Lá foran as Voces Ceibes

Puedes escuchar también la tribuna de Vicente Araguas en formato podcast:

Publicado: 26 ene 2025 - 01:30 Actualizado: 26 ene 2025 - 11:06

Hai cincuenta anos informaba La Región (21 de xaneiro de 1975), este baluarte en papel no que aínda atopo acougo, Voces Ceibes tomara o camiño que non ten volta. Isto fora no Nadal anterior, na casa de Benedicto, en Santiago, presentes o dono da casa, Bibiano Morón e eu mesmo. Razón, a inoperativade do grupo e, tamén, a aparición do MPCG (Movemento Popular da Canción Galega), que duraría apenas meses, xernolo –por certo- de Milladoiro, que pedía a disolución do grupo, por marear, digo eu. Aínda que Voces Ceibes, francamente, tiña pouco senso daquela. No meu caso, logo dunha estadía docente en Escocia, andaba xa por Madrid, entre aulas e libros e artigos, o que facía pouco doado seguir no asunto canoro. Moscoso vivía fóra, tamén. O Ito e o Bibiano levaban tempo tentando un dúo, “ma non troppo” e pouco estable, iso si. Miro Casabella moi ao seu aire. Suso Vaamonde, logo do escuro incidente de Guimarães, ía por libre, e con todo, ao xeito do Papa Luna, seguira adiante, dicindo por un tempo, como Flaubert cando lle preguntaban por Emma Bovary, que Voces Ceibes era el. Logo, despois, xa nada.

Voces Ceibes, daquela, nacera en Compostela, un pouco como os anxos de Gerardo Diego, en maio do 1968

Voces Ceibes, daquela, nacera en Compostela, un pouco como os anxos de Gerardo Diego, en maio do 68. Logo despois do mítico recital do 26 de Abril, en Medicina, morta xa a “primavera compostelá”, que comezara a fins de xaneiro. Como a de Praga non fora senón no verán do 68. Por máis que a primavera sexa, sábese, un estado de ánimo. E ánimo, e bríos, tivera aquel grupo de rapaces que ao chou das reivindicacións dos estudantes, (“Qué vivan los estudiantes/ jardín de las alegrías/ que es ave que no se asusta/ de animal ni policía”, cantaba Violeta Parra) decidira poñer música a letras ou poemas (moitos do inmenso celanovés, daquela en Caracas, Celso Emilio Ferreiro) protestatarios ou belixerantes. Si, neste apartado inclúo os temas de amor, que eu tamén cantaba, porque –e non canso de dicilo- “amar es combatir” (como deixara escrito Octavio Paz, ao aire da parella que facía o amor no Madrid de 1937, mentres caían as bombas dos sublevados).

Que alguén non o entendera, tanto me ten ou alá penas. Poisque, como no romance máis belo da literatura española: “Yo no digo mi canción sino a quien conmigo va.” Por iso. Voces Ceibes (téñoo contado polo miúdo no libro homónimo, publicado por Xerais, en 1991) tivera o seu momento de gloria, o seu “prime”, entre o 68 e o 72. Recitais, moitos, sen contar os prohibidos, naturalmente, discos a eito, en EDIGSA, maiormente, logo recuperados nunha estraña manobra por Suso Vaamonde, grazas á cal (dígase todo) aquelas fitas gravadas en Barcelona non terminaron de morrer. Logo Deus sabe onde irían parar. EDIGSA, benemérita casa de discos, da burguesía catalana nacionalista, que gravaba no seu idioma propio, basco, galego ¡e inglés! En español, non. Que abondo tiñan con estar ubicados en José Antonio Primo de Rivera, hoxe, de novo, Gran Vía de les Corts Catalanes, Daquela xa non era a casa de discos de Raimon, si a de Serrat (ou La Trinca) quen rexistraba con eles os seus discos cataláns, en Zafiro/ Novola en español.

Anos felices aqueles nos que cantar e coser eran todo un. Fica de todo aquilo, ao menos para mìn, a sensación agridoce de ter choiado moito, e complicado a vida, os tempos aqueles eran o que eran, por algo que -iso si- tivera un certo recoñecemento. Entón non había unha expresión poltica ceibe e os recitais cumprían un papel mitineiro imposible doutra maneira.

Se outra vez vivira, outra vez querería ter sido de Voces Ceibes

Estaban tamén os recitais pequenos, como faladoiros ou tertulias ao caròn da lareira, igrexas, colexios maiores, casas particulares, e que tiñan un aquel de “tenidas” masónicas co sabor intenso da clandestinidade. No que a min respecta se outra vez vivira, outra vez querería ter sido de Voces Ceibes. E que alguén, medo século despois, como estes días fixo Óscar Outeiriño, dea en lembrarme iso, non deixa de ser un honor e un darlle voltas ao sentimento, que cincuenta anos, cincuenta e sete xa do comezo, é un tempo moi estimable. Tanto como para que eu bote man do pano branco do adeus a todo isto. Un adeus que ten moito de faciana con sorriso a dicir ola.

Contenido patrocinado

stats