TAL DÍA COMO HOY
Museo del Hermitage
Non é doado saber cal vai ser a saída deste momento político. Tanto é posíbel que se realicen novas eleccións, como que se poda formar un Governo arroupado pola oposición. A opción de Rajoy está desbotada por carecer de apoio. Claro que non é sinxelo unir nun governo alternativo a Podemos e Ciudadanos, por máis que Compromís coide que hai cousas en común, seica a oposición á corrupción e medidas contra a marxinación máis rechamante. Sobre estes aspectos, realízanse seguramente as hipóteses do PSOE. Porén, non é o mesmo un acordo autonómico que estatal, xa que cantas máis competencias e maior sexa a súa incidencia máis complexo é o acordo. Por exemplo, en materia laboral, como tratar a cuestión nacional da periferia secularmente esmagada, os tratados de libre comercio... Iso si, ningún deles cuestiona o sistema, nen a UE.
Sería moi inocente pensar que Pedro Sánchez non saiba das limitacións que existen pra converxer a un tempo con Podemos e Ciudadanos, e que o proceso pode rematar en fracaso, tendo en conta experiencias tan recentes. Sabe que por máis que intentase responsabilizar a Podemos e Ciudadanos do fracaso, non tería argumentos válidos pra rexeitar as acusacións de que fixo teatro, de que o resultado estaba cantado. A menos que teña unha carta na manga. Por exemplo: terminar propondo pra presidencia unha "figura recoñecida" e un governo pactado, coa escusa de evitar o desgaste de novas eleccións, que saben non van mudar o panorama político. Se fose así, refugaría as acusacións de oportunismo, descolocaría a Podemos, Ciudadanos e ao PP, tomaría a iniciativa, e tería un papel decisivo na nova lexislatura. Claro que esta xogada ten os seus inconvenientes, comezando por dar moito poder a unha figura que pode terminar sendo determinante, se é quen de levar adiante políticas sociais, acordar co nacionalismo, e colocarse a medio camiño entre as forzas que o apoian. Pra o sistema, pode terminar sendo máis eficaz que os partidos tradicionais e as novas marcas que hoxe din unha cousa e mañá outra.
Mais, sexa cal for o escenario político dos vindeiros meses, e a composición do futuro Governo, todo reflicte que os cambios non van ser transcendentais. Non hai correlación de forzas. O debate parlamentar en Madrid e Compostela non vai mudar radicalmente as políticas económicas e sociais; tampouco as que se aplican no ámbito da cultura e das relacións internacionais. Asemade, aínda que hai partidos, como Podemos, que se opoñen á OTAN e aos tratados de libre comercio, non fan propostas que rachen coa economía de escala, que favorece ás corporacións e grandes fortunas. Contemplan unha banca pública, só como complemento, e non propoñen a nacionalización tanto do crédito como da enerxía e as telecomunicacións. Como se vai entón eliminar a especulación e fortalecer a economía produtiva?
Aínda que se busquen atallos pra superar un contexto regresivo, tanto por parte da clase traballadora, como dos autónomos e pequenos empresarios, será imposíbel facelo sen un modo distinto de acumulación. A globalización neoliberal é funcional á concentración e centralización do poder e da riqueza, tanto entre clases sociais como entre territorios. Por esta razón pechan explotacións leiteiras, pequenos comercios, precarízanse as relacións laborais e redúcense os salarios. Sempre hai fendas pra que unha empresa saia adiante, un/unha profesional triunfe, e algún asalariado/a mellore as súas condicións laborais. E deste avance especifico e mínimo haberá medios e partidos que constrúan espellismos. Mais, na práctica, no medio e longo prazo, na Galiza, a dependencia, o sistema, empurran ao suicidio demográfico, ao medre da desigualdade, á destrución da identidade. E iso só se evita con clarificación, organización, mobilización e proxecto alternativo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
TAL DÍA COMO HOY
Museo del Hermitage
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Café con Amancio Ortega en Zara
Manuel Orío
RECORTES
La rebelión del hijo
Manuel Baltar
La guardia pedroriana
Lo último