O meu día de verano ideal

MI PLAN PERFECTO

Publicado: 19 ago 2026 - 07:10
O meu día de verano ideal
O meu día de verano ideal

Nacín en Cirimido, un pobo italiano de interior situado nunha chaira rodeada de montañas -algo parecido á Baixa Limia- e de pequeno, ir ao camping da costa rochosa de Liguria significaba basicamente verán. Se tivese que describir un día daqueles, sería fácil. Todo era luminoso, extraordinariamente novo, sinxelo e fabuloso á vez.

Hoxe resúltame complicado encadrar un día ideal estival. ‘È un mondo difficile’ diría Tonino Carotone. Vivo, como moitos de vós, en espazos pechados e diante dunha pantalla -sexa dun ordenador, dun cinema, dun televisor ou dun móbil- case todo o ano. Máis aló das rodaxes, das esporádicas viaxes a eventos, mercados ou festivais, inmerso na rutina do traballo cústame diferenciar entre os días de primavera, outono, inverno, e incluso verán.

Sei por certo, despois de moitos anos no audiovisual que, xunto co Nadal, o verán é o período máis representado polo cinema. A luz permite gravar sen especiais problemas climatolóxicos – eu tamén gravei bastante nesta época. Ademais as vacacións rompen coa cotiandade. É máis doado contar historias que viaxan fora do ordinario, e hai cineastas como Eric Rohmer que elixiron esta época do ano como o plató ideal.

Se hai algo que comparten todos estes cineastas -e moitos máis- é a sinxeleza que caracteriza os seus días estivais

Pero cal é o día típico dun cineasta no verán? O que sabemos chega grazas as notas, as entrevistas ou os fragmentos dos seus diarios. A maioría destas anotacións cóntannos que no verán tampouco deixaban de traballar. Pero os compromisos era máis concentrados e todo facíase máis acorde coa tempada. Angnès Varda, que adoitaba transcorrer os veráns na illa de Noirmouier, na costa atlántica francesa, sempre saía a pasear coa súa pequena cámara na procura da inspiración artística. Hayao Miyazaki, traballaba só na mañá, e o resto do día pasábao recollendo follas, observando bichos, e mirando a herba movida polo vento: foi o verán do 2005 en Tomonoura que inspirou os escenarios de “Ponyo en el acantilado” (2008). Nos seus diarios, Andrei Tarkovski conta como a observación do ceo durante os meses estivais na súa casa de campo en Myasnoy (Novgorod, Rusia) foron fundamentais para as reflexións sobre a espiritualidade, a memoria e o paso do tempo - todos temas reflectidos na súa filmografía. O xaponés Yasujiro Ozu tamén miraba para arriba. Non paraba de traballar no verán, pero pola tarde dedicaba longos paseos na natureza, apuntando nos seus diarios anotacións sobre a consistencia das nubes. Fellini, un cineasta coñecido por ser adicto ao bulicio da vida romana, no verán prefería a soidade. En agosto escapaba da praia abarrotada da súa Rimini natal. Disfrutaba dunha Cinecittà baleira, de longos paseos sen rumbo por unha Roma deserta. A mesma practica foi de inspiración, máis tarde, pola flânerie de Gep Gambardella, o protagonista de “La gran belleza” (2013) de Paolo Sorrentino.

Se hai algo que comparten todos estes cineastas -e moitos máis- é a sinxeleza que caracteriza os seus días estivais. Non buscan grandes festas, nin eventos, non queren estar constantemente informados, tampouco necesitan conversacións revelatorias. Abrazan un ritmo máis pausado, deixan o espazo á observación: concentran o traballo nalgunhas horas, preferiblemente pola mañá, logo déixanse sorprender polo mundo. Pero sobre todo abúrrense.

Isto sería para min un día ideal de verán: o programa de non facer programas

Eu recoñezo que o sopor é algo que aborrezco, ao igual ca tristeza. Pero admito que boto de menos algo de aburrimento nestes días. No meu día ideal de verán en Ourense, atoparíame a gusto sen pantallas, sen axenda, sen mil cousas importantes en que pensar ou problemas que solucionar. Ao contrario das notas anteriores, eu deixaría o traballo para a última hora da tarde. Levantareime cedo, disfrutaría con ver as primeiras luces do amencer desde o balcón de casa. Despois collería o balón e me iría a unha cancha deserta para botar unha pachanga comigo mesmo – intentando non perder. Logo volvería a casa. Adicaríame un afeitado tradicional cunha cuchilla Shark e un xabón collido a voleo da miña colección – sen corte non hai gloria. Como novo, pasearía sen rumbo por unha cidade semi deserta. No casco vello, talvez me deixaría caer nalgunha librería de segunda man, capturado por algún título descoñecido – mellor de poesía. Ou iría ata a beira do Miño. Alí tiraríame a unha poza e secaríame sobre unha roca escoitando o fluír do río. Se a calor aperta, acubillaríame nalgún bar onde nunca entrei, tomarei algo lendo as noticias en papel. Compraría pan, porque como dicía Henry Miller é ‘o sal da vida’. E despois de comer lixeiro, faría longas sestas. Finalmente, medio aparvado e cun cortado no corpo, retomaría os meu deberes ao coworking...

Isto sería para min un día ideal de verán: o programa de non facer programas. E se tivese a posibilidade de elixir un lugar que non fose Ourense, quedaríame afastado de destinos turísticos como Playa América ou Sanxenxo. Tamén situaríame lonxe da abarrotada e sobrevalorada costa italiana. Escollería calquera praia naturista portuguesa, onde non se escoitan voces, nin música, nada máis que vento, praia e mar. Quedaríame alí, espido, diante do océano, enchéndome a mirada cunha infinidade de ondas. Aburríndome do aburrimento.

Contenido patrocinado

stats