Incendios: historia repetida

O AFIADOR

Publicado: 21 jun 2026 - 05:10
Lalo Pavón
Lalo Pavón | La Región

Cando o verán que hoxe arranca se chamaba aínda primavera, a franxa oriental da provincia de Ourense foi sacudida por unha treboada terrorífica con elevados danos, aínda sin avaliar con detalle. A auga incontrolable arrastrou a cinsa dos incendios do pasado verán, levando por diante o que encontraba ao seu paso. Non houbo perdas humanas, pero o sucedido obriga a extraer conclusións rápidas ante a constatación de que daqueles pos, istes lodos.

Hai algo menos dun ano contemplamos sobrecollidos a inabarcable voracidade do lume por montes, vales e superficies habitadas, reducindo a un mar de cinsa canto atopaba por diante. O balance está fresco, con xente que aínda chora polos seres queridos que quedaron baixo o poder abrasador das lapas e outra que salvando esa traxedia se viu fronte á nada onde apenas unhos instantes antes estaba todo o que constituía a sua vida: casas e enseres destruidos, noqueados polo infortunio e obrigados a empezar de cero a aventura da vida.

Pois haberá que traballar xa en pos dunha concienciación colectiva sobre comportamentos que permitan paliar e logo revertir a derrota actual

Restos daquela foresta arrasada engordou agora a tromba de auga, incrementando o poder destrutor no seu decurso incontrolado. Había entón ampla coincidencia da necesidade de tomar nota da lección vivida e extraer conclusións: por unha parte reparar o dano provocado na vida das xentes e, por outra, ir ás raíces das causas que conflúen para que ocorran estas cousas nunca vistas nas dimensións actuáis. É dicir, os fenómenos atmosféricos extremos, cada vez máis frecuentes, son consecuencia dos golpes baixos que o mundo (cos gobernos respectivos á cabeza liderando accións incursas en lesa humanidade) ven asestándolle ao medio ambiente en décadas. Pois haberá que traballar xa en pos dunha concienciación colectiva sobre comportamentos que permitan paliar e logo revertir a derrota actual, conscentes de que os efectos serán visibles para as xeracións vindeiras.

A segunda gran empresa ineludible -abordable dende xa- é a recuperación da terra abandonada. A maior parte da superficie de monte está ao albur da natureza, unha parte considerable da cal, se descoñece quenes son os donos. A empresa é hercúlea, case de proporcións bíblicas, mais tratándose dunha cuestión de país -no caso de España e de Galicia-, que precisa dun debate tan sereno como solvente, así como do ineludible compromiso da asunción das conclusións, cunha folla de ruta para o seu desenvolvemento no tempo que trascenda a quenes gobernen. Un xa ten vivido o suficiente como para militar na inxenuidade (cando o insulto é o valor máis destacado no acervo dos líderes políticos, resulta máis difícil crer), pero a realidade dí que nese estadio é onde se pode esquivar o lume. Ou coidamos o entorno ou viviremos episodios e traxedias cada vez máis grandes e próximas a nós.

Contenido patrocinado

stats