Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
La plaza de la biblioteca, un urbanismo de posibilidad
Gonzalo Pérez Jácome leva case sete anos á fronte da alcaldía de Ourense, pero fala como se aínda estivese na oposición. A Deputación, a Xunta, o Goberno de Madrid e as “elites” non fan outra cousa que discriminar á cidade, sendo os auténticos culpables de todo canto non funciona. Somos a “cincenta”, a vítima manifesta dunha conxura de poderes externos que cobizan lastrar noso porvir. Que o noso cuñado omnisciente ocupe o cargo de rexedor municipal desde 2019 non entra no relato. Mais esta lóxica non lle é propia nin exclusiva. É exactamente o mesmo esquema que o PP repite na Deputación provincial e na Xunta, que gobernan practicamente sen interrupción desde a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981. Mesma familia política, mesma gramática do agravio permanente.
O máis significativo non é que esta dereita goberne mal, senón que a desfeita cumpre unha función deliberada"
O conservadurismo contemporáneo non é un corpus ideolóxico con contido substantivo. É un sistema que se define exclusivamente polo que combate, non polo que propón. Corey Robin, en “The Reactionary Mind: Conservatism from Edmund Burke to Donald Trump”, demostra que a dereita é estruturalmente reaccionaria, que cada reformulación histórica é resposta a un movemento emancipador previo e nunca unha iniciativa propia, e que esa capacidade de adaptarse ao adversario de cada época é o segredo da súa resiliencia. O inimigo muda -comunismo, feminismo, sanchismo- mais a lóxica permanece inalterada. Sen adversario activo e constituído, a dereita non ten razón de ser, nin programa que defender, nin resultados que xustificar. Nese baleiro, basta con resistir e manter vivo o medo.
O que cómpre explicar é como un partido sempre no poder mantén o rol de permanente damnificado. A resposta está na distribución sistemática de responsabilidades que xera na praxe esta matriz negativa como sistema político definido polo que impugna. Todo o que funciona é mérito propio. O que vai mal remite cara fóra, ao executivo central, á oposición na casa, á burocracia europea ou a forzas e medios críticos. Este mecanismo require que o adversario apareza como inevitablemente máis poderoso que a súa morosa xestión. É a razón pola que o PP dedica máis enerxía a denunciar competencias alleas que a exercer as que lle corresponden. Precisan que outro sexa culpable porque, se non o fose, terían que dar conta de décadas de dominio territorial sen resultados que o acrediten.
O máis significativo non é que esta dereita goberne mal, senón que a desfeita cumpre unha función deliberada. Só un territorio descapitalizado, dependente, sen horizontes laborais para os máis novos e condenado á emigración estrutural, cunha rede clientelar fondamente arraigada, é controlable. O recurso permanente a fondos e recursos procedentes de Europa, do Estado, da Comunidade Autónoma ou da corporación provincial, que rara vez alcanzan a súa capacidade potencial de execución, non é impericia. É o ecosistema no que prosperan intermediarios que distribúen recursos, artellan lealdades e eluden a rendición de contas. Dito con precisión analítica, son xestores da mediocridade, responsables dun modelo que nunca precisou producir resultados reais para sobrevivir electoralmente, porque o seu motor non é a proposta, senón a administración de receos e expectativas reducidas ao mínimo do tolerable.
Ourense condensa o modelo coa claridade que ofrecen décadas de hexemonía dunha caste inmobilista. A provincia perdeu un terzo da poboación entre 1977 e 2018, o descenso relativo máis pronunciado do Estado nese período. A suposta recente recuperación, impulsada pola inmigración, que non por un desenvolvemento xenuíno, non alterou ningún dos factores que explican o declive. A estrutura de propiedade da terra, atomizada e enredada en xeracións de herdanzas sen regularizar, imposibilita a reordenación produtiva do rural e condiciona mesmo a resposta aos incendios. O agropecuario languidece diante dos seus ollos. Os servizos retroceden, pero focalizan en máis Garda Civil. A mocidade marcha, agás a súa. Nada disto responde á fatalidade. Son expresións dunha gobernanza sen expectativas, concibida para manter dependencias e non para superalas, co único obxecto de perpetuarse no poder.
A matriz negativa non ten proxecto porque nunca o precisou. O espectro que integra neoreaccionarios, nacional-conservadores e posliberais confirma o mesmo patrón a escala global. A ausencia de programa non é debilidade, senón condición de funcionamento. O inimigo muda de forma mais o mecanismo permanece inalterado. Do “perigo soviético” aos “zurdos” de Milei ou a “ideoloxía woke” da galaxia MAGA. O obxectivo é invariablemente desviar a atención fóra de si mesmos, cara o inimigo construído, para agochar a inanidade e a grisalla, a carencia de deseño de país e cidade, e a insoportable falta de acertos. Rueda apunta á Moncloa. Menor á burocracia de Madrid e Bruxelas que asfixia o progreso. Pérez Jácome ás elites que fan de menos e desatenden a Ourense. A gramática do agravio ao servizo de perpetuar exactamente o que hai. Xestores da mediocridade que nos levan cara o abismo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
La plaza de la biblioteca, un urbanismo de posibilidad
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Florentino sobre patines
Juan José Feijóo
Yolanda, yo sigo
Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
La niebla
Lo último
"JURÍDICAMENTE INCOHERENTE"
Begoña Gómez reclama a Peinado que paralice la causa hasta que se resuelva su recurso contra el jurado popular
10 AÑOS DE TRAYECTORIA
Tanxugueiras publica O cuarto: "La tradición para nosotros es como papá y mamá"