para avanzar no benestar xeral da cidadanía. Con respecto a todo isto, a Tía Manuela é rotunda: “O importante é chegar”.

Contenido patrocinado

stats