Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Alemania, un toque atención para todos
La hoguera de las vanidades”, de Tom Wolfe, é unha sátira da Nova York dos anos oitenta, unha cidade dominada polo diñeiro, o poder, os medios e unhas elites cuxa representación de si mesmas non é acaída coa realidade. Ourense encamíñase cara á súa particular “hoguera de las vaguedades”. Achegan as eleccións municipais e regresan palabras tan difíciles de discutir como sinxelas de pronunciar: futuro, liderado, potencial, transformación, dinamización, escoita ou proxecto. O problema non é que sexan falsas, senón que poden significar case calquera cousa. A vaguidade política non sempre reside en non dicir nada. Ás veces consiste en dicir moito sen explicar como facelo. E esa distancia entre relato e realidade resulta nomeadamente desacougante nunha cidade que leva anos perdendo posicións sen saber que rol aspira a ocupar.
Ana Méndez, flamante candidata do PP á alcaldía, ofrece un bo exemplo. Nas súas primeiras intervencións concorren vivenda, transporte, servizos sociais, seguridade, barrios, comercio, investimento, emprego, termalismo, cultura e patrimonio. Tamén denuncia que, despois de sete anos de Pérez Jácome, o Concello non dispón dun plan estratéxico. Pero unha enumeración de eidos de actuación non constitúe por si mesma unha alternativa. Dinamizar o comercio, mellorar o transporte público ou potenciar o termalismo son propósitos tan loables como desexar a paz no mundo. A dificultade comeza despois. Como? Con que instrumentos e recursos? Para resolver que eivas? Que efectos perseguen? A política comeza onde remata o catálogo das boas intencións, cando hai que transformar verbos amables en decisións executables e explicar como contribúen a construír un Ourense distinto.
O comercio de proximidade, por exemplo, require saber por que perde vitalidade. Pode influír a contracción da poboación, envellecemento, locais baleiros, alugueiros, novos hábitos de consumo, accesibilidade ou deterioro do espazo urbano. Cada diagnóstico reclama respostas diferenciais. E o mesmo con vivenda, termalismo ou mobilidade. Unha política seria debe identificar o problema, establecer prioridades, escoller ferramentas, calcular recursos, mobilizar capacidades e prever resultados. Pero aínda faltaría o máis importante: conectar unhas actuacións coas outras e dotalas de coherencia. Non se trata de facer cousas, nin de mellorar algo aquí e acolá. Hai de decidir que lugar debe ocupar a nosa urbe a medio e longo prazo, que función ten que xogar en Galicia e no noroeste peninsular, e que transformación económica, urbana e social permitiría acadalo. Porque fai falta ambición e imaxinación.
No caso do PP a esixencia é aínda maior. No mandato inmediatamente anterior ao do actual rexedor, Jesús Vázquez deixou moito menos do que prometía a retórica coa que aseguraba ter colocado os “cimentos da cidade do futuro”. Problemas con concesións, ausencia de orzamentos, atrasos e proxectos que nunca chegaron a materializarse acompañaron unha etapa incapaz de imprimir un rumbo recoñecible a Ourense. Despois veu algo aínda máis difícil de obviar. En 2019, os sete concelleiros populares fixeron a Pérez Jácome alcalde. En 2023, un novo acordo entre PP e DO facilitou a súa continuidade. Agora, sen máis, os de Luís Menor prepararán outro programa, incorporarán algunha achega, actualizarán cifras e recuperarán propostas que consideren válidas. A pregunta non é cantas medidas incluirán, senón se aprenderon algo do seu goberno e se asumen a responsabilidade no actual marasmo.
Pero o problema non pertence exclusivamente ao PP. O PSOE levou ao pleno a finais de xullo a creación de “Ourense, cidade da literatura”, con medidas para promover a lectura e apoiar as librarías de barrio, xusto cando a cidade atravesaba a maior vaga de calor desde curso. A iniciativa pode ser defendible. A cuestión é onde se sitúa na xerarquía de necesidades dunha urbe que afronta declive demográfico, dificultades residenciais, perda de actividade ou adaptación a episodios climáticos cada vez máis extremos.
O BNG ofrece outra variante. Ana Pontón visitounos en maio para presentar a cidade deportiva do Couto como mostra do seu “proxecto de futuro”. Neste caso existe concreción e mesmo unha estimación económica, pero a proposta xa fora formulada nas municipais de 2019. Recuperar unha boa idea non a invalida. Obriga, iso si, a explicar que cambiou dende entón no diagnóstico e, sobre todo, na axenda para Ourense.
Hai motivos suficientes para avaliar con severidade os dous mandatos de Pérez Jácome, pero a incapacidade e fracaso dun alcalde non acredita automaticamente a capacidade dos seus adversarios. Gobernar significa escoller porque recursos, tempo e capacidades son limitados. Implica identificar que problemas condicionan os demais, ordenar prioridades, coordinar actuacións e explicar que transformación se pretende. Un programa dun cento de medidas pode carecer de rumbo se cada unha vive illada das restantes. E se todo é prioritario, ao final nada o é. Ourense precisa unha aposta concreta para resultar crible, ambiciosa para reverter a súa traxectoria e sedutora para mobilizar unha veciñanza afeita á resignación. Na novela de Wolfe, as vaidades arden ao contacto coa realidade. Na nosa cacharela local, convén queimar antes as vaguidades. Porque xa lle poñemos cara ás alternativas a Pérez Jácome, pero non o Ourense que propoñen.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Alemania, un toque atención para todos
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Tres niños colombianos
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
El mensaje de las viejas farolas del Puente romano
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
El final de una era
Lo último