Fotos, películas e Fraga Iribarne

Publicado: 28 feb 2026 - 01:05
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A vida é unha película que dura uns 85 anos de media en Galicia. E todos ao longo dese tempo temos acertos e erros, todos rimos e choramos, todos fomos felices e desgraciados, todos alegramos ou entristecemos aos que tiñamos ao lado, en fin, todos estamos orgullosos dalgunhas cousas e preferiríamos nunca ter feito outras.

Por iso en todos os pensamentos elaborados de transcendencia, en todas as relixións complexas, para ponderar as accións dunha persoa que morre, hai un xuízo final. Como o dos cristiáns que segue á morte e determina se un vai ao ceo ou ao inferno, agardando sempre o “xuízo final” na conclusión dos tempos. Como no xuízo de Osiris no antigo Exipto no que o deus pesaba o corazón do defunto contra a pluma da verdade, e se corazón era livián pasaba á vida eterna, pero se pesaban máis as malas accións, era destruído. Como no hinduísmo, o Yamaraja, deus da morte, que xulga aos defuntos baseándose nas súas accións e determina o tipo de reencarnación posible ou o castigo infernal.

Por iso debemos ser moi comedidos á hora de valorarmos historias alleas. Especialmente na política. Que todos temos boa memoria, aínda que xenerosidade distinta.

Pero a nosa memoria tende á lembranza só por imaxes, por fotogramas desa película vital. Como moito, instantes que duran un suspiro. E hai a tendencia neste mundo avolto, acelerado e empobrecido, de simples consignas e obediencias cegas, a escolmar uns fotogramas, ou unha pequena secuencia que encaixe no noso relato, en vez de, naturalmente, aspirar a xulgar como os deuses, como Osiris, como Yamaraja, como Cristo, as vidas completas.

E para que a película da vida resulte máis levadeira, xunto coa facultade de lembrar o bo, temos tamén a de esquecer o malo. Non só pasar páxina, senón mesmo esquecer as ofensas recibidas porque nós, seguro, tamén temos as nosas cousas para perdoaren os demais. Por iso debemos ser moi comedidos á hora de valorarmos historias alleas. Especialmente na política. Que todos temos boa memoria, aínda que xenerosidade distinta.

E voulles falar de Fraga. Moito máis Iribarne ca Fraga. Impulsivo, mandón, frontal, irascible, nada retranqueiro, nada ambiguo, nada de dicir e calar. Lembro coincidir con el tres ou catro veces. Daba a man branda, gomosa, distante. Tampouco era eu ninguén para apertarlla, claro. A primeira vez, nunha súa visita ao Museo Arqueolóxico, eu estudante, se cadra a finais dos setenta, e quedara el engaiolado pola lauda celanovesa que di “Aquí jaz jan feyjoo escudeyro, bon fidalgo e verdadeyro caçador e monteyro”. Outra, el xa presidente de Galicia, nunha visita institucional á Fundación Otero Pedrayo, en 1993, con Sixto Seco de presidente. Regalarámoslle copia dunha foto na que estaba el con Otero Pedrayo e Dámaso Alonso, en outubro de 1958 no Centro Galego de Madrid; anotada por tras polo propio Otero cos nomes de todos os da mesa menos unha señora da que non lembrara o nome. Creo que Fraga non gozou como debería das explicacións de Sixto, porque andou remoendo no tema, ata que lle veu á cabeza -e berrou- o nome da señora para que o anotásemos. A terceira vez foi o 11 de xaneiro de 2011, no acto inaugural da cidade da Cultura, obra faraónica coa que Pérez Varela -algo rapañaría- liou ao xefe. Daquela Fraga -quedáballe un ano de vida- ía xa en cadeira de rodas e ninguén lle facía caso ningún. Andaban por alí, Filipe -inda Príncipe- Letizia, Alberto Núñez, etc. e o remuíño dos comenencias ao redor dos poderosos, por forza centrípeta, expulsárao do seu lado. O ocaso do patrón. Sinceramente, deume pena, e pareime un momento con el.

Foi ministro designado por Franco sete anos pero foi logo quince anos presidente do meu país, elixido libremente polos votos dos cidadáns galegos. Que nunca o votara eu é nada ten que ver con que defenda a honorabilidade da decisión do meu pobo, da miña nación. Así que a súa memoria merece, por suposto, respecto. Eses rapazolos de brocha fácil, moito teñen que pintar na súa terra vasca, para viren enredar aquí.

Contenido patrocinado

stats