O Cris de hoxe

Publicado: 12 ago 2026 - 03:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A iso das sete e media da tarde comeza hoxe o cris de sol que terá o seu punto máis escuro ás oito e vinte e oito e rematará as nove e dezaoito. E si. Eu que lles teño certa paixón polas palabras vellas, quero reivindicar cris, derivación popular de séculos atrás do cultismo medieval “eclipse” que é hoxe a de uso corrente en todas as linguas.

Dígolles máis. A palabra “cris”, masculina, aparece recollida co significado de eclipse de sol ou de lúa, na inmensa maioría dos dicionarios e vocabularios galegos. A saber: Luís Aguirre del Río (1858), Fco. Javier Rodríguez (1863), Cuveiro Piñol (1876), Marcial Valladares (1884), Francisco Porto (ca. 1900), Filgueira et alii (1926), Carre Alvarellos (1928, 1933, 1951, 1979), Bernardo Acevedo (1932), José Ibañez (1951), Eladio Rodríguez (1958), Franco Grande (1972), Constantino García (1985). Tamén é palabra que recolle o dicionario “Príberam” da lingua portuguesa que sinala “Nome masculino [antigo] Eclipse”. Non o recollen así, -aínda- o da Real Academia Galega nin o de Estraviz. E non era este mal momento para incluíreno ambos, aínda coa reserva do Príberam. O da RAG recolle “eclipse” como feminino -como todas as rematadas en se, desde frase a crise- e o de Estraviz, como masculino, como en portugués.

Pero sigamos. A palabra “cris” neste sentido (na lingua popular ten outros dous, en feminino, crise, digamos económica, ou o plural do pelo do pescozo do cabalo) é palabra moi usada literariamente por Valentín Lamas Carvajal, modelo de fidelidade á fala [A lúa tén os seus cris , non tan a miúdo como o diñeiro na faltriqueira dos probes, 1884] ou [Hai que vé-las cousas Goriño por un vidro afumado ansí como se miran os cris de sol, e inda que as vexa un brancas , hai que dicir que un as ve negras..., 1885]. E inda fai un conto “A cris de lúa” a propósito do eclipse total de lúa do día 4 de outubro de 1884, que o poden ler no número 48 do 12 de outubro dese ano.

Tamén Vicente Risco recolle no seu tomo -Etnografía espiritual- da coñecida como Historia de Galicia de Otero Pedrayo (1962) as tradicións -todas negativas- asociadas aos eclipses: “o sol e a lúa andaban a paus, e namentras tal acontecía, esmagábanse cantas plantas saísen da terra, e non se salvaban máis que as patacas e as cebolas. O sol vencía porque é macho, e a lúa quedaba moída. O cris trai desgracias, andacios, doenzas, malas colleitas, anos de fame. Non se deben comer as verduras riba das que pasou a súa sombra deica pasar vintecatro horas, nin botar o gando ó monte hastra que o sol quente un pouco, pois as plantas quedan apestadas”.

En fin a anterior eclipse total de sol que se viu en Galicia, o 17 de abril de 1912, foi descrita así por La Región ao día seguinte: “El Eclipse”. A la hora señalada, 10 y 25 minutos de la mañana de ayer empezó a verse el anunciado eclipse, que aquí en Orense fue parcial. En un momento se improvisaron infinidad de observatorios, viéndose por las calles gran número de personas con el consabido cristal en la mano. La luz solar se fue amortiguando poco a poco hasta adquirir un tinte de pálida tristeza, que parecía dar la idea del aniquilamiento de la vida. Luego volvió el sol a recobrar su antiguo aspecto, brillando con toda su intensidad. A Montealegre y otros lugares elevados de los alrededores de la ciudad, fueron bastantes personas a contemplar el eclipse, lo mismo que al observatorio del Instituto”.

Como ven, moito menos conto -e negocio- que o de hoxe. E si, teñan moito coidado coa vista... nas postas de sol de todos os días, que desas hai moitas e non son menos perigosas; porque para o seguinte cris total deberán ter paciencia e saúde sobra, pois será 17 de novembro de 2180. En fin, igual que din alumear ou iluminar, inflar ou inchar, digan o cris ou a eclipse, como lles preste. E que non haxa nubes hoxe.

Contenido patrocinado

stats