A fe que non teño e as lembranzas que si

RECUNCHO HEBDOMADARIO

Publicado: 31 ago 2026 - 00:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Desde a perspectiva dun ateísmo galopante, isto non me impide falar do gran acontecemento cristián que comezou a desenvolverse, precisamente onte, no meu concello de Baños de Molgas, máis concretamente no santuario da Nosa Señora dos Milagres: as novenas na honra desa virxe, a Santiña do Medo.

Na miña memoria infantil quedaron para sempre, nun recanto do cerebro, os recordos de tres datas e dunha acción, detalle, feito ou acto que penso que son os máis salientables de todas as novenas.

Os churros. Era, a diario, un dos momentos álxidos da peregrinación ó santuario, en relación coa primeira novena do día, a das sete e media. Pois, tan axiña como se saía da misa, os que podían lanzábanse como posesos ós churros. Os que podían, que eran moi poucos. Os que non podiamos, mirabamos de esguello para quen os ía comendo e rezabamos, máis que na propia misa, para que se compadecese de nós e nos lanzase algún, coma ós cans famentos.

O Rosario da Aurora. Cada día celébrao unha ou varias parroquias da contorna. Cando lle tocaba a Baños de Molgas, ás seis da mañá repenicaban as campás para espertar ós veciños. Xuntabámonos na Cagalla e iamos de parola, detrás do cura, ata o cruce coa estrada de Maceda. Alí, aí si, empezaba a rezarse o rosario ata o mesmo santuario.

O Rosario das Antorchas. Todos os días 7 de setembro, ás once da noite. A verdade é que o rosario era o de menos. O que realmente nos interesaba ós cativos -e ós non tan cativos- eran os fogos artificiais, que cando empezaron a ser de luces, aquilo converteuse xa na noite máxica de todo o monte Medo.

Mesmo moito antes do rosario e dos fogos, o bonito tamén era o traxecto a pé -de noite pecha, claro- cos grupos de xente e de rapaces que se ían formando, e as bromas que se gastaban, tanto á ida como á volta. Por unhas cousas e por outras, era a noite máis fermosa de todo o ano.

O Día 8. Así, tal cal, en maiúscula. Porque é o día grande. Porque sempre se coñeceu así, O Día 8. Porque o que se facía ese día -ou mesmo o que se facía para ese día- éme imposible describilo por completo, pola sinxela razón de que precisaría, polo menos, outro Recuncho Hebdomadario. Se cadra, o do ano que vén.

Pois, aínda que cada vez sexa máis e máis ateo, as novenas dos Milagres, polo que sexa, teñen o seu aquel, a súa tradición e perdurarán sempre na miña memoria.

Contenido patrocinado

stats