Ángel Mario Carreño
REFLEXIONES DE UN NONAGENARIO
El milagro Zapatero
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Se algo é popularmente sabido no marco xeral da biografía de Curros Enríquez, isto é que o seu máis coñecido libro “Aires da miña terra” foi denunciado -e prohibido-, nada máis saír da imprenta, polo bispo de Ourense, o burgalés Cesáreo Rodrigo, o que motivou un xuízo case sumarísimo, sen máis probas cós argumentos esgrimidos polo prelado e asumidos implicitamente polo xuíz Manuel Mella, no sentido de ser contedor -o poemario- de “proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas y algunas que merecen otra censura...”
Escrito por un Curros de tan só 28 anos e sufragado con mil pesetas pola Deputación de Ourense e autorizado legalmente polo Gobernador Civil, o libro gozou de grande receptividade por parte dunha sociedade maiormente analfabeta pero capaz de interiorizar por medio da transmisión oral as composicións contidas nel, porque patentaban sen artificios os problemas que esa sociedade humilde sufría fronte a elite e dun xeito especial fronte a Igrexa.
Tres foron os poemas que enrabecharon especialmente ó prelado: “Mirando ó chau”, “A igrexa fría” e “Peregrinos a Roma”. Deles, a curia fixo fincapé no primeiro, no que Curros humaniza a figura dun Deus ancián que ó mirar a Terra e comprobar as innumerables inxustizas que abatían á sociedade máis vulnerable, acaba por asumir o fracaso da súa divina obra, exclamando un -herético, para o bispo- exhorto final: “Se eu fixen tal mundo, que o demo me leve!”.
Entre o universo humano que orbitou arredor de Curros Enríquez, este avogado ten sido moi mal tratado pola memoria popular, xa que por tras do seu “fracaso” na defensa do poeta emerxe un dos persoeiros máis ilustres do Ourense do s. XIX. A recente estrea dunha magnífica obra teatral sobre o proceso xudicial que sufriu en 1880 o poeta Curros Enríquez pola publicación do libro “Aires da miña terra” cando tiña só 28 anos, animoume a exhumar a este insigne avogado ourensán encargado da súa defensa en primeira instancia nun xuízo predestinado á condea e que o deixou marcado para a historia da literatura galega coma o “avogado que perdeu o xuízo de Curros”, fronte ó seu colega Luciano Puga, que exerceu a defensa absolutoria na Audiencia da Coruña
A denuncia foi tramitada con tanta celeridade polo xuíz que o 4 de agosto dita sentencia condenatoria contra o poeta “a dos años cuatro meses y un día de prisión correccional y multa de 250 pesetas, con la accesoria de suspensión de todo cargo y derecho de sufragio durante la condena, y las costas”.
Unha sentencia que nin tivo en conta o feito inusual de que o fiscal Ramón Nieto pedira a absolución para o poeta, nin tampouco un só dos sólidos argumentos expresados polo devandito avogado, Juan Manuel Paz Novoa.
Como non podía ser doutro xeito, a sentencia foi recorrida perante a Audiencia Territorial da Coruña e alí, nun contexto moito máis propicio e no medio dun ardente debate social, foi defendida polo non menos prestixioso letrado -tamén ourensán- Luciano Puga, quen, en base ós argumentos propios de Paz Novoa e ás súas audaces incorporacións, consegiu a recoñecida absolución do poeta.
Quen foi, logo entón, este presunto “avogado perdedor” no proceso xudicial de Curros?
Aínda que resulta imposible comprimir a súa biografía, cabe dicir que, nacido en Ourense e casado curiosamente cunha sobriña do bispo Ávila Lamas -antecesor do denunciante-, Paz Novoa exerceu a avogacía durante toda a súa vida sen deixar de asumir outras responsabildiades profesionais e políticas que lle outorgaron un gran prestixio e que mesmo lle brindaron a posibilidade -desestimada- de ser ministro na primeira República, con Castelar, a quen acompañou como deputado a Cortes en 1872 e con quen testemuñou a entrada do xeneral Pavía no Congreso o 3 de xaneiro de 1874, momento no que se apartou da política activa para centrarse no seu bufete e na docencia, que exerceu en Ourense e na Coruña como catedrático de Economía, Xeografía e Estatística.
