Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Una mina
DIARIOS DO PASADO
Os arqueólogos somos sabedores de que a nosa profesión ten unha compoñente, un envoltorio exterior, moi atractivo para o gran público. Iso débese, quizais, a que as investigacións asócianse, segundo crenzas populares, cunha paixón aventureira que as dota dun halo de misterio. Pero nada máis lonxe da realidade, porque a Arqueoloxía e unha disciplina de coñecemento eminentemente científica, baseada en rigorosas comprobacións que aconsellan, ás veces ata abuso, o emprego dunha linguaxe cargada de condicionais e potenciais: “se fora”, “puidera ser”, “posiblemente”.
Sen embargo, como en todas as profesións, existen desaprensivos que perseguen grandes titulares, actitude que nunca cadrará co lento, calado e constante camiño que necesita o saber científico e ás veces enchen as publicacións de hipérboles, de esaxeracións que pouco ou nada contribúen ao coñecemento que se persegue. Non faltaron incluso falsificacións. Foi famosa a de Shinichi Fujimura, aquel afeccionado xaponés que anunciou o descubrimento de cerámicas con 50.000 anos de antigüidade en pleno Paleolítico, algo imposible cos coñecementos que hoxe manexamos. Ou a falsa tiara de Saitaphernes, un suposto regalo dos antigos gregos a un rei escita do s. III a.C. Fora adquirida en 1896 polo Museo do Louvre e, como logo puido saberse, resultou ser fabricada 1894, tan só dous anos antes.
Non faltaron incluso falsificacións. Foi famosa a de Shinichi Fujimura, aquel afeccionado xaponés que anunciou o descubrimento de cerámicas con 50.000 anos de antigüidade en pleno Paleolítico, algo imposible cos coñecementos que hoxe manexamos.
Mais non só se falsifican obxectos -artefactos na terminoloxía arqueolóxica- como os que puxemos de exemplo en parágrafos anteriores, se non tamén fósiles susceptibles de achegar coñecemento para ir completando a árbore da evolución da nosa especie. Ao respecto foi moi célebre o descubrimento do Home de Piltdown, en Sussex, Inglaterra. O achado, do ano 1912 nunha canteira próxima á localidade, mostraba unha estraña aparencia de ósos de aspecto claramente humanos con outros rasgos moi arcaizantes. Foi protagonizado polo arqueólogo diletante Charles Dawson. Naquel momento abríanse paso as teorías evolucionistas de Darwin nalgunhas universidades -non en todas, caso da de Santiago de Compostela, de introdución tardía, como indicaba I.J. Senín- se ben non sempre eran ben comprendidas, sobre todo porque os medios non científicos estendían a idea de que a nosa especie procedía do simio, do mono, e non a de que existiron varias especies ramificadas con ancestros comúns. En consecuencia estaban en boga ideas como a do “elo perdido”, a parte da cadea que demostraría esa secuencia evolutiva de mono a home. O descubrimento do Home de Piltdown, tamén denominado “Eoanthropus dawsonii” -que significaría algo así como o “amencer humano de Dawson”- podería responder a ese suposto enlace, ese elo perdido, dada a dita confluencia de características óseas modernas con outras arcaizantes nun suposto mesmo individuo. Pero finalmente todo se descubriu: non era un individuo tal, se non unha estraña mestura amañada, segundo algúns autores, polo paleontólogo e xeólogo William Johnson Sollas, rival de Dawson e quen, de ser el o autor, non tivo o menor escrúpulo para combinar un cranio humano de sapiens coa mandíbula dun orangután e un dente solto doutro simio, todo tratado quimicamente para simular unha antigüidade máis ou menos homoxénea. O insólito conxunto foi enterrado no canteira de Piltdown ata que un operario deu con el e contoullo a Dawson.
Vaia fraude máis maquiavélico, todo un engano que tardou en desvelarse máis de 40 anos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último