Fidelidade ás siglas

O AFIADOR

Publicado: 06 nov 2026 - 06:45
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Rairiz conta dende o mércores con novo alcalde, ao triunfar a moción de censura contra a alcaldesa Asunción Morgade. Camilo Fernández ostenta agora o cetro municipal co respaldo de outros catro colegas cos que conforman a maioría absoluta. Fernández debe estar tan convencido das razóns que o asisten para capitanear esta operación que renunciou ao turno de palabra para explicar tanto as razóns que xustificaron a necesidade dunha moción de censura, como das ideas e proxectos do grupo que lidera para poñelos en marcha. Hai que sobreentender que dan por feito que os veciños do concello están ao cabo da rua dos propósitos dos novos gobernantes, como para non precisar información arredor desta andaina que acaba de arrancar.

Non é a única peculiaridade arredor da operación política. A falla de datos certos na documentación a man, se a memoria non me falla -que poidera ser- a de Rairiz é a primeira moción de censura que presentan e gañan concelleiros renegados dos tres grandes partidos galegos: PP, PSdeG e BNG. Á vista do sucedido, non parece que os seus principios políticos nin éticos se resintan por esta iniciativa, polo que se pode inferir que as siglas son -foron, neste caso- mero instrumento para achegarse ao poder municipal, amparados na filosofía marxista -de Groucho, non de Karl-.

Igualmente será curioso observar como vai mudar agora a tradicional diverxencia de posturas das siglas ás que representaban, fronte ás decisións a tomar no futuro que acaba de empezar, para converterse nunha unidade de destino no universal en Rairiz (irónica brincadeira afastada do contexto histórico no que foi aplicada a frase). Se cadra, o anterior non pasa de desvarío do que asina esto e teñen razón quenes dín que as motivacións da censura son tantas como firmantes e que vencellan con cousas de andar pola casa: factura á alcaldesa por invadir siglas con hostes alleas, algún posto de traballo para parentes ou tratar de parar o derrube dunha granxa ilegal, entre outras.

Haberá que agardar sete meses para ver en que para a experiencia. Hai precedentes que invitan á prudencia, nesto da fidelidade ás siglas. Vintecatro anos antes, en Porqueira -a tiro de ballesta de Rairiz- dirixentes do PSdeG ufanábanse de presentar unha xove candidata -Susana Vázquez- de moitos quilates e prometedora carreira política. Celebradas as eleccións, o nacionalista Pérez Bouza quedou a 14 votos da maioría absoluta, pero tiña a alcaldía na man cun pacto cos socialistas, que so sacaron a sua cabeza de lista, que na constitución da corporación foi proclamada alcaldesa co voto dos populares para pasmo xeral. A rutilante proxección vaticinada para Vázquez Dorado no partido da rosa mutou en baluarte do PP ourensán ata hoxe no ámbito municipal. Pois eso.

Contenido patrocinado

stats