Decisións perversas

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 09 ago 2025 - 06:10

Opinión en La Región | La Región
Opinión en La Región | La Región

Apoiándome no que teorizou, ó longo da historia do pensamento humano, unha ampla nómina de filósofos coma Hobbes, Locke, Kant ou o perverso Rousseau, teño dito en moitas ocasións que o concepto de sociedade naceu como a resposta máis acaída á necesidade perentoria que o home sentía de asegurar tres cousas que, no alcumado como “estado de natureza”, atoparíanse en serio perigo por mor da “guerra de todos contra todos”. Refírome, por suposto, ós valores esenciais da vida e a liberdade das persoas así como, nun segundo chanzo de importancia, as súas posesións, independentemente de cal fose a natureza destas. Cousa ben distinta é que que, fronte a estes defensores do contrato social, a estrutura da sociedade se herdase e consolidase no tempo non só polo interese mutuo, senón tamén grazas a unha tradición e mais a un fío de continuidade que liga o pasado co futuro a través do elo do presente, como defendía o conservador Edmund Burke.

Falando nun plano máis terreal e, polo tanto, alén da teorización filosófico política pura, eu quedo coa certeza da afirmación, máis práctica e realista, de que o feito de vivir no seo dunha sociedade implica renunciarmos a certas parcelas de soberanía e liberdade individuais, sobre todo cando estas entran en conflito coas dos nosos veciños ou ben atentan contra a esencia do chamado ben común ou interese xeral. Porén, tamén é importante salientarmos que dende as primeiras asociacións, nomeadamente a familia, o clan ou a tribo, e con base nunha orde social alicerzada en normas tanto legais coma morais nidias, coñecidas e aceptadas, as persoas recibimos unha garantía de estabilidade e seguridade, de dereitos e liberdades, de benestar individual e harmonía colectiva. Asemade, témo-la posibilidade de acada-la felicidade -a finalidade última, para min, da existencia humana- a través do aproveitamento dun campo de oportunidades que permite a cada quen, segundo os talentos e destrezas individuais, o seu pleno desenvolvemento persoal.

Ó fío destas afirmacións, en Galicia a seguridade é unha condición sine qua non para garanti-la vida e mais a liberdade dos veciños e, por tal motivo, constitúe un dos alicerces que sosteñen o noso edificio social.

En resumo, o animal social acepta, non como unha alienación marxista, senón coma un exercicio maduro e racional, as regras consensuadas dun pacto que, de xeito implícito e explícito, permítenlle soste-la súa convivencia cos demais en paz, harmonía e liberdade, así como asegura-la salvagarda dos seus bens máis prezados coma persoa, actuando o Estado como garante das mesmas. A consecución destes obxectivos primixenios constitúe un dos grandes éxitos das chamadas democracias occidentais e, polo que se comproba acotío, substancia tamén a gran diferencia con aqueloutras cuxa natureza democrática é bastante máis ca discutíbel.

Ó fío destas afirmacións, en Galicia a seguridade é unha condición sine qua non para garanti-la vida e mais a liberdade dos veciños e, por tal motivo, constitúe un dos alicerces que sosteñen o noso edificio social. E isto, que semella ser obvio, eríxese en verdade categórica no caso do rural onde a gran dispersión xeográfica e o alto grao de avellentado da poboación fan imprescindíbel a presenza dos corpos de seguridade, historicamente a Garda Civil, cuxo papel soborda a prevención do delito, a protección das persoas e o cumprimento da lei, para desenvolver un rol social que axuda á cohesión.

Por este motivo, non é entendíbel o plan de desmantelamento, disfrazado de reestruturación, que o goberno do Estado, nunha decisión perversa máis, está a implementar na nosa terra, nomeadamente en Ourense, e que se traduce na redución de efectivos e o peche de infraestruturas; nuns intres, ademais, de aumento da delincuencia. Os ourensáns queremos protección para vivir libres e seguros

Contenido patrocinado

stats