‘‘Los domingos", o milagre do cine

¡BUONE VISIONI!

Los domingos cóntanos a historia de Ainara (Branca Soroa)
Los domingos cóntanos a historia de Ainara (Branca Soroa)

A directora Alauda Ruiz de Azúa despois de 5 lobitos (2022) e a serie Querer (2024) chega ás pantallas de cinema con outra película extremadamente incómoda. Outro filme onde o conflito empeza a desenvolverse desde a intimidade dunha familia. Los domingos cóntanos a historia de Ainara (Branca Soroa), unha moza brillante de 17 anos, orfa da súa nai e que vive xunto co pai, a súa nova muller e as súas dúas irmáns pequenas. Ainara ten que decidir a súa futura carreira universitaria pero, ao contrario, manifesta o desexo de abrazar a vida de monxa de clausura. A noticia pilla por sorpresa a familia provocando unha proba de lume para todos…

Alauda Ruiz de Azúa achégase a esta historia sobre a vocación relixiosa case como unha antropóloga ou unha socióloga, despois de moitos anos de investigación, intentando de non situarse en ningún dos numerosos puntos de vista que vai ofrecendo durante toda a película. Transmite a vulnerabilidade dunha moza de dezasete anos crecida dentro dun contexto e unha familia relixiosa, sen a súa nai e cun pai que ve o afastamento da filla case como un alivio. Relata en detalle o sistema educativo relixioso sen intentar evanxelizar o espectador. Ao igual hai espazo para a razón agnóstica da tía Maite que ve como un despropósito a decisión dela pero, sen saber como convencela a cambiar de idea, atópase perdida, sen solucións. A cineasta da moitas pistas, explícita o conflito intimo de cada un dos personaxes. Da pinceladas concretas en cada escena pero mantendo sempre un equilibrio narrativo. E non hai melodrama. A medida que a película avanza e a historia vólvese bastante escura, incluso hai espazo pola comicidade. Pero é un humor nunca forzoso, como o chiste que escoitamos sobre a ‘catolicísima Irlanda’. A comicidade no filme xorde de forma moi natural como todo o resto.

Los domingos é unha película tan ambigua que non empuxa realmente o espectador a ningunha dirección

Alauda Ruiz de Azúa compre un auténtico milagre cinematográfico. Ademais dun guión rigoroso, dunha dirección de actores excelente, dunha posta en escena impecable con localizacións moi ben escollidas, utiliza o contrapunto dunha banda sonora que vai desde Quevedo a Mozart sen desafinar nunca.

A maior, é moi loable que a cineasta quixo poñerse en xogo outra vez como creadora, despois do éxito de 5 lobitos e da serie Querer. Houbese podido repetir a mesma fórmula, tanto no primeiro caso como no segundo. Ao contrario decidiu arriscar, explorar outros territorios e un tema peliagudo como o da fe no 2025.

Los domingos é unha película tan ambigua que non empuxa realmente o espectador a ningunha dirección. Pode ser perfectamente defendida, con instrumentos válidos, tanto polos relixiosos como por los ateos. Pero así como a cineasta decidiu deixar a resposta ao espectador, e o último encadre é para ela, eu decido quedarme co personaxe de Maite interpretado por Patricia López Arnaiz. Quédome no seu mundo terreal, cos que pelexan na vida, a buscar respostas nunha realidade sen certezas. Como ela, non escollo illarme, pechando a porta ás posibilidades e as decepcións da vida.

Por último non hai que esquecer que Los domingos gañou a Concha de Ouro a Mellor película no último Festival de San Sebastián. É un dos grandes filmes españois do ano. Está dando moito de que falar. Non o perdades.

Contenido patrocinado

stats