A indecencia do diñeiro

O AFIADOR

Publicado: 15 mar 2026 - 04:05
Lalo Pavón
Lalo Pavón | La Región

O mundo anda revolto dende que ao Tolo do Norte lle deu por sacar os bombardeiros contra obxectivos que considera estratéxicos para o seu país e para o peto dalgúns poderes económicos. Basta a simple -ou non tanto- ocorrencia deste Nerón contemporáneo para caer sobre gobernantes aos que persegue e ataca non por liberar a cidadáns tratados con man de ferro por sátrapas, senón na súa condición de dispor da chave de territorios con recursos apetecibles, por rendibles, para o mundo rico. Para iso non lle importa levar por diante a vida de civís inocentes (son parte do que cinicamente se denomina danos colaterais) e arxilar o avesporeiro internacional, con consecuencias imprevisibles, ata o de agora.

Un dos moitos problemas non menores que xera este rebumbio arredor do Golfo Pérsico, ademais do risco que supoñen as accións bélicas, é a ameaza sobre a explotación e distribución de petróleo extraído na zona, que significan unha boa parte da produción mundial. Tradicionalmente, en cuanto soan tambores de guerra, o cru dispara exponencialmente a sua cotización. O curioso é que cando iso sucede, o incremento nos prezos aplícase de xeito automático e instantáneo nas estacións de servizo que están a milleiros de quilómetros.

Así, chegamos a que o gasóleo superase os dous euros por litro, con picos de subida que acadan o 50% sobre prezos inmediatamente anteriores. Isto é algo así como un timo ou estafa, que semella legal porque ningunha autoridade competente pon coto a tal práctica, pois o combustible que consumimos os cidadáns estes días, foi pagado por quen disparan os prezos hai dous meses, co cal se a suba é dun cincuenta por cento, os que manexan ás grandes compañías (non as gasolineiras independentes, que son vítimas igual que os usuarios) aumentan os seus beneficios na mesma proporción sen esforzo algún.

Para entender este movemento indecente, se vostede vende artigos de consumo habitual: pan, leite, patacas ou arroz dos que ten existencias almacenadas para dous meses e de repente hai unha suba brutal como a descrita e decidira repercutila automaticamente á sua mercadoría, obtería dende ese instante un beneficio inmoral á conta dos seus clientes. O honesto sería ir incrementando prezos segundo lle vaia chegando o produto encarecido en orixe. Pois isto é o que fan as petroleiras e grandes distribuidoras de combustible (ás veces están nas mesmas mans). Nada novo baixo o sol, pois xa se ten repetido moitas veces. E ademais, a estas alturas da vida, quen fala de honestidade nos grupos económicos e financeiros que se moven arredor do ouro negro?

Contenido patrocinado

stats