Lelenco e o ronsel dos Estudos abertos-3

ARTE ET ALIA

Publicado: 09 nov 2026 - 06:50
A pintora posando de perfil cos retratos de “Moedas de cambio”.
A pintora posando de perfil cos retratos de “Moedas de cambio”. | La Región

Dan comezo con L.S.Y.T. S.D.A., en Alterarte, as exposicións do novo curso docente na sala de arte da Universidade de Vigo no campus de Ourense, pequena de tamaño mais elo nunca ten restado ambición aos seus punteiros postulados plásticos, como nos teñen afeito os coordinadores que seleccionan os comisarios dos proxectos. Así antes de 2023 co Dr. Xosé Manuel Buján, e agora co Dr. xubilado da facultade de Educación e Traballo Social Javier Blanco Sierra, Xavier Riomao como artista, quen ideou un novo ciclo expositivo, Materia e tempo, concepto que abre coa exposición de Natasha Lelenco (Chișinău, 1982), artista orixinaria da República de Moldova, quen vive entre nós dende fai lustros e taller no barrio da Ponte. Na súa formación acadou grado de licenciada en Belas Artes na Universidade de Arte e Deseño de Cluj-Napoca, na Transilvania central de Romanía, trasladándose a Galicia en 2008, e graduándose fai pouco en Historia da Arte na UNED de Ourense, cidade na que reside.

Unha manchea de tondos de madeira pintados, técnica mixta con acrílico, nos que Lelenco retrata de perfil bustos de emigrantes sobre un fondos de intensa cor e, nos seus bordes, insire unha inscrición separando as palabras por unha interpunción ao xeito das inscricións romanas, un formato e. Esta é a frase, en español, Lo siento, yo tampoco soy de aquí, de onde en siglas LSYTSDA, que vai tamén noutros idiomas, caso do francés, Je suis desolé je ne suis pas d’ici; e outras frases “Si hay suerte si me salvo tengo que ayudarles”, “Nunca havia deixado a minha terra por tanto tempo”, “Para que sean alguien que hagan su vida aqui”... dalgunhas caras das moedas da numismática clásica. Son rostros de diferentes etnias e mestizaxes. Teñen así visibilidade dende as facianas, e das voces na instalación. Mais malia pretender destacar as singularidades o impacto global da sala é unha morea co formato de moeda-ficha. Eis a percepción dos movementos migratorios, sempre tan traumáticos, recoñecendo a autora que “hai capas [e] historias”. Achámonos ante un proxecto itinerante, como non podía ser menos, amosado xa na Trienal de Tijuana, México, 2022, e parece que irá dende aquí ao museo Etnolóxico de Ribadavia. Da dureza da emigración podería Galicia falar moito xa dende os tempos históricos de Cuba, México ou Arxentina. En Ourense hai un lugar especial que é metáfora, o miradoiro dos Torgás, en Parada do Sil, nas inmediacións do canón do Sil, ao que lle chaman “os balcóns de Madrid”...

Por tras de Lelenco está Tomás Lijó, dirección de produción, e a Casa das Peritas, Mallas/Fisterra (A Coruña). A autora participou nestes pasados días tamén en Estudos Abertos-3, invitando ao seu estudo a Tareixa Taboada. Esta acción estético-empresarial desenrolouse en dúas fins de semana, a primeira con artistas da provincia dos que destaco a Ehlaba (Xunqueira de Espadanedo), Moreiras (Vilanova dos Infantes) no seu novo estudo e en Verín Fernando Barreira, por vez primeira, ao igual que Moncho Conde, no seu antigo estudo de Ourense e a fundación Quesada-Blanco en Paradela-Vilar d’Astres. Foron máis de 45 artistas amosando o seu quefacer en 24 espazos, entre elas as galerías, coa coordinación da Maquinadora. Impresionante.

Contenido patrocinado

stats