Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
Maratón de cebolas
O pronunciamento histórico do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) constitúe a máis brutal emenda á totalidade a respecto da arquitectura xudicial do Estado español dende o comezo do conflito catalán. Cando Luxemburgo dita, con claridade meridiana, que a lei de amnistía non vulnera un só milímetro do Dereito europeo, o que está a facer é desmontar de raíz a estratexia da sabotaxe institucional deseñada dende as terminais do españolismo. O TXUE non só valida a norma legal emanada do Congreso dos Deputados, senón que recoñece de xeito explícito a necesidade dunha restauración -ou sanación- política, para lle dar canle aos graves conflitos institucionais que xerou a represión xudicial española do procès. É dicir, recoñece a previa existencia dun lawfare de manual, como ten dito o profesor e avogado catalán Jaume Alonso-Cuevillas (UB). Este recoñecemento do cumio xudicial europeo pon o foco na incualificábel ofensiva xudicial que os líderes independentistas sufriron e seguen a sufrir a mans dun sector da maxistratura colleita polo activismo político do españolismo de dereitas.
A contundencia dos argumentos xurídicos do TXUE destruíu os tres grandes valados que o españolismo xudicial tentaba exportar á Europa. Luxemburgo determina que: I) non hai terrorismo sen violacións graves de dereitos humanos, polo que os feitos de 2017, 2018 e 2019 son totalmente amnistiábeis; II) os intereses financeiros da Unión Europea (UE) non foron danados por ningunha actuación do procés, e III) a lei da amnistía axústase aos principios de igualdade e seguridade xurídica.
Diante deste ditame inapelábel, a persistencia no rexeitamento por parte da Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS), da Audiencia Nacional e do Tribunal de Contas deixa de ser unha lexítima discrepancia interpretativa para se ubicar, con perigosa claridade, na linde mesma -cando non cun pe dentro- da prevaricación xudicial. Cando o TS teima -malia o nidio pronunciamento do TXUE- na existencia dun “enriquecemento patrimonial persoal” para non aplicar a lei de amnistía a Carles Puigdemont e aos consellers exiliados non está a facer xustiza, senon a falsear arbitrariamente o Dereito para fabricar unha impunidade executiva coa que soster os seus propios prexuízos políticos. O mesmo cómpre dicir das orquestradas manobras de dilación do Tribunal de Contas, convertido nun órgano de vinganza patrimonial e persecución financeira civil á marxe das garantías constitucionais, non só contra o president Puigdemont e os seus consellers e conselleras senón contra o president Màs e os membros do seu Goberno, a vicepresidenta Ortega, ao conseller Homs e á consellera Rigau.
O balance final deste percorrido é a constatación dunha moi grave derrota do Estado de Dereito español no escenario internacional
Esta rebeldía institucional fronte á primacía do Dereito europeo pon en risco directo a lexitimidade internacional de todo o sistema xudicial español. Velaí que o Tribunal Constitucional (TC) non poida seguir ollando cara outro lado. A gravidade da situación esixe que actúe con urxencia máxima e de xeito inmediato. Non hai escusa que valla e moito menos as ferías do verán. O TC, mesmo a medio da súa Sala de Vacacións, ten a obriga constitucional e cidadá de se xuntar con urxencia para prover a rápida decisión dos recursos de amparo pendentes e, na xusta medida que cumpra e consonte coa situación obxectiva dos recorrentes, decidir a suspensión cautelarísima de todas as medidas restritivas da liberdade -ordes de detención estatais- que aínda penduran sobre o president Puigdemont e o resto de exiliados. Cada día que decorre coa ameaza de que Carles Puigdemont sexa detido ilegalmente por orde do TS é un día máis de desacato á xurisprudencia vinculante do TXUE e de burla ás institucións democráticas.
O balance final deste percorrido é a constatación dunha moi grave derrota do Estado de Dereito español no escenario internacional. Durante anos, as estruturas máis ríxidas do poder españolista creron que o principio da sagrada unidade do Estado ficaba por riba dos dereitos civís e da propia separación de poderes, confundindo o Dereito coa forza do aparello estatal. O TXUE ven de lles lembrar que na UE a obediencia ao Dereito non é negociábel diante das pulsións dese españolismo que-malia todo- aínda coloniza o deep state.
A estratexia de usar a toga para corrixir a soberanía do lexislativo e anular unha amnistía esixida por elementais razóns de convivencia política diante da agresión do lawfare, fracasou de xeito moi evidente. E Catalunya venceu á intimidación trampulleira.
Pola nosa banda, Galicia ha aprender que o Dereito europeo é un grande balado dos nosos dereitos nacionais fronte ás poutas do centralismo máis asimilador e autoritario.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 22 de julio
TRAS LA SENTENCIA DEL TJUE
Puigdemont denuncia ante la Comisión Europea el incumplimiento de la ley de amnistía por parte de España
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 22 de julio
PROMOCIÓN INDUSTRIAL
A Xunta reforza a súa aposta polas firmas de automoción