O disco coa voz de Castelao

Publicado: 08 feb 2025 - 00:15

Con bo criterio, a pouco de botar a andar a Autonomía, enviaron profesores de lingua e cultura de Galicia a centros da emigración e universidades do mundo, para “comunicar a boa nova” de que o vello país renacía. Tiven a inmensa sorte de participar naquela experiencia. Unhas veces, con gobernos de Albor; outras, co de Touriño. A Buenos Aires fóramos en anos sucesivos Xesús López Valcárcel, Modesto Hermida, e eu.

O bo do Abraira contábame historias íntimas e reservadas de Castelao, viaxaba a Galicia vía Portugal para “non pisar España”, e sobre todo, cismaba con destruír o disco coa voz de Castelao que gardaba como ouro en pano Tacholas.

Impartín aulas sete meses de 1987 no Centro Galego, no Galicia e dei charlas na Federación de Sociedades Galegas e outras entidades, ao tempo que elaborei informes sobre a colectividade entregados ás direccións xerais interesadas: Emigración, Política Lingüística e Cultura. Juan Castellanos, Pepe Puga e Xabier Senín, eran os tres funcionarios que movían aquela ilusión en cadanseu departamento. Manolo Taboada, xefe de Política Lingüística foi o meu valedor ante a Conselleira, Mª Xesús Sanz. Aquela estancia primeira permitiume recoñecer as brasas que deixara o lume galeguista da emigración nos tempos do seu solpor. Algúns vellos achegábanse ao Centro Galego para charlar con alguén co que compartían ilusións e que viña desde a Terra. Algúns cafés tomei no Breogán -enfronte do Centro Galego- ou no Violeta da Av. Rivadavia, con Ricardo Flores, Bieito Abraira, Fernando Iglesias, “Tacholas”, Bieito Cupeiro... e outros non tan vellos, “fillos de galegos” e amigos todos de Pepe Neira Vilas e Anisia, como Rosita Puente, Cloty Tacholas, Enrique Pampillón, Pilar Jeremías, Ricardo Palmás, Antonio Pérez Prado... Eran xente diversa e divertida.

A Castelao non lle gustou a súa voz “presa”, pensaba que “lle roubaba a alma”.

O bo do Abraira contábame historias íntimas e reservadas de Castelao, viaxaba a Galicia vía Portugal para “non pisar España”, e sobre todo, cismaba con destruír o disco coa voz de Castelao que gardaba como ouro en pano Tacholas. Argumentaba que era unha indignidade que a única voz que se conservada fose en castelán. Pero Tacholas nunca cedeu. Nin por presión “sentimental”, nin pola oferta económica que lle facía pola peza, para destruíla. Conservábaa el porque fora o da idea da gravación e o que o acompañou a facela ao Correo Central o 2 de setembro de 1941 como consta no mataselos do sobre no que vai o disco. Alí gravouse o saúda de Castelao para os presentes no Teatro Solis de Montevideo na estrea de “Os vellos non deben de namorarse”, porque naquela altura non debía Castelao saír da Arxentina... porque se cadra non o deixaban volver: a influencia da embaixada franquista medrara. A Castelao non lle gustou a súa voz “presa”, pensaba que “lle roubaba a alma”. Tacholas ensinoume o disco na súa casa de Pasaje la Cautiva, en Liniers onde o tiña no altar das lembranzas coas máscaras e a foto dedicada.

Ese disco e as bobinas que topaba nos faiados e sotos das institucións galegas foron os detonantes da idea de facer un Arquivo Sonoro coa dobre vertente de cultura popular -a que se ía evaporando- e “culta”, de gravacións de persoeiros importantes. Manolo Suárez, daquela Secretario do Consello da Cultura Galega, Antón Santamarina, apadriñando o tema e Filgueira Valverde co seu entusiasmo, puxeron todo o interese desde o inicio, en 1992. Logo, noutra viaxe, Cloty Tacholas ante o meu interese máximo na peza, xa morrera o pai, accedeu á súa venda. Eu díxenlle que iso era tan valioso que non tiña prezo. Pero que eu lle garantizaba o mellor lugar para a conservación e difusión... e unha pequena gratificación por téreno gardado toda a vida con esmero e cariño. Ao vir de alá, trouxemos o disco e ingresou no ASG. O que lle dera de gratificación, cobreino con dietas. Xunto o disco veu unha casete onde Tacholas conta como distribuiu casetes con copias en 1971 nunha súa viaxe a Galicia: García Sabell, Del Riego, Penzol, RAG... e outros que de memoria non lembro. Agora, o Consello da Cultura, colga a nova dixitalización do documento na rede. Noraboa.

Contenido patrocinado

stats