“La luz”, a redención (im)posible

¡BUONE VISIONI!

Publicado: 12 jun 2026 - 05:40
“La luz”, a redención (im)posible.
“La luz”, a redención (im)posible.

Si hai algo que non boto nada de menos de Italia é ver o Papa nos principais telediarios, cada santo día, falando desde o balcón de Plaza San Pietro. Sen poder evitalo, revivín esta experiencia nestes días coa visita de León XIV a España. Ademais a viaxe do papa coincidiu curiosamente coa estrea do filme español “La luz”. A película de Fernando Franco pode inscribirse nun listado de obras españolas cun transfondo relixioso que se produciron no último lustro. “Los domingos” (2025) de Alauda Ruiz de Azúa, “Teresa” (2023) de Paula Ortiz, os documentais “Libres” de Santos Blanco, “Medjugorje” (2021) de Jesús García Colomer y Borja Martínes Echevarría, “Aro Berria” (2025) de Irati Gorostidi, la serie “Las Mesías” (2023) de Los Javis, a comedia “Llenos de gracia” (2022) de Roberto Bueso... son un puñado de títulos dun listado que cada ano vai ampliando a súa oferta. As películas que teñen un marco espiritual, incluso declaradamente católico, están a vivir un novo auxe en España.

“La luz” céntrase sobre un dos temas máis incómodos e aínda non resoltos da igrexa católica: a xestión durante décadas dos casos de pederastia dentro da institución. Alberto San Juan interpreta a Manuel, un sacerdote moi apreciado na súa parroquia que está a piques de colgar os hábitos para empezar unha nova vida. Pero cando a o seu pasado turbio ameaza con saír á luz, verase obrigado a afrontar de forma distinta o peso dos seus propios delitos..

“La luz” é unha película que aporta o seu grao de area dentro dun debate moito máis amplo e profundo, sobre a grave problemática dos abusos na igrexa católica

“La luz” é unha película sombría, fría, incómoda. É un drama sobrio, duro, sobre a culpa e a salvación. A película elixe tratar o tema da pederastia desde o punto de vista do abusador. Critica de forma contundente a hipocrisía e as artimañas da institución eclesiástica, máis preocupada de protexer a súa imaxe que en recoñecer publicamente os seus propios delitos. Ademais o filme reflexiona sobre a redención. Pregúntase se, a través dun cambio interior impulsado pola graza divina, o individuo pode chegar a obter a misericordia. Neste sentido, a mensaxe de Fernando Franco queda nun limbo... Non sabemos exactamente se o arrepentimento do protagonista sexa verdadeiramente sincero ou so un acto narcisista. No tramo final da película o cineasta describe a Manuel case como unha ‘figura christi’. A ambientación das últimas escenas durante a celebración da Semana Santa, a figura da madre que o acompaña e que adopta tintes de Virxe María, incluso os insultos e os golpes que recibe durante a procesión, representan un martirio que suxire unha representación do ‘Ecce Homo’. Pero finalmente, a non haber unha resurrección, o cineasta deixa a porta aberta ao espectador a considerar como un engano o camiño emprendido polo protagonista. Polo tanto, neste caso, a película indicaría a imposibilidade dunha redención e a inutilidade do sacrificio individual fronte a un sistema que non quere realmente asumir as súas responsabilidades.

“La luz” é unha película que aporta o seu grao de area dentro dun debate moito máis amplo e profundo, sobre a grave problemática dos abusos na igrexa católica. Un tema que, recentemente, tratouse en documentais como Cruzar la noche (2026), Los secretos que se cuentan (2021), ou en series como Examen de conciencia (2019) de Netflix ou Marcial Maciel: El lobo de Dios (2025) de HBO Max.

Na súa recente visita a España, o Papa León XIV revelou publicamente os seus gustos cinematográficos. Declarou a súa inclinación polos grandes clásicos que celebran a familia, a esperanza e o amor como ¡Qué bello es vivir! (1946) de Capra, Sonrisas y lágrimas (1965) de Robert Wise ou La vida es bella (2017) de Benigni. Non sabemos que opinará sobre as obras contemporáneas protagonizadas pola institución do que é máxima autoridade e que, por certo, pouco teñen que ver coa fábula ou co realismo máxico.

Contenido patrocinado

stats