Manuel Baltar
Bendita terra
Escoitei as verbas do título deste artigo o sábado 29 de agosto na Carballeira de San Xusto, no concello de Cerdedo-Cotobade, nas palabras de benvida do alcalde Jorge Cubela, sen dúbida un galeguista exercente, convencido do piar ideolóxico fulcral da formación política que máis se parece a Galicia. Agradecino especialmente e así llelo dixen. Pronunciadas nunha paraxe tan nosa como poucas e diante dos que traballamos para mellorar Galicia, Nai e Señora.
Conxurámonos para vernos no verán do 27 co ourensán Núñez Feijóo como presidente do Goberno de España. Persuadidos da vitoria nas urnas que traerá consigo, se me permiten, unha “xeración do 27 política” no centenario da do grupo de poetas máis brillante co que contou España no século vinte. Por certo que García Lorca escribíu “Seis poemas galegos” (1935) pola amizade que levaba co noso xigante de Auria Eduardo Blanco Amor. Federico, no seu diario, referíuse así a Galicia: “Esto me hipnotiza”.
Falou Alberto Núñez da España “apagada, calcinada e invadida” que deixa un sanchismo que nos obriga a certificar a súa defunción nas urnas cando convoque o responsable directo de tanta desfeita. Precisou Feijóo que tardaron un mes en reaccionar ante a crise migratoria en Ceuta, pero días en roubar. Na carballeira cargou as pilas para afrontar estes meses que o levarán á Moncloa para borrar esta etapa na que a “coalición destituinte” abríu as portas ao campo e seguen cunha viaxe a ningures que a historia levará por diante.
O presidente da Xunta reivindicou o papel de Vivas, o presidente ceutí, e clamou ante a indignidade dun Goberno ausente, vítima dun eclipse permanente. Mantivo ese tono esixente e educado que o fai respectado como poucos na política nacional. Porque non hai que confundir medo con respecto. A autoridade exércese por atesourar coñecementos e por actuar con intelixencia emocional. Non ten máis razón quen máis berra ou quen máis se enfada. Esa é a razón da forza e non a forza da razón. O chamado “estilo Rueda” comeza un novo curso esixindo o xusto para Galicia: non máis que ninguén pero nunca menos que ninguén. Por iso aplaudimos as verbas de Feijóo cando falou do seu compromiso con Galicia e da etapa reindustrializadora e modernizadora das infraestruturas que imos ser quen de encetar coa súa presidencia.
En definitiva, ilusionante inicio de curso, respectado mesmo pola meteoroloxía, coa ambición e positivismo que foi quen de contaxiar Luís López “Lugués”, o dinámico, empático e innovador presidente provincial de Pontevedra. Sobra dicir o gran recibimento que tivo o presidente Rajoy e a sensación de traballo que nunca abandona a un proxecto político que naceu para ser e estar tódolos días do ano, haxa ou non eleccións. Un partido de garda 24 horas ao día para a defensa dos supremos intereses de Galicia.
Sigamos a labourar pola Nosa Terra, lembrando sempre versos como os do poeta cambadés Ramón Cabanillas no seu poema “Galicia” (publicado no seu libro “Da terra asoballada”, 1917): “¡Galicia! Nai e Señora, sempre garimosa e forte; preto e lonxe; onte, agora, mañán… na vida e na morte!”. Que así sexa sen descanso por esta bendita terra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ELEMENTOS MEDIEVALES
La torre campanario de Vilaza, en Monterrei, recobra su antiguo esplendor
VUELTA A PREFERENTE
Borrón y cuenta nueva para el Barbadás
REUNIÓN INSTITUCIONAL
A Confederación Hidrográfica do Douro terá unha oficina en Castrelo do Val
La Región
Ven...