Benito Iglesias
Sin la Diputación, ¡Ourense colapsa!
Coñecín a Giulio Einaudi en París. Foi a finais do século pasado, cando el xa era un home digamos que de certa idade. Coincidimos nun hotel, veciño da Sorbonne, no que celebramos unhas maratonianas sesións, nas que tamén participaba Daniele del Giudice, o novelista italiano; unhas sesións nas que atendiamos ós requirimentos dunha manda de profesoras, alí convocadas, que se fartaron de nos espremer coma limóns; entendido sexa no millor sentido da expresión: eran xente de letras, devotas das literaturas comparadas, amantes das novelas; pero non, que se saiba, dos novelistas.
Nin uns nin outras entenderon moito por que eu escribía en galego. Era o que máis lles chamaba a atención. Conste que ás veces eu tampouco non o entendo moito, pero así é. E tan campante. Del Giudice non falaba nin aclaraba moito. Permanecía á espreita, o axexo máis ben do que dicía Einaudi mentres que Giuliano Soria, autor e responsable da convocatoria, se mantiña atento, dono dun sorriso escéptico e algo melancólico ante as nosas respostas, por un lado, e as preguntas das participantes polo outro.
Do dito por Daniele del Giudice só recordo o seu asentimento ante unha afirmación de Einaudi que me deixou pampo. O gran editor turinés apostou con absoluta firmeza por que, os autores italianos, deixaran de escribir no seu idioma, á fin e á postre case que un invento decimonónico, algo recente e improvisado logo de Garibaldi e os seus afáns. Iso dixoo el, non eu, conste; pero igual razón non lle faltaba; que sei eu. Del Giudice sumouse a tal opinión subscribindo a realidade imposta polo inglés e optando (coido que logo seguiría escribindo na súa lingua) por defender o feito de que escribir en inglés íalles dar, ós autores italianos, a repercusión da que carecían a inmensa maioría deles.
Saín do envite como puiden. Eu era (son) un escritor galego que escribía na súa lingua máis propia, así que recoñecín que o feito de publicar en inglés sen dúbida podería proporcionarlles maiores rendibilidades, pero que aí estarían agardando por eles e coa escopeta cargada os intereses socio-politicos conseguintes, dispostos todos eles a defender a tendiña propia; é dicir, máis ca tendiña propia, a cadea de supermercados e grandes almacéns.
Ante o ollada, denotadora de certo desacougo na concorrencia, argumentei que nós, os escritores galegos, tiñamos a man o español e mailo portugués, pero ollaron pra min cunha certa cara de conmiseración que me levou a afirmar que sempre teriamos máis dominio do español do que eles terían nunca, enténdase que considerados colectivamente, do inglés. Seguíronme mirando non sei se estupefactos o condescendentes.
Ante a miña resposta requiríuseme pra que respondese como me comportaba respecto do uso do español, unha vez situado nas coordenadas que acababa de fixar eu mesmo. Respondinlles que traducíndome dunha lingua a outra. Non é que daquela tivese eu xa escritas as novelas que xa levo escritas hoxe, pero debín recoñecer que a empresa era ardua e cansina, ó tempo que tamén se trataba dunha afirmación que hoxe entendo xa como algo gratuíta pero que sigo practicando; a de sentar que non renuncio a ningunha das dúas linguas, dos dous idiomas que me legou a Historia do meu pobo. Só souberon responderme algo no que ó parecer estiveron de acordo aquel feixe de profesoras amantes da Literatura: quest’uomo è una forza della natura, dixeron e a min sonóume algo así como a pobriño.
Todo isto veu traido a conta de Einaudi en razón de que, no seu momento, dixo que “se un editor se limita a ofrecer millóns por un autor famoso, a través de axentes que, con tódolos respectos polo seu dificil traaballo, terminan ocupándose sobre todo dos autores nacentes ou dos consegradísimos, ó final o editor atópase cun inquietante e quizais imprevisto baleiro ás súas costas”.
Agora, cando xa son dono (é un dicir) dunha idade case que tan provecta como a que calzaba Einaudi no encontro de París, unha escritora nova, á que eu estimo moito, consúltame encol da conveniencia de se arrimar a unha axencia literaria pra ver de endereitar os servidumes ós que, todos os escritores, pero máis os máis novos e os máis vellos, todos, estamos sometidos.
E que lle digo eu a esta moza? Pois acaso que falando inglés como fala e escribindo en inglés como o fai, non se traicioe a si mesma escribindo noutra lingua que non sexa a propia, pero si traducíndose e arrimandose a un ou a unha axente literaria que exerza no mercado anglosaxón. Será o xeito de que lle cante outro galo e se poida esquecer do inutil cacarexar do galiñeiro.
Digoo porque o galiñeiro nacional fai boa a convicción de que a galiña é un dos animais máis crueis que existen. É suficiente con que unha galiña se faga unha feridiña e sangue pra que, o resto delas, se lle veña enriba e comezen a peteirar nela ata delixala pouco menos que feita unha sangoenta pulpa.
Tornado agora ó rego. Non sei que terá sido de Daniele del Giudice. Morreu Einaudi, morreu Giuliano Soría, tamén morreu Beppe Tavani, o profesor Tavani, e morreron tantos outros e bos amigos que un xa é cosnciente de que hai que ter o pe cerca do estribo por se hai que se sobir ó cabalo do que non desmontas en calquer momento.
Non se entenda mal isto que digo, nin o que comento e que puidera parecer que son o mesmo, pero que non o son, nin moito menos. Unha das vantaxes que nos ofrece a vellez é a da desinhibición que aporta. Xa nada importa aquilo que digas, ou a penas nada, nin tampouco importa moito o que, por conta delo, poidan dicir os demais. Ser consciente do tempo que resta ofrécenos unha liberdade coa que nunca soñaramos ata sermos conscientes dela. Algún día, acaso como consecuencia do libro que acabo de botar á rúa nestes días,”A conto de Fraga” é o seu título, escriba outro “a conto do literario” no que conte as miñas reducidas experiencias coas axencias literarias. Espero poder chegar así a tempo de lle responder millor á miña amiga.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PREVENCIÓN Y DIAGNÓSTICO
“New Heart”, un proyecto de Galicia y Portugal que mejora el estado del corazón