Cruces

Publicado: 08 mar 2025 - 00:08

Cruces
Cruces

Omeu amigo e mestre de galeguismo, Rodolfo Prada, xunto con Xosé Núñez Búa e Luís Seoane, foron os encargados da fermosa e coidadísima edición do libro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, As cruces de pedra na Galicia, que saíu do prelo da Editorial Nós de Bos Aires, o vinteoito de xuño de 1950. A comezos de xaneiro, estes tres patriotas galegos, tiraron o primeiro caderniño da obra, para que Castelao, ferido de morte, puidese asinalo. Se o Sempre en Galiza de Castelao é considerado o cerne do seu pensamento, As cruces... é a alfaia que a resistencia política e cultural que a Galicia Ideal -denominación do propio Castelao- aportou ó noso país, nunha das peores etapas da súa historia. Curiosamente, ambas e dúas publicacións foron iniciativa do Centro Ourensán de Bos Aires, cuxo protagonismo, durante a dictadura franquista, aínda non foi recoñecido. A Ed. Galaxia, tamén creada en 1950, polos galeguistas do interior, fixo unha edición facsimilar de As cruces... en 1984. Foi en conmemoración do traslado dos restos mortais do Guieiro. Desde o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, no cimiterio da Chacarita, ó Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, Compostela.

As verbas limiares do autor son abondo claras e o comezo velaí está: “Sabido é que a cruz-siño simpre, formado por dúas liñas que se cortan perpendicularmente- provén de tempos prehistóricos e, pol-o tanto, xa non se pode considerar como cousa privativa do cristianismo a calisquera moimento que porte o cuño da cruz.”.

Castelao pregúntase se será verdade que a cruz, desde a súa orixe, foi símbolo de vida, de saúde, de conforto e salvación...Un talismán preservador, tanto para xentís coma para cristiáns? Repasa a ansada, a áncora crucífera e demórase na swástica do Miño, un par de eslabóns entrelazados. Un petróglifo que semella imitar o movemento da roda xeradora do lume ou ser símbolo místico do sol. Quen o sabe? Remata o capítulo inicial afirmando que os petróglifos galegos son anteriores á nosa era, pasando a seren, logo, consagrados e usados polo cristianismo. Aí esta o engado creador de mitos, o pensamento dos devanceiros, a interpretación do pobo. As pedras ouriceladas dos nosos montes demostran que a cruz e mailo círculo, son irmaus. Enxendrounos a preocupación cósmica, proliferaron pola necesidade de protección dos deuses, recuperounos o cristianismo e, sobre todo, perduran. Son inmortais, conclúe Castelao.

Castelao pregúntase se será verdade que a cruz, desde a súa orixe, foi símbolo de vida, de saúde, de conforto e salvación...

Non vou debullar polo miúdo o que o risnxeiro investigou, interpretou e deseñou naquela altura. Tampouco outras cruces por il vistas e recollidas, como as da Bretaña. Non é o lugar nin é do caso. Pecha il cun seu Envío. Unha breve nota do vinte de xullo de 1946, na que anuncia a fin do seu traballo. Dedícallo, como proba de lealdade, ós seus compañeiros dos Seminario de Estudos Galegos. Ata eiquí a lembranza, penso que ben acaída, dun volume que me deslumbrou o día que D.Rodolfo Prada -sempre tan cordial e didáctico, un corazón nobre coa mocidade- mo puxo diante dos meus ollos adolescentes. Foi na biblioteca do Centro Galego de Baires, cidade na que nacín e medrei.

Quedo cunhas cantas dúbidas respecto do simbolismo da cruz. Para min, como símbolo, ten unha función de síntese e medida. Nela xúntase o ceo e maila terra, mestúranse o tempo e o espazo, É coma un cordón unbilical nunca tronzado; liga o cosmos co centro orixinal. De todos os símbolos resulta ser o máis universal, o máis totalizante. A cruz comunica, de arriba abaixo, de abaixo arriba. Organiza e recorta, ordena e mide os espazos. Non só os sagrados, como os templos, capelas e oratorios, tamén deseña as prazas das cidades, atravesa os campos, dispón os cemiterios, marca emcrucilladas...No seu punto central érguese unha pedra, un totem, un mástil, un cruceiro... Hainas de formas moi distintas, a dos evanxeos, cun só traveseiro, a de tres, que corresponde á xerarquía.

Non, esta vez non puiden falar e contrastar opinións, sobre cruces e sobre as nosas cruces de pedra, co anxo Atheán. Seguro que será noutra ocasión.

Contenido patrocinado

stats