Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Contra la retórica
Enerxías máis limpas cás da auga e o vento, non hai. Por iso desde que o mundo é mundo, ao pé dos ríos e regatos houbo quen moía e quen, en fin, pasaba a noite de troula e muiñada. E que imos dicir do vento? De Míkonos á Mancha parecen cousa de terras planas onde non hai augas correntes. Pero non só. Tamén nós tiñamos aquí algunhas ducias deles, como o que houbo en Gustei e do que á penas quedan lembranzas e restos. Pero habendo tanto río e riacho era bastante parvada fiar no deus Eolo, que sopra, ou non, segundo lle pete.
Si. Chegaron os tempos da era eléctrica e empezaron a xurdir as “fábricas de luz” a finais do século XX, como o da foto ao pé da Ponte Vella, nos Remedios, montada por Conde Valvís, e que queimaban carbón e botaban fume por unha cheminea que trouxo á cidade, como construtor, ao primeiro Estanislao Reverter da saga.
Despois, en tempos nos que protestar non se podía moito, viñeron os encoros e deixaron de seren os ríos esas “correntes continuas de auga” que estudabamos. Subamos Miño arriba: Frieira, Castrelos, Velle, Os Peares, Belesar... Subamos polo Sil: San Estevo, Sequeiros, San Martiño, Santiago, Pumares, Penarubia... Vaiamos ás augas do Bibei e afluentes: Montefurado, Ponte Bibei, Santo Agostiño, Pías, San Sebastián... e Prada e Santalla no Xares; Portas, no Camba; Soutelo, no Cenza; Hedras, no Conso; Cernado e San Miguel, no San Miguel; Chadrexa, Guístolas, San Cristovo e Pontenova no río Navea. Visitemos os do Limia, As Conchas, Lindoso... o do río Salas... Ou na terras do Avia, o encoro de Albarellos... Por só falarmos dos grandes... En fin, a terra dos mil ríos que somos por natureza, converteuse na terra dos mil encoros. Non cabe un máis.
E os ventos. Muíños acollidos con agarimo ao principio da era Fraga, na cima das cordais como enerxía limpa, teñen agora grande oposición. Os novos exemplares chegan aos 200 metros de alto (tres veces a torre de Ourense, para que se fagan unha idea) e a súa posible colocación nos montes de Celanova e do sur de Ourense, da Costa da Morte, de Baiona... acenden unha riola de protestas, principalmente polo evidente impacto visual.
En fin. A opinión pública está moi sensibilizada cos temas enerxéticos. Embalses non, asolagan terras. Grandes muíños non, afectan á paisaxe e, seica, molestan aos poucos veciños que viven ao seu pé. Térmicas non, a máis sucia das enerxías eléctricas. Que nos queda? Coller as cousas con calma, ver o que xa é irreversible -tipo embalses e muíños xa instalados- e estudar sen límites nin prexuízos as novas fontes que se poñan en produción. A verdade é que, segundo a EGA (Asociación de Eólicas de Galicia), a produción en 2020 só contando coa enerxías renovables -eólica e hidroeléctrica- cubriron o 103 por cento da demanda total galega. Debemos poñer, logo, máis muíños? Pois si. A enerxía eléctrica é un valor clave no mundo actual e se podemos seguir exportando e beneficiarnos máis do tema, magnífico. En Portugal, -con plataformas parcialmente construídas en Galicia- andan co parque de aeroxeneradores flotantes enfronte de Viana do Castelao. En Europa do norte andan tamén niso desde hai tempo. No mar reden, seica, o dobre ca en terra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último