O inxusto esquecemento de Quessada

Publicado: 25 abr 2026 - 02:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A el gustáballe escribilo con dous eses, así: Quessada, Xaime Quessada. Quizais fose en expresión de gratitude, quizais de admiración pola obra do malagueño universal apelidado Picasso. De gratitude porque o mestre Picasso dixera del, cando coñeceu a súa obra, que por fin tiña un émulo en España. Acaso dixo “un discípulo”, é igual, non volveu dicilo de ninguén máis. Era certo.

Xaime soubo pintar como Picasso, pero tamén soubo seguir as pautas doutros grandes mestres da pintura universal. Seguilas, non copialas, porque sempre tivo unha linguaxe propia e intransferible. O caso é que Xaime Quessada, segundo entendemos moitos, moitos, foi unha figura de relevancia internacional e, se este pequeno, verde e ás veces triste paisiño noso tivese unha sociedade civil ben constituída e asentada, a relevancia do noso pintor sería outra. Pero non a temos e, triste é poder escribilo asi, con claridade. A sociedade civil ourensá, a que fixo posible a Xeneración Nós e a albergou no seu seo, non se sabe se está desaparecida en combate ou padece dunha afonía recorrente que a somete e silencio, que non se manifesta, como sería máis que de rigor, de agradecer. Un gran pintor non chega nunca a selo se os seus coetáneos ou os seus descendentes non se encargan de espallar aquelo que, facendo máis grande ó seu concidadán, de paso os engrandece a eles.

Non sempre foi así, Ourense foi quen de parir un Puga, que hoxe se exhibe no Hermitage peterburgués, ou un Parada Justel que aínda non ocupa o lugar que lle corresponde, e agora, a carón da figura de Xaime Quessada, comezando polos que Vicente Risco bautizou como Os Artistiñas, hai, cando menos, media ducia que pintores merecentes de millor destino póstumo que o que está a ter o propio Xaime Quessada.

Non é explicable, porque non é comprensible, que a nosa cidade non dispoña dun espazo no que a obra do noso pintor permaneza en constante mostra, en constante reclamo de atención de veciños e de visitantes, como sucede noutros lugares do mundo. Existen razóns artísticas abondo para que iso sexa así. Pero tamén hai outras. Xaime Quessada foi un home xeneroso, non se coñecen negativas súas en resposta as múltiples, si, múltiples peticións da súa obra para ser vendida ou poxada en beneficio de obras de beneficencia, en argumentación de apoio a causas solidarias ou de movementos culturais de todo orde e beneficio. Amaba o seu arte, traballaba arreo e sempre nos atendeu a todos. Non debemos esquecelo.

Lévome preguntado moito como é posible tal desleixo. Quero pensar que o mundo, a sociedade, evolucionou tanto que influencias tan positivas para todos como as da Xeneración Nós, aquela que se decatou de quen era Joyce ou de quen se trataba Rabindranath Tagore, facendo a segunda tradución do “Ulises” de aquel e dando a coñecer a figura deste en España, tal e como fixeron Otero Pedrayo e Vicente Risco, permanece agora muda. Quizais sexa a que “a xente da cultura”, a que fixo que Victor Hugo afirmase que el prefería a influencia ó poder, teña perdido o poder de influír na sociedade deixándoo en mans daqueles que levaron a que Vicente Risco escribise “Un porco de pé”. Se así é, a sociedade debería reaccionar.

Hoxe o mundo da cultura, entendido sexa este na súa expresión máis humanista, cedeu esa súa perdida influencia deixándoa en más dos que agora se coñecen como “influencers”. Non fará falla ningunha explicar que tipo de influencias e preocupacións, de metas a conseguir, de espazos que ocupar seguindo tales directrices é o que lle espera á sociedade.

Acaso sexa hora de espabilar, de que as xentes, os novos compoñentes, os actuais axentes preclaros daquela sociedade civil ourensá que fixo tantas cousas posibles, tantos nomes a respectar e gardar nos corazóns das xentes, se conciten empezando por reclamar ese espazo que sitúe ó noso Xaime Quessada no lugar que nos ilumine a todos. Ourense poríase así a carón das cidades que entenderon que o chamado “poder brando”, o poder da cultura, é a chave mestra que permite abrirlle as portas a unha sociedade máis digna e civil. A cultura é o ariete que, cando as outras chaves non valen, ceiba as portas para que unha sociedade se abra ó mundo. Xaime Quessada é un dente (chámase así?) acaso o máis importante, cando menos un deles, cos que Ourense se pode volver abrir ó mundo. Telo, ter a Quessada sumido nese silencio oprobioso que hoxe o envolve, di moito e pouco ou nada bo dunha sociedade que non sabe recoñecerse a si mesma nun dos seus fillos máis preclaros. Deamos, en resposta á xenerosidade de Xaime, a nosa máis xenerosa resposta. A xente de fóra que veña a Ourense poderá saber así que cidade é a que foi quen de parir un fillo da categoría artística e persoal de Xaime Quessada, un de nós.

Contenido patrocinado

stats