Da Praza de Abastos á trincheira política populista

Publicado: 18 dic 2025 - 05:40

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O Concello notificou aos comerciantes da Praza de Abastos a orde de desaloxo para o 9 de xaneiro. Sete anos de bloqueo, con Democracia Ourensana á fronte da Casa Consistorial, rematan cunha expulsión en plena costa, tralos Reis Magos. Alén do cruel prazo, o Concello recepcionou oficialmente en 2024 un edificio que custou millóns de euros públicos e que está incompleto. As obras non remataron, xa que resta o acondicionamento interior básico para que os postos funcionen. Pero o alcalde esixe que sexan os propios praceiros quen paguen do seu peto o que o municipio debería ter feito. Namentres, pouco antes do verán, Barcelona asinaba co Banco Europeo de Investimentos un préstamo de 175 millóns para modernizar, entre outras infraestruturas, os seus mercados municipais. O contraste pon de relevo o que está en xogo: visión de cidade contra improvisación, investimento público produtivo contra desleixo.

Os liderados populistas aspiran á fabricación continua de conflitos secundarios, que serve para desviar a atención dos fracasos de xestión primarios

Londres revitalizou o Brixton Village, un mercado en decadencia convertido en referente de economía local e cohesión social. A municipalidade de Turín xestiona Porta Palazzo, o maior mercado europeo ao aire libre, como motor de integración e innovación gastronómica vencellado ao movemento Slow Food. En París, o Marché des Enfants Rouges, o máis antigo da cidade, funciona como ancoraxe cultural e identitario dun barrio xentrificado. Estas urbes entenderon algo fundamental que Ourense semella ignorar: os mercados municipais non son reliquias do pasado, senón infraestruturas estratéxicas. Exercen de epicentro de dinámicas sociais, crean emprego local, artellan cadeas curtas de abastecemento e funcionan como espazos de convivencia democrática. Europa inviste neles porque sabe que vertebran o tecido urbano. Ourense destroza o que ten.

O noso caso vai alén da incompetencia administrativa. Trátase dun disparate de xestión pública que arroxa luz sobre un nomeado patrón de comportamento. En primeiro termo, o Concello executa unha rehabilitación multimillonaria do histórico edificio. Despois, sela oficialmente a recepción das obras malia que o interior está sen rematar. Cando os praceiros sinalan que non poden trasladarse a un espazo non operativo, Pérez Jácome os acusa de incumprir o convenio e, tirando de manual populista, os tacha de “privilexiados”. Finalmente, anuncia non só o desaloxo da Alameda, senón tamén a retirada das concesións que legalmente lles restan. E durante todo este tempo rexeita as ofertas de financiamento da Xunta e da Deputación para completar o acondicionamento. Non busca que a Praza funcione. Busca botar ás familias para entregar o espazo a outros intereses.

Hai outra dimensión a salientar. O comportamento do alcalde responde a unha estratexia de comunicación política documentada na literatura sobre populismo e xestión da atención pública. Hai poucos días, referíase despectivamente a “el Bilbao”, buscando conectar cuns pretendidos sentimentos antivascos e devir novamente bufón de España. Pero o Athletic Club non é inimigo de Ourense, é un club irmán que conecta Galicia con Euskadi, activa a economía e vai atraer miradas sobre a cidade. Este tipo de provocacións non buscan construír nada. Buscan xerar ruído que tape o desastre da Praza. Porque os liderados populistas aspiran á fabricación continua de conflitos secundarios, que serve para desviar a atención dos fracasos de xestión primarios. Mentres se fala “do Bilbao”, mentres cada semana se inventa un novo inimigo, a Praza avanza cara o seu peche e os praceiros seguen nun limbo xurídico.

A Praza de Abastos é o símbolo dun modelo de goberno que nega os principios básicos da democracia local.

Ourense podería ter un recinto que revitalizase o centro histórico, que xerase emprego vinculado ao noso produto de calidade, que atraese visitantes interesados en gastronomía galega, que funcionase como espazo de encontro comunitario. Todo iso require algo que Jácome non ten: visión de cidade. Joan Subirats, referente en gobernanza local, explica que o reto do municipalismo contemporáneo consiste en converter os servizos públicos en bens comúns onde a cidadanía participe e se empodere, non en ferramentas de poder persoal. O modelo que Ourense sofre representa o oposto. Non hai consensos, non hai colaboración institucional, non hai proxecto compartido. Hai só un alcalde que utiliza o Concello como arma de confrontación permanente e que converte cada servizo público nunha trincheira política segundo lle conveña no ciclo populista-electoral.

A Praza de Abastos é o símbolo dun modelo de goberno que nega os principios básicos da democracia local. Mentres Europa inviste centos de millóns porque entende o valor estratéxico dos mercados, Ourense recepciona obras incompletas e esixe aos comerciantes que as rematen de seu peto. Os praceiros enfróntanse a un desaloxo, a cidadanía perde un servizo esencial e a cidade enteira paga o prezo dun alcalde que confunde gobernar con guerrear. Sete anos destruíndo o que se debería construír. Sete anos bloqueando o que debería funcionar. Sete anos instrumentalizando o interese xeral contra calquera que non se someta ao seu prace. Ourense merece moito mellor. Merece liderados que resolvan, non que xeren problemas. Merece un Concello que asuma as súas responsabilidades, non que fuxa delas. E merece unha Praza que funcione para a xente, non contra ela.

Contenido patrocinado

stats