Xoán Antón Pérez-Lema
As especifidades da crise da vivenda na Galicia
TRIBUNA
Cada verán, cando o lume volve ocupar titulares, aprendemos de golpe un vocabulario que durante o resto do ano apenas utilizamos. Falamos de combustible, de limpeza, de prevención, de abandono, de masas avellentadas, de xestión e da necesidade de actuar antes de que chegue o incendio.
Probemos a trasladar por un momento esa linguaxe a outro lugar: unha biblioteca.
Imaxinemos unha biblioteca enorme, construída durante décadas. Os seus andeis están cheos. Hai libros magníficos, algúns acabados de chegar e outros que levan alí cincuenta ou centos de anos. Hai exemplares valiosos e outros que ninguén abre desde hai décadas. Acumúlanse publicacións obsoletas, coleccións duplicadas, papeis, caixas e volumes deteriorados.
Un día alguén advirte dun perigo: se queremos conservar a biblioteca, teremos que xestionala.
E entón comezan as palabras coñecidas.
O combustible. Nun incendio forestal chamámoslle combustible á vexetación susceptible de arder. Na nosa biblioteca, o combustible serían os libros. Todos eles. Os bos e os malos, os novos e os antigos, as obras mestras e os manuais desfasados.
Pero que os libros sexan combustible non significa que os libros sexan o inimigo. Do mesmo xeito, que as árbores e os arbustos poidan arder non converte o monte nun problema. Unha biblioteca sen libros estaría perfectamente protexida contra un incendio de libros, pero deixaría de ser unha biblioteca. Un monte sen vexetación tampouco sería un monte.
A limpeza. É quizais unha das palabras máis repetidas e mais enganosas cando falamos de incendios: “Hai que limpar o monte”.
Que significaría limpar unha biblioteca?
Probablemente non significaría baleirala. Significaría retirar aquilo que se acumula sen criterio, revisar os fondos, ordenar, restaurar o que merece conservarse e retirar aquilo que xa non cumpre ningunha función. En biblioteconomía existe mesmo unha palabra pouco amable pero necesaria: expurgo. As bibliotecas revisan as súas coleccións porque conservar non consiste simplemente en acumular.
No monte sucede algo parecido. Xestionar non debería confundirse con deixar o terreo espido. Hai vexetación que cumpre funcións esenciais e outra cuxa acumulación, disposición ou continuidade pode aumentar o risco. A cuestión importante non é se hai que “limpar”, senón que se retira, onde, canto e para que.
A maleza. Na nosa biblioteca imaxinaria serían eses fondos que levan décadas acumulándose sen revisión: exemplares deteriorados, duplicados, publicacións que parece que xa non teñen utilidade ou materiais amoreados onde non deberían estar.
Pero aquí a comparación comeza tamén a amosarnos os seus límites. Nun ecosistema, aquilo que chamamos despectivamente “maleza” proporciona alimento, refuxio, humidade, solo e biodiversidade. Non todo o que está debaixo dunha árbore sobra, igual que non todo libro vello carece de valor.
As devasas, os prados... serían os corredores da biblioteca, as portas resistentes ao lume, as separacións entre salas. Espazos pensados para que un accidente ou neglixencia nunha zona non poida propagarse sen obstáculos a todo o edificio.
As faixas de protección arredor de vivendas e estradas serían o equivalente a manter despexadas as saídas de emerxencia e as zonas próximas aos lugares máis vulnerables. Non fai falta baleirar toda a biblioteca para protexer a porta. Pero probablemente si conveña prestar especial atención ao que se acumula ao seu carón.
A prevención sería o mantemento cotián: revisar instalacións eléctricas, reparar unha pingueira antes de que estrague centos de libros, comprobar detectores, formar o persoal, manter accesos e decidir con antelación que facer en caso de emerxencia.
Porque ningún bibliotecario sensato agardaría a que houbese lapas saíndo polas fiestras para comezar a pensar como protexer a súa colección.
E quizais aí estea a parte máis interesante da comparación.
Cando unha biblioteca arde, ninguén propón como única solución contratar máis bombeiros. Naturalmente, fan falta bombeiros. Pero despois preguntamos polos detectores, polos materiais do edificio, polas instalacións eléctricas, polas portas devasa, polo mantemento, polas saídas de emerxencia e polo plan de prevención.
Cos incendios forestais, en cambio, o debate público corre o risco de concentrarse no momento máis espectacular: as lapas, os avións, as brigadas e as hectáreas queimadas. Todo iso é imprescindible cando o incendio xa existe. Pero o incendio é tamén o resultado do ocorrido -ou do que non se fixo- durante os meses e anos anteriores.
Unha biblioteca non se conserva unicamente o día que se incendia. Consérvase todos os días.
Un monte tampouco.
A metáfora permite ademais entender unha cuestión incómoda: conservar esixe intervir, pero intervir non equivale necesariamente a eliminar. Un bo bibliotecario non conserva todos os papeis polo mero feito de seren antigos, nin tira todos os libros vellos polo mero feito de selo. Clasifica, selecciona, protexe, restaura, reorganiza e, cando corresponde, retira, con coidado e agarimo de quen coñece e sabe do valor do que é custodio.
A xestión do territorio necesita unha intelixencia parecida.
Tamén necesita memoria. Unha biblioteca abandonada non deixa de acumular libros porque ninguén entre nela. Do mesmo xeito, o territorio continúa transformándose aínda que deixemos de xestionalo. Cambian os usos agrícolas e gandeiros, desaparecen actividades tradicionais, medra a vexetación, avellentan determinadas masas e cambian as condicións climáticas. A paisaxe que vemos hoxe non é unha fotografía inmóbil da natureza: é o resultado dunha historia.
Por iso quizais deberiamos abandonar unha pregunta demasiado simple: “Hai que limpar o monte?”.
Preguntemos algo máis parecido ao que preguntariamos ante unha biblioteca extraordinariamente valiosa:
Que queremos conservar? Que riscos estamos dispostos a asumir? Onde debemos intervir? Que debemos retirar e que debemos protexer? Quen fará ese traballo? Con que recursos? Con que coñecemento? E quen se ocupará de facelo non só despois do desastre, senón durante os vinte anos anteriores?
Porque podemos gastar unha fortuna no mellor corpo de bombeiros do mundo.
Pero se queremos conservar unha biblioteca, necesitamos tamén bibliotecarios.
E se queremos conservar os nosos montes, quizais deberiamos comezar a pensar neles do mesmo xeito: non como un almacén que se abandona ata que arde, senón como un patrimonio vivo que necesita coñecemento, criterio, traballo e coidado permanente.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xoán Antón Pérez-Lema
As especifidades da crise da vivenda na Galicia
Óscar Paradelo
TRIBUNA
E se o monte fose unha biblioteca?
Manuel Herminio Iglesias
DENDE SEIXO-ALBO
Etarras!
Ángel Mario Carreño
REFLEXIONES DE UN NONAGENARIO
Donde dije digo, digo diego
Lo último
ENCUENTROS EN LA DIÁSPORA
¡Adentro! reúne a mayores hispanohablantes en Alemania para formarse como animadores socioculturales
PREFERENTE FUTGAL
Tras el subidón, toca derbi para el Auriense