A eclipse e o respecto ao cidadán

Publicado: 15 ago 2026 - 04:18
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Pois xa foi. Si. Pasou o día da eclipse, ou do cris de sol, como lles indiquei esoutro día. E permítanme que comece agradecendo a un amable lector, Juan Ares, que me lembrase unha pasaxe do Quixote. O comezo do capitulo XII titulado “De lo que contó un cabrero a los que estaban con don Quijote”. O caso é que no medio da relación que lles facía un cabreiro chamado Pedro das disposicións testamentarias dun mozo fidalgo ilustrado -Grisóstomo- morto por amores por Marcela, don Alonso Quijano interrógao sobre a personalidade do defunto. E entre as gabanzas do tal -estudara en Salamanca, era moi sabio e moi lido- sinaloulle “-Principalmente, decían que sabía la ciencia de las estrellas, y de lo que pasan, allá en el cielo, el sol y la luna; porque puntualmente nos decía el cris del sol y de la luna”. E don Quixote, máis culto, respondeulle “-Eclipse se llama, amigo, que no cris, el escurecerse esos dos luminares mayores” e segue o texto: “Mas Pedro, no reparando en niñerías, prosiguió su cuento…”.

Ou sexa, a palabra “cris” foi común cando menos aos romances ibéricos do oeste (galego, astur-leonés, portugués e castelán). Inda máis, topei eu o outro día un simpático conto dun autor costarricense -Manuel González Zeledón- escrito en 1896, titulado “El clis de sol” no que un campesino local analfabeto, Cornelio Cacheda, moreno e feo como un corno, tivo dúas fillas xemelgas loiriñas e preciosas. A explicación que el daba, nada tiña que ver co mestre de obras italiano que fixera a torre da igrexa da aldea, -“gato, pelo colorao, muy blanco y muy macizo que come en casa dende hace cuatro años”, senón que lle saíron así por a súa dona “ver pal cielo día y noche y el día del clis de sol”. E a esta conclusión non chegara el só senón coa axuda do italiano acollido na casa que foi “o que me explicó la cosa del clis de sol”.

En fin, xa pasou. A todos sorprendeu. A uns máis e outros menos

En fin, xa pasou. A todos sorprendeu. A uns máis e outros menos. E si, tiña razón o meu astrónomo de cabeceira -Dosi Veiga- que había que ver o total. Fun a Coruña e malia as nubes, o momento no que pasou do 99,99 a 100 foi o do cambio radical, e como dirían os Les Luthiers naquela inesquecible “Bossa Nostra” -escóitena, por favor- “Fez a noite en pleno día”. E non eran as cadeiras da garota de Ipanema, senón a lúa. Durante un minuto foi como apagar e acender a luz. Curioso.

Ben. E agora vai o do respecto ao cidadán. Levo mal que me insulten. Mellor dito, o do insulto é relativo. Non lle dou a importancia se o emisor é un botarate... pois se me ladra un can, non me poño a catro patas. Pero si me preocupa o insulto institucional. E diso, a verdade é que estou vendo de máis. Partir de que o cidadán é parvo ou idiota é unha forma de desconsideración grave. Obviamente pódense dar as recomendacións que se queiran para a contemplación da eclípse, pero non insistir como se tivésemos o coeficiente mental de borregos. En que cabeza cabe, por exemplo, a advertencia da DGT de “Aquellos que estén en carretera tendrán que evitar mirar al Sol directamente y tampoco podrán portar las gafas homologadas para ver el eclipse, puesto que podría ocasionar problemas de visibilidad graves”. Non lles conto se non fosen homologadas! En fin. Menos mal que só que “podría ocasionar” o que deixa a posiblidade de que non sucedese. Tamén nos podería lembrar a DGT a inconveniencia de disparar aos condutores que nos adianten ou que ante unha curva, debemos xirar o volante para o lado da curva e non para o contrario, porque de tal facer “podría salirse de la carretera” ou cousas semellantes. En fin, que non. Que con tanta norma e recomendación excesiva -tipo non saír correr as catro da tarde cando hai máis de corenta graos de temperatura ou beber moito- pois están formando, polo si ou polo non, unha sociedade que minusvalora a capacidade individual de razoar. Que ben que xa pensan eles por nós: Beee, beee. Pois non. Guau, guau.

Contenido patrocinado

stats