Pilar Falcón
DÍAS Y COPLAS
La cara oculta es mujer
O domingo 12 de abril os húngaros deciden nas urnas se Péter Magyar substitúe á fronte do país a Viktor Orbán, no poder desde hai case dúas décadas. O que está en xogo vai máis alá das fronteiras húngaras. O líder ultra bloqueou durante meses a axuda europea a Ucraína, paraliza por sistema decisións comunitarias que afectan a 450 millóns de persoas e opera como aliado declarado de Moscova e da administración Trump dentro da Unión. Debrecen, a segunda cidade de Hungría, é un caso paradigmático para comprender como funciona este réxime iliberal por dentro. Non porque sexa representativa de todo o país, senón porque concentra nun único territorio todas as contradicións que definen o sistema orbanista e o abismo que media entre o relato oficial e a vida cotiá dos seus residentes.
O consumo de auga da factoría duplica as estimacións oficiais nun territorio que cada ano sofre dramáticas secas"
Debrecen ten uns 200.000 habitantes, un centro histórico restaurado con fondos públicos de Bruxelas e candidatura a Capital Verde Europea 2027. Durante décadas ten sido fortaleza do Fidesz, o partido de Orbán, que controla o concello e as circunscricións da zona. A pouca distancia, nunha área industrial de centos de hectáreas entre Debrecen e o municipio de Mikepércs, erguéronse almacéns e grandes chemineas a carón de terras agrícolas. CATL, o maior fabricante mundial de baterías de capital estatal de China, constrúe alí a meirande instalación industrial de Hungría, con 7.300 millóns de euros de investimento prometido e 9.000 empregos anunciados. Toda unha contradición. Un goberno ultranacionalista cun ideario arredor do rexeitamento da inmigración abre as súas portas a Pequín e trae man de obra chinesa e filipina para facer funcionar a fábrica.
Os impactos ambientais da instalación son sistematicamente agochados e silenciados. O consumo de auga da factoría duplica as estimacións oficiais nun territorio que cada ano sofre dramáticas secas. Produtos químicos altamente tóxicos foron almacenados sen autorización previa. A empresa foi sancionada por contaminar unha canle local, pero os veciños só o souberon a posteriori, a través de fontes informais. Cando o director da empresa municipal de augas alertou sobre os riscos, foi cesado e substituído. Esta opacidade non é unha excepción en Hungría. É o resultado tras case dúas décadas de captura sistemática das institucións do Estado por parte do Fidesz. Tribunais, fiscalía, administración e medios de comunicación operan como extensión do partido de Orbán. Non existe mecanismo de control independente que funcione. A denuncia chega tarde, se acaso sobrevén, e raramente implica consecuencias.
Eva Kozman, activista veciñal con tres fillos, á fronte da Asociación de Nais de Mikepércs polo Medio Ambiente (MIAKÖ), leva catro anos percorrendo o territorio para dar conta dos impactos. A súa berlina vermella é ben coñecida nas chairas da contorna. Reuniu 12.000 sinaturas pedindo ao alcalde que privilexiase o benestar dos veciños sobre as multinacionais. Non obtivo resposta. O xornalista Tamas Polgar Toth, do soporte independente Debreciner, un dos poucos que aínda resisten, documentou que a poboación caeu un 6,45% entre 2011 e 2025, mentres a localidade veciña de Bocskaikert medrou un 37% ao absorber os habitantes que marchan por mor dos prezos. CATL promete milleiros de empregos, pero os locais ven chegar traballadores foráneos. Laszlo Mandi, concelleiro de oposición, resume a situación nunha frase: “Debrecen foi sempre un laboratorio para o sistema Orbán”.
A expresión de Mandi é precisa. A localidade concentra nunha escala manexable o que o orbanismo fixo a nivel nacional. Anunciar grandes proxectos cuxa rendibilidade política reside no anuncio, non nos resultados. Silenciar e intimidar a crítica a través do control dos medios e a substitución dos funcionarios díscolos. E canalizar o malestar cara a inimigos externos para desviar o foco das responsabilidades propias. Consciente do seu simbolismo, o partido opositor Tisza intenta capitalizar o descontento e celebrou en Debrecen varios dos mitins máis concorridos da vixente campaña. Orbán tamén escolleu esta praza para o seu penúltimo acto electoral, todo un baño de masas días antes do voto. László Papp e Gonzalo Pérez-Jácome son dous rexedores que comparten máis que o cargo. A cidade como escaparate dun engano, o inimigo externo como único recurso recurso e a nula tolerancia coa discrepancia.
Achegarse á experiencia doutros concellos ten un valor que vai alén da soa curiosidade. Permite identificar mecanismos políticos que operan a escalas moi distintas pero cunha lóxica compartida. Entre Debrecen e Ourense median case tres mil quilómetros e contextos políticos radicalmente diferentes. Pérez-Jácome non dispón dos instrumentos dun Estado capturado nin eliminou a independencia xudicial nin controla o ecosistema mediático provincial. A diferenza de grao é real e non debe minimizarse. Pero o modelo de liderado que subordina o interese colectivo ao rédito do gobernante e fai da cidade un instrumento ao servizo da súa persoa recoñécese neste lado do mapa sen dificultade. Observar o que ocorre en Hungría non é excentricidade. É ilustrarse para poñer nome ao que xa temos na casa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
INTIMIDAD PERSONAL
La ley que prohíbe las redes a menores de 16 llegará en mayo
CONJUNTO MONUMENTAL
El castillo de Monterrei mantiene su atractivo turístico incluso cerrado