Simone Saibene
¡BUONE VISIONI!
El día de la revelación
¡BUONE VISIONI!
Apocalipse” é un termino que chega do grego “Apocçalupsis”, que significa “revelación”, “quitar o velo”. Tamén “Apocalipse” é o título do último libro da biblia cristián, coñecido como “Revelación”. É o texto mais críptico e hai varias teorías sobre a súa xénese, incluso que foi escrito e retocado por distintas mans en épocas diferentes, non so por San Xoan de Patmos. O veterano cineasta Steven Spielberg na súa última longametraxe, “El día de la revelación”, move esta pregunta: que pasaría se un día, os telediarios de todo o mundo anunciasen a “revelación”? Estaríamos dispostos a saír da nosa zona de confort ou isto nos abocaría ao caos? E fronte ao medo das consecuencias o filme move outra reflexión: sería mellor ocultar a “revelación” en plan “máis vale malo coñecido que bo por coñecer”?
É a “ameaza sufrida”, un concepto moi presente na cultura estadounidense, no que tamén se move a case totalidade da obra de Spielberg desde “El diablo sobre ruedas” (1971). A percepción do perigo, dun risco que pode ser real como o caso do camión cisterna do seu primeiro filme, ou só imaxinado. Neste segundo caso o “diferente” o “outro” que encarna a ameaza pode configurarse como un alieníxena ou un ser artificial como en “A.I. Inteligencia Artificial” (2001), como alguén que finalmente resulta ser máis humano dos humanos.
“El día de la revelación” é unha suma da súa forma de entender o cine e de todos os conceptos contidos na súa filmografía
Steven Spielberg é capaz de converter os pesadelos en marabillas, especialmente os relacionados cos OVNIs. “El día de la revelación” é outro filme de ciencia ficción ao seu estilo e que inclúe todas as obsesións do cineasta. É un thriller que mestura intriga conspiranoica e consideracións filosóficas-espirituais. Pero, con respecto a outras das súas películas, “El día de la revelación” resulta bastante irregular. Ten acción, por momentos é entretida, pero por outras confusa. Aínda que o director ten boas ideas e esforzase de explicarnos todos os acontecementos na forma máis clara e comprensible, non é Tarkovski, nin Nolan. As teorías que expón sobre as leis matemáticas do universo, por exemplo, resultan demasiado simplistas. Spielberg procura profundidade, pero ofrécenos unhas teorías sobre o firmamento que provocan uns sorrisos. O cineasta entusiasta, soñador e optimista, que nos regalou obras de ciencia ficción cun enfoque moi persoal, intenta dar un paso máis, enfrascándose aquí nun territorio que non é o seu. A maiores Spielberg intenta volver á época dourada de “ET, el extraterrestre” (1982), de “Encuentros en la tercera fase” (1977), e incluso de “Minority Report” (2002), pero este novo filme, a pesar do uso abundante da intelixencia artificial, resulta algo anacrónico.
“El día de la revelación” é unha suma da súa forma de entender o cine e de todos os conceptos contidos na súa filmografía. O seu gran mérito é que é extremadamente actual, como sempre foron a maioría dos filmes da súa filmografía. E, nesta longametraxe, resoa a desclasificación de documentos sobre OVNIs ordenada por Donald Trump. Ademais se aprecia que o filme se desenvolva na provincia estadounidense, lonxe das habituais localizacións cinematográficas de Nova York ou Los Angeles. Pero no seu conxunto “El día de la revelación”, incluíndo as boas interpretacións de Emily Blunt e Josh O’Connor e a música de John Williams, non chega a converterse nunha autentica revelación cinematográfica.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último