Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
Expertos das tres Universidades galegas e da prestixiosa Fundación Juana de Vega entregáronnle á Xunta de Galicia un estudo que lles encargou a respecto da planta local e da eventual viabilidade da fusión de concellos.
Do texto deste informe sabemos dúas cousas relevantes que diverxen substancialmente da atención da Xunta e do PPdeG só a respecto das fusións de concellos. Por unha banda seica limita substancialmente o ámbito do posíbel a respecto destas fusións a unha casuística que non acada nin a trinta concellos do País, mentres desbotan radicalmente a fusión de concellos limítrofes que poidan xerar concellos resultantes moi extensos e, malia sumar este, este e aquel, aínda moi pouco poboados, como podería ser, só a xeito de exemplos, a fusión dos concellos da montaña dos Ancares (As Nogais, Becerreá, Pedrafita do Cebreiro...) e os do sur da extrema leste deste país (Carballeda de Valdeorras, O Bolo, A Veiga. Manzaneda e Viana do Bolo).
Pola outra, centran o problema local da Galicia na necesidade de garantir a prestación dos servizos públicos e o deseño dos medios materiais e persoais da Administración local a medio de fórmulas comunitarias ou consorciadas e dende unha perspectiva comarcal ou de área urbana do territorio.
Velaí, pois, o cerne da cuestión. O mapa local, o mapa territorial de Galicia precisan dun ámbito comarcal para a planificación e prestación dos servizos. E precisan dunha prestación en común destes servizos e máis dunha posta en común dos medios materiais e humanos de cada administración tanto dos concellos atinxidos en cadanseu ámbito territorial como o da deputación correspondente. Porque un elemento ausente desta análise é a dis funcionalidade da división provincial. Fronte á barbaridade da constitucionalización das provincias, a planta local deste País precisa das deputacións unha dupla reforma: transferir as funcións delegadas polos concellos para a recadación dos tributos locais á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) e “comarcalizar” a súa estrutura e funcionamento.
Estas dúas reformas e a comarcalización da Administración periférica autonómica, adoptando as comarcas e áreas urbanas como única división territorial para o cumprimento das súas fins, permitirían un desenvolvemento das vilas-cabeceiras de bisbarra e un mapa axeitado para a prestación dos servizos, mentres agardaríamos a que as catro provincias, baleiradas de sentido real, desapareceran de feito, como xa desapareceron, substituídas polas illas, as dúas provincias canarias.
Mais tamén omite a Xunta deste debate a cuestión do financiamento local, principiando pola necesaria reforma da Lei de Facendas Locais de 2004 que financia directamente aos concellos de todo o territorio do Estado en función da súa poboación, de feito que mellora o financiamento por habitante dos concellos máis poboados. Deste xeito Galicia, cun 5,2% da poboación do Estado, recibe pouco máis dun 3,3% do financiamento local estatal. E logo falan de solidariedade!
É evidente que Galicia precisaría para o seu financiamento local que o Estado lle transferira á Xunta unha cantidade global baseada na súa poboación axustada (5,2% estatal máis os incrementos que bilateralmente cumpriría pactar segundo o avellentamento e espallamento da nosa poboación).
Para integrar, cos propios recursos que poría a Xunta, un Fondo de Financiamento local regulado por lei que garantise a suficiencia dos servizos públicos locais nese mapa de prestación e xestión consorciada e comarcalizada.
Non poñan, pois, o foco na fusión de concellos, senón na prestación acaída dos servizos. E teñan en conta que a representación político-electoral ao longo de todo o territorio contribúe á lexitimidade democrática e a participación da veciñanza.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Lembranzas de Otero Pedrayo no centenario da Guía de Galicia
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Blas de Lezo
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
El récord Guinness que espera en Lugo
Lo último
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 4 de febrero
PARA RESCATE Y EVACUACIÓN
La UME despliega 250 militares y 90 vehículos especializados en Huelva, Cádiz y Granada ante el temporal