Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Comité Federal
Con motivo da vinda a Pontevedra e da exposición no Museo de Pontevedra do cadro famoso que reproduce a lámina sexta do pequeno álbum (23 x 16 cm., 10 láminas) “Galicia mártir” publicado polo Ministerio de Propaganda da II República en Valencia, 1937, práceme darlle unha pequena voltiña ao tema.
Para empezar, dicir que o cadro estivo xa en Ourense en 2019, do 7 de marzo a 6 de abril, nos baixos da Deputación, logo de estar exposto en Santiago, e grazas ás xestións feitas por Manuel Baltar perante o común amigo José María Vila Alén, presidente daquela, onte e hoxe, do Centro Galicia de Buenos Aires.
Para seguir, o cadro ten máis valor icónico ca plástico. Castelao era un magnífico caricaturista pero un mediocre pintor. E invoco como miñas palabras de Isaac Díaz Pardo para que non me chamen ousado. E creo que chamarlle “Guernica galego” é unha faltada para “A derradeira lección”. Picasso fixo negocio puntual co cadro, a costa dunha República en guerra. Inda máis, volveu do sur de Francia en agosto de 1940 ao París ocupado. Fea cousa. Castelao foi desinteresado e solidario de palabra e obra coa República ata a fin. O álbum “Galicia mártir”, acompañado por “Atila na Galicia” en 1937, e por “Milicianos” en Nova York en 1938, levaban pés en galego, castelán, inglés e francés, como mostra da vontade de internacionalizara o apoio á República. Creando símbolos.
O cadro viu a luz pública o día 17 de agosto de 1945 na sede do Centro Ourensán de Buenos Aires, no acto da inauguración do busto de Alexandre Bóveda feito polo escultor Domingo Maza. Asistiu a case totalidade das dirixencias das colectividades galegas de América, republicanos españois e vascos e cataláns. Falaron o galeguista Xosé Núñez Búa; o presidente do Centro Ourensán, Lois Guede; logo un emocionadísimo Castelao. Recitaron versos de Florencio Delgado Gurriarán e de Emilio Pita, Fernando Iglesias “Tacholas” e Maruxa Boga, e pechou o secretario de Cultura do Centro Ourensán, Sr. Enrique A. Gonzalez. O xornal A Nosa Terra, nº441, agosto-setembro de 1945, dá conta pormenorizada do acto. E no apartado “Decobrimento do busto”, sinala: “O busto repousaba sobor d-un pedestal adornado cos coores da bandeira galega e servialle de fondo un gran lenzo coa reproduzón dunha das estampas da ‘Galiza Mártir’ de Castelao, a estampa tidoada ‘A derradeira leición do mestre’, na cal o noso gran Castelao fixou a súa visión espiritoal do corpo glorioso de Bóveda derrubado pol-os chumbos asesiños”. E máis nada. A reprodución dunha estampa de Castelao na que fixou a súa visión espiritual do corpo glorioso.
Pola súa banda, a mesma noticia, no órgano do Centro Ourensán, El Orensano, nº21, 25-8-45, dirixido por Rodolfo Prada, explica a escenografía do acto: “... y en cuyo centro se encontraba el busto de Bóveda, al que le servía de fondo una ampliación de dos metros de altura de la estampa de Castelao ‘A derradeira leición do mestre’, trabajo realizado al óleo por el mismo artista especialmente para este acto, con el cual una vez más Castelao nos demuestra su cariño y ser un artista extraordinario”.
Desde o meu punto de vista, a calidade da lámina do “Galicia mártir” é moi superior nos detalles á do óleo. E non me creo que fose pintado por Castelao, polo menos de forma íntegra. A realización dunha obra así, in situ, debería ter deixado máis rastro documental. É máis, en Buenos Aires, algún daqueles vellos galeguistas que coñecín comentoume dun encargo de Manuel Puente a un xove pintor da colectividade para que fixese a ampliación da lámina baixo a dirección dun Castelao medio cego. Se cadra, o pintor arxentino-galego Alberto Castro Couso podería ter máis información. Pero morreu en 2010.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último