Un crucificado na Inglaterra romana

Publicado: 11 abr 2026 - 07:05
Calcáneo do esqueleto 4926 de Fenstanton e Santo Cristo de Ourense.
Calcáneo do esqueleto 4926 de Fenstanton e Santo Cristo de Ourense.

Ás veces costa diferenciar casualidade e causalidade. O caso é que nesta última Semana Santa, liturxia que conmemora da morte na cruz e posterior resurrección de Xesús, lin un artigo de David Ingham, arqueólogo da empresa Albion Archaeology, e Corinne Dubig, profesora asociada e directora de Estudos de Arqueoloxía no Wolfson College, da Universidade de Cambridge. Titúlase “Crucifixion in the Fens: life & death in Roman Fenstanton”, ”Crucifixión en Fens: vida e morte no Fenstaton romano”, publicado na revista British Archaeology de xaneiro/febreiro de 2022. Fenstanton e unha pequena localidade do condado de Cambridgeshire e comarca dos Fens, zona de marismas no occidente inglés. Nunhas sondaxes arqueolóxicas previas á construción dunha urbanización, a dita empresa de arqueoloxía deu con cinco necrópoles relacionadas co asentamento romano de Fenstaton, estratexicamente situado na calzada romana denominada Via Devana, que unía as actuais cidades de Godmanchester e Cambridge .

Entre os restos óseos descubertos nas tumbas, o rexistrado como “esqueleto 4926” presentaba unha particularidade que o facía moi especial: conservaba un cravo de ferro que atravesaba o óso do talón. Este feito, xunto con outros exemplos que proporciona a arqueoloxía, conduciu ao equipo de Albion Archaeology e á dita profesora universitaria a interpretar que o individuo fora fixado -cravado- a unha estrutura de madeira. Seguramente tratábase dun crucificado que viviu, entre os ss. II e IV d. C., etapa na que foi inicialmente datada a necrópole. Estímase unha idade de morte entre 25 e os 35 anos. Como formulan os autores da publicación, Ingham e Dubig, é moi factible que, en efecto, se trate dun crucificado como xa alertaban achados arqueolóxicos doutros territorios do imperio romano e que eles mesmos citan: os esqueletos de La Larda, en Italia, de Mendes, en Exipto e o Giv’at ha-Mitvar de Xerusalén.

O esqueleto tiña, como o n.º 4926 de Fenstanton, o óso calcáneo atravesado por un cravo para suxeitalo a un madeiro, que neste caso concreto era de oliveira

Quizais algúns de vostedes recorden que previa Semana Santa de 2023, escribía nestes Diarios do Pasado un artigo titulado “Crucifixión”. Nel facía referencia a un destes achados arqueolóxicos, neste caso da mesma época de Xesús, no que se descubriron os restos dun home crucificado, de nome Yehohanán. Foi na dita necrópole de Giv’at ha-Mitvar de Xerusalén. O esqueleto tiña, como o n.º 4926 de Fenstanton, o óso calcáneo atravesado por un cravo para suxeitalo a un madeiro, que neste caso concreto era de oliveira. Dedúcese, como lles contaba, que Yehohanán morreu crucificado cun cravo por cada pé que o suxeitaba ao fuste de madeira -”stipes”- da cruz e, quizais, os brazos suxeitáronse ao madeiro transversal -”patibulum”- con sendos cravos que atravesaban os ósos dos pulsos. Conforme a protocolos documentados, presentaba as tibias fracturadas, debido ao golpe de gracia -“crurifragium”- para acelerar a morte do condenado, porque ao non poder utilizar as pernas como apoio, dificultábase a respiración, precipitando o fin.

As escavacións arqueolóxicas van confirmando de forma empírica as penas de crucifixión na antigüidade. Antes que Roma utilizábana, con distintas modalidades, persas, fenicios, cartaxineses ou gregos. Os romanos aplicaban esta condena sumamente cruel e infamante -unha das “summa supplicia”- aos non cidadáns reos de delitos contra os valores esenciais do Estado. Son detalles que, sen dúbida, axudan a comprender a terrible paixón que conmemoramos na Semana Santa.

Contenido patrocinado

stats