Ángel Mario Carreño
REFLEXIONES DE UN NONAGENARIO
El milagro Zapatero
En público ninguén pronunciou a frase do título aínda que en privado se puidese atribuír a Núñez Feijóo. Durante 370 días o presidente do PP viu con bos ollos a resistencia do presidente valenciano, xustificouna e aplaudiu ata a chegada do perfecto funeral laico en homenaxe ás vítimas da tráxica Dana do 29 de outubro de 2024. Aínda, por riba da desnaturalización da maquinaria política conservadora, tiveron que ser a nai e o resto da familia de Carlos Mazón quen usasen na intimidade a panca de Alquímides con que mover a roca do presidente valenciano. Na alta cúpula popular non desexaban semellante desenlace. Dimitiu sen pronunciar a palabra dimisión nun luns de gloria esperado con entusiasmo en Xénova 13 polo inicio do esperpéntico xuízo contra o Fiscal General del Estado. A decisión de Mazón desactivou o cálculo mediático conservador. Unha vez máis, o alacantino púxolle a cambadela a Feijóo. Fíxoo nas eleccións do 2023 pactando con Vox e volve agora deixando ao PP vendido ás decisións da extrema dereita para manter o poder valenciano. A permanente utilización da posverdade puxo de manifesto un modo de facer política aceptado ou tolerado polo seu partido como modus vivendi. A dimisión de Carlos Mazón é para algunha dereita un exemplo de honestidade. Pero é unha icona de desvergoña para a cidadanía que confía na veracidade dos seus dirixentes á hora de gobernar. Con este dobre retrato pasará Mazón á historia da mala política.
Feijóo, chamado a Madrid para anular a Vox e centrar ao PP, con este episodio certifica o seu fracaso máis estrepitoso
Non, o fin non xustifica os medios por moito que quedase inculcado na nosa educación xudeocristián. Tampouco a hipocrisía debe ser unha moeda de cambio como mal menor para exercer e manter as rendas do poder. Mazón marcha inmerso no vinagre do embuste e Feijóo despídeo con vendas de aceite nomeándoo “compañeiro mártir”. Na rúa preguntámonos a que vertedoiro lanzaron a moral católica que profesan estes dirixentes do Partido Popular? É ben certo que a Mazón derrotouno o uso da falsidade xunto ao vello cálculo de que o tempo todo o tapa e todo o cura. Por iso xogou a ser unha vítima co apoio da súa organización. Velaí a gravidade do asunto. Unha vez máis, Alberto Núñez Feijóo sen que ninguén o empuxe se colocou na diana. De acusar a Sánchez de amarrarse ao Goberno, coas cadeas dos seus socios parlamentarios, pasou a declarar que Vàlencia ben vale un abrazo con Santiago Abascal. Outro mal paso e un novo exemplo de incoherencia ao pedir para o seu beneficio “seriedade, rigor, responsabilidade e estabilidade” ao substituír a Mazón sen consultar aos electores. Os mesmos catro conceptos que critica a Pedro Sánchez cando en minoría nega a convocatoria das eleccións xerais.
Feijóo, chamado a Madrid para anular a Vox e centrar ao PP, con este episodio certifica o seu fracaso máis estrepitoso. En tres anos colocou ao seu partido no máis profundo nivel de debilidade ideolóxica e executiva. Torpeza tras torpeza asimilouse tanto á extrema dereita que Abascal está a un paso de superalo en intención de votos mentres o bloque de dereitas cae a ser inferior ao bloque de esquerdas. Xa se fala de empate técnico e faltan dous anos para abrir as urnas do Estado. Feijóo dificilmente poderá volver presentarse diante do electorado como un home de centro con capacidade para obter en solitario a maioría absoluta que lle leve á Moncloa. Ao tempo, este episodio do Mazón “forte e resistente”, tan cacarexado por Miguel Tellado, pode ser o principio da catarse interna que nos despachos de Xénova 13 soa e crece con cada fallo estratéxico do equipo dirixente actual.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Ángel Mario Carreño
REFLEXIONES DE UN NONAGENARIO
El milagro Zapatero
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
El villancico más famoso del mundo
Berto Manso
LA OPINIÓN
El COB llegó tarde al pazo
Francisco Lorenzo Amil
TRIBUNA
Lotería y Navidad... como antaño
Lo último