Horteralia

Publicado: 26 oct 2024 - 01:16

A raiz da caída hai unha semana de Mario Vaquerizo, líder de “Nancys Rubias”, na súa actuación dentro do “Horteralia” que se estaba a celebrar en Extremadura, acordeime da primeira vez que falei deste tipo de evento.

Escoiteillo ao meu amigo Raúl, cantante de tantos éxitos ao longo de tantos anos; chamóume un chisco a atención, e reflexionei en voz alta con el, se era boa idea participar nun acontecemento con ese nome. Naquel momento pareceume que desmerecía a carreira de moitos artistas que, como Raúl, levaban tantos anos enriba dos escenarios interpretando excelentes cancións. Porque Raúl non é soamente o de “Sueño su Boca”, que a piques estivo de representarnos en Eurovisión 2000; son ducias de excelentes cancións, unhas máis para bailar, como “Prohibida” e outras para escoitar tranquilamente, como é o caso da pedazo de adaptación que fai da canción “Se nos rompió el amor” de Rocío Jurado que mesmo che pon os pelos de punta.

As primeiras aparicións de Raúl na TVG foron no “Tequelexou” e no “Supermates” por un empeño meu ao non ser seleccionada para Eurovisión, pasándolle por arriba Serafín Zubiri; nin tiña disco no mercado nin estivera nunca nun plató televisivo, e nin sequera era coñecido máis alá da capital alavesa de donde proviña; pero eu tiña claro que alí había un artista e que había que traelo. Non me enganei, pasoume como con “Estopa”, ás poucas semanas do seu paso polo programa a “Raja de tu falda” era un número un. O que veu despues xa o coñecedes todos, éxito tras éxito que aínda continúa hoxe. Ao compartir o mesmo mánager tivemos a oportunidade de vivir moitos momentos xuntos; a última cea divertida que recordo con eles foi no “Hotel NH Palacio de Vigo” despois do seu concerto en Nigrán, onde arrasaron e tivemos que sair fungando escoltados pola policía local.

Realmente ese día quen debería ter cobrado o caché eran os milleiros de persoas que lle corearon todas e cada unha das cancións que alí soaron

Pouco menos me ocorreu no concerto de Raúl no Estadio “El Toralín” da Ponferradina, onde o artista vasco fora contratado dentro do programa das “Festas da Encina” dando un concerto absolutamente soberbio; demostrando que no escenario estaba un auténtico artista. Nese mesmo escenario vin ao día seguinte ao gran Julio Iglesias, coa ínclita Karina Fálagan intentando facerlle chegar ao escenario a inmensa pamela que lucía, por moito que o servizo de seguridade se empeñara en botala para atras. Julio chegou e triunfou, como non podía ser doutro xeito, dedicándolle a canción “Vuela Alto” ao xornalista e locutor ponferradino Luis del Olmo que alí estaba, daquelas ameazado por ETA. Pois iso, que Julio estar estivo, pero cantar cantou pouquiño, limitándose a piropear a todas as mulleres mentres aos seus coros, tres voces femininas espectaculares, e unha excelente orquestra, facíán o traballo, pedíndolle continuamente ao público que cantasen con el. Realmente ese día quen debería ter cobrado o caché eran os milleiros de persoas que lle corearon todas e cada unha das cancións que alí soaron.

Pois neste tipo de concertos e artistas ten a súa base “Horteralia”, un invento que lle está funcionando estupendamente aos seus promotores, como nas de este ano por donde actuaron artistas como Soraya, Los del Río, King África, Ladilla Rusa, Pink Ladys e un montón de artistas máis. Ao final, eu pensando que o nome desprestixiaba ao artista e moitos deles pelexando por estar aí.

Ao final vai pasar como no “Benidorm Fest”, onde se presentan candidatos que moitos deles nin oiran falar anteriormente de Eurovisión. E iso está ben.

Contenido patrocinado

stats