Cortar o progreso

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 10 dic 2025 - 02:10

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Como se fose unha tradición cortar a arteria principal da cidade pra poñer o decibelio festivo comeza a ser unha costume que lle causa moitos problemas ós cidadáns. Mais como todo se fai pola festa, semella que esta anomalía sempre estará permitida. A autoridade local que soamente busca notoriedade optou hai tempo por divertir á parroquia e todo o demais que o parta un raio. Polo que, o que antes se facía na praza Maior que era colocar a arbore de Nadal, agora parece que non vale, pois hai que poñer unha estrutura de ferro tapando unha fonte fermosa nun espazo cheo de xardins. Ninguén protesta asi que, como ninguén da un berro nin aviso de que todo marcha moi mal, pois non queda outra que pasarnos ó bando dos silenciosos e deixar ós que soamente berran e latrican na barra do bar.

Ourense e o Concello xa hai anos que perderon o tren da seriedade e do progreso social. Eso certificouno o Carrabouxo nunha viñeta recente. Así que o mellor que se pode facer e louvar a quen desfai, pois os demais actúan de cando en vez quitándolle as castañas do lume ó que aínda hoxe é o alcalde. Ourense camiña ano a ano cara a irrelevancia política incluso dentro desta Galicia onde case todo está por vir e nunca chega. Nesta nosa cidade dende a chegada de Jácome case, sen decatarnos, o máis importante son as improvisacións e festas a golpe de moito bombo e decibelio. Todo o demais pasou a un segundo plano e non existe. Ninguén di nada, penso que deste xeito aínda así somos felices. As asociacións veciñais que sempre foron a punta de lanza reivindicativa sofren un silencio que arrepía. Mellor, confórmanse co pago dunha charanga para facer un ha festa. E os grupos da oposición están esperando que un xuíz cunha sentencia por malversación quite a un intrépido e atrevido que mal goberna a cidade coa súa panda. E deste xeito todos esperan que se produza o milagre. O Ourense do marasmo agrándase mentres no último pleno do Concello un concelleiro di que 17 son máis ca dez e fala de buscar un acordo. Mentres os demais sorrín pois non lle da creto a esas verbas. E claro, como o espectáculo sigue e sigue en cada pleno, todo camiña entre o aburrimento e a aceptación da situación actual. Mais eu pregunto: que pode acontecer se en febreiro o xuíz imputa o atrevido e deslinguado alcalde. E despois da imputación chega un xuízo e unha condena de inhabilitación? Seguirá de alcalde algún de DO? Ourense a cidade que anos atrás tiña certo creto e era escoitada en Compostela hoxe vive unha situación de espasmo. Está paralizada. E mira que ten grandes asuntos que arranxar. Pois fronte a rúa do progreso está a Alameda esnaquizada e a Praza de Abastos ocupando un espazo público importante mentres a restaurada está baleira. Mais diso xa case non se fala nesa casa de todos. Agora iso non interesa. O importante é vivir na fantasía do espectáculo sonoro que corta a arteria máis importante da cidade e causa importantes desvíos nos buses urbanos. Divertir á parroquia que vive cegada pola fantasía dos que non ven máis alá do seu propio nariz é o obxectivo principal. O demais que espere. Con todo, a ver se neste Nadal a alguén se acenden as luces e lle pon sentidiño o que acontece nesa casa de todos. En fin, esperemos acontecementos.

Contenido patrocinado

stats