Galego… uns din que arre e outros que xo

Publicado: 22 oct 2024 - 21:51

Ás veces esquecemos de onde vimos; facémolo así levados de non sei que estraño espírito anulador da memoria colectiva porque, alá no fondo de nós mesmos, mantense viva unha voz que nos sinala incoherencia de non sabérmonos considerar fillos duns tempos que foron os que foron e non outros. Porén, sempre hai algo que nos aviva o recordo devolvéndonos á nosa orixe.

Chaguazoso é unha aldea do concello da Mesquita. Disimúlenme que escriba mesquita e non mezquita. Fágoo levado da convicción de que a mesquita é unha flor de nós, mentres que a mezquita ven sendo un templo que non o é, que non é de nós; é dicir, algo que neste noso país e por elo n’A Mezquita non sei se será moi doado de entender.

Dicíalles o anterior coa intención de explicarlles que, un día de hai anos, cheguei a Chaguazoso e algo inesperado chegou a emocionarme tanto que o recordo e a emoción sentida aínda permanecen vivos na miña caixa das memorias; xa saben, na seseira; ou nos miolos se o prefiren. Que foi o que me emocionou? Direillo de contado. Foi o cheiro do esterco que o enchía todo. Era o mesmo cheiro de cando as vacas so comían herba, moito antes de que comezaran a comer piensos compostos e outros inventos químicos que ser serán de agradecer, pero que non é que arrecendan, precisamente. Como o propio nome indica, en Chaguazoso había herba a Deus dala. Xa saben: ano de auga, ano de herba.

Vimos de onde vimos e aínda non correu tempo abondo como pra que o teñamos esquecido. Daquela, as máis das nosas mulleres vestían de negro e non resultaba estraño que levaran unha vaca dun adival a pacer nas gabias das estradas. No litoral galego non era imposible ver xente descalza ou mulleres picando pedra pra facer morrillo co que asentar a terra das pistas. Nas vilas era frecuente ver os rapaces das piñas, levándoas a vender polas casas, pra prender lume nas cociñas. Ouh, aqueles carriños con rodas feitas coas caixas de bolas dos talleres de automóbiles!

Aqueles días pasaron, deixémolos ir por moitas emocións que nos provoque a súa lembranza. Véñenme estas cousas á cabeza non sei moi ben porque, anque o sospeite. Estes días anda no aire a liorta de a quen corresponde (e por que) a perda de falantes na nosa lingua nai. Uns din que arre e outros din que xo, e o caso é que, os uns polos outros, a casa segue sen varrer. Os académicos disque a culpa non é deles, os políticos afirman que o problema está fóra das aulas, os docentes que van dicir eles que nós non entendamos. O certo é que vivimos noutros días que non son aqueles. O certo é que nunca, nunca, tivemos ó noso acado tanto instrumento legal, docente, político, tantos medios de comunicación, emisoras de radio, canles de televisión ou tanto volume editorial como temos, liberdade tanta coma a que desfrutamos, e nunca o perigo foi tan evidente como o é agora. A pregunta é se estamos ou non de acordo en utilizar todos eses medios que a Historia puxo ó noso acado… ou se preferimos emular aquilo de que poden que sexan galgos ou pode que resulten ser podencos. Outra resposta pode ser botar en falla aqueles arrecendos dos que, ó principio, se falaba.

Contenido patrocinado

stats