Algo máior ca Curros -naceu en 1839- e republicano coma el, mantívose fiel ó republicanismo histórico, incluso cando o seu admirado Castelar lle propuxo un achegamento ás teses monárquicas, xa nos tempos da Restauración.
Sirvan estas palabras publicadas en “La Tierra Gallega” polo propio Curros, en outubro de 1895, ó ter coñecemento da morte do seu vello amigo e defensor:
“Galicia está de luto. Acaba de perder una de las personalidades más salientes, de mayor talento y prestigio entre cuantas, nacidas en su suelo, la honran y dignifican en la actualidad. ¡Juan Manuel Paz Novoa ha fallecido! La noticia de esta inmensa desgracia ha de repercutir, como en el nuestro, en el corazón de todos los gallegos que aman a su país y rinden culto a sus glorias, porque el nombre del ilustre muerto va unido a todas las empresas de reivindicación, a todos los nobles empeños, de los cuales se derivan positivas ventajas para el progreso, la libertad y la cultura de nuestra patria”.
E se para facer xustiza histórica resulta acaído coñecer o auténtico perfil de Paz Novoa, para interpretar o contexto no que o poeta foi condenado, non menos pertinente semella poñerlle luz ós outros dous autores angulares do triángulo.
No caso do prelado burgalés Cesáreo Rodrigo danse dúas circunstancias senlleiras que fan difícil entender a inquina e ofuscación amosada fronte a un libro aparentemente inocuo contra os dogmas da relixión católica e con contidos relixiosos como a composición da lenda da Virxe do Cristal.
A primeira foi que a súa actividade docente iniciouna no seminario de Burgos como catedrático de “Lóxica e Metafísica”, o que lle debería ter ofrecido un relativismo suficiente para entender a mensaxe implícita nas composicións currosianas.
A segunda tivo que ver co nivel de aceptación popular que conseguiu dende a súa chegada a Ourense, catro anos antes do proceso, e que a mantivo durante todo o seu episcopado, que chegou ata o seu falecemento, acontecido curiosamente no mesmo ano có propio Paz Novoa.
No debe do prelado respecto dos textos currosianos está o seu paso polo Vaticano, onde chegou a ser axudante de Cámara do Papa, así como unha evidente ignorancia nativa do idioma galego para entneder o auténtico significado da expresión “... que o demo me leve!”.
No tocante ó xuíz Mella é procedente destacar a súa condición de “xesuita laico”, ademais dunha presumible inconsistencia intelectual sinalada con insistencia por Puga na Audiencia da Coruña: “Si a mi no puede expedírseme patente de literato -di Puga-, fuerza es confesar que el señor juez de Orense se resiente, y no poco, de su escasa afición a los estudios de esta índole”.
O caso foi que, ilustrado ou non, denantes de chegar a Ourense, o coruñés Mella Montenegro vagou coa súa toga por unha ducia de xulgados dende 1868 ata o 4 de marzo de 1880, cando toma posesión da praza ourensá, tan só catro meses antes de recibir a denuncia episcopal.
Superado o episodio, con Curros xa en Madrid e a sociedade ourensá mergullada noutras leas, Mella continúa uns anos en Ourense e en 1884 condena a Lamas Carvajal a dous meses e un día de “arresto mayor por injurias al alcalde de Carballino”. Logo chegaría a presidente da Audiencia de Ourense, xubilándose en Mondoñedo e falecendo en Compostela o 31 de decembro de 1901.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Ángel Mario Carreño
REFLEXIONES DE UN NONAGENARIO
El milagro Zapatero
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
El villancico más famoso del mundo
Berto Manso
LA OPINIÓN
El COB llegó tarde al pazo
Francisco Lorenzo Amil
TRIBUNA
Lotería y Navidad... como antaño
Lo último