A ledicia de vivir

A TRIRITA

Publicado: 29 ago 2026 - 02:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Antes dicíase que “logo da Peregrina inverno encima”, agora díselle “cambio climático”. O certo é que, se xa houbo varios e importantes neste planeta noso, que por moito que nos empeñemos nelo non o damos estragado de todo, o tal cambio climático, anda a rondar a permanencia de xeito que tal día fará un século. E quen queira entender que entenda.

Dise o que antecede porque anoite choveu a Deus dala, con ou sen axuda da Peregrina, venerada en Pontevedra, capital das Rías Baixas, e máis tamén eiquí, xusto ó lado, en Bertamiráns, capital da Amaia, que tamén mola cantidade. O caso é que antes da chuvisca, sendo sábado próximo pasado e como tódolos anos, alá fomos xantar guiándonos polo cámping de Coroso. Non ten perda. Se me permiten un exceso, aí lles vai: non coñezo outro cámping tan de Coroso coma este, non porque os demais sexan indecorosos, que van selo, senón porque non son veciños do eido dun meu amigo, José Vicente chamado, que sempre nos convoca a xantar cando agosto xa devala camiño dun setembro equinoccial e cálido.

O José Vicente trátanos ben ós seus convidados, por dicilo rápido: nin se lle ocorre ter en conta a pragmática do 1492 pola que os chamados Reis Católicos, non sen certa e cálida ironía, regulaban os menús servidos nas celebracións galegas nos días de vodas ou de enterros, nas festas de gardar ou nos días feriados. Así o número de pratos, o número de días de duración da festa, que manxares si e cales non... Menos mal que non se lles fixo moito caso. Servidor aínda recorda xantares de dezasete pratos... sen contar os postres, claro.

No xantar no eido veciño da praia de Coroso, déronse cita xentes como Lexio Crego, benemérito vixiante que foi do mar, narrador oral dos de excepción (e dígoo eu que fun amigo de Casares, o escritor, e do doutor García-Sabell, o intelectual de nós máis exportable co que contou Galicia durante anos e anos). Había máis xente, claro, estaba o cura Marcelino Sánchez que (o tempora o mores) traballa cinco parroquias e daba un bo dean, atendendo un bo cabido, segundo se desprende da súa conversa amena e dígamoslle pedagóxica e concreta.

Así o número de pratos, o número de días de duración da festa, que manxares si e cales non... Menos mal que non se lles fixo moito caso. Servidor aínda recorda xantares de dezasete pratos... sen contar os postres, claro.

Foilles un encontro ameno, foino sempre, éo sempre, pero este ano co descubrimento dun Nacho Capeáns como guitarrista de concerto, algo que eu ignoraba, expresóunolo pra acompañar a Ramón Ces, o home de Celia Pillado, que sendo el un baixo respectable, fixo de contratenor de aires andalusís que a todos nos sorprenderon; mentres tanto Toño Fernández, o diseñador, e máis eu os escoitabamos alborozados.

Pasámolo moi ben, é certo. A pregunta é a de por que un evento coma este non vai merecer o mesmo espazo que, sábado a sábado, vimos dedicándolle a un refulxir ingrato no que, uns, veñen queixándose de que, outros, queiran enterrar decente e dignamente os seus mortos, logo de noventa anos de sabelos espallados por gabias e exteramuros de camposantos, mentres que nas redes aparecen, con toda lexitimidade e dereito, os recordos de xenerais ou de simples voluntarios que deron conta da “limpeza” feita en prazas de touros ou nos arrabaldes de aldeas e cidades, sen que ninguén lles reproche nada.

Este pequeno xeoide que estragamos os humanos, xira e xira e non deixa de xirar mentres suceden estas cousas que por sorte se esquecen, sequera sexa brevemente, en eidos coma este de José Vicente, o noso anfitrión que sempre nos aprende a convivir a xentes de toda laia e condición. O mundo élles así, hai que aceptalo. Todos os animais que o poboan dende hai miles de anos manteñen os mesmos comportamentos de sempre. Haberá quen pretenda que o animal humano sexa ó único que alterou os seus? Non temos porque ignorar a realidade e debemos rebelarnos contra ela. Temos que convivir harmónica e civilizadamente os uns cos outros de xeito que encontros como os vividos no eido de Coroso (sempre decoroso) que goberna José Vicente sirvan pra celebrar a ledicia de vivir. Non sei como se logra, sei que en Oxford nun comedor, chegada a hora de bendicir a mesa, escoiteille dicir o reitor (dadas as distintas confesións, ideoloxías e procedencias) tan so “Benedictus nos benedicat” e así ningún deus se sentiría ignorado, ningún crente se podería sentir ofendido. Pois o mesmo e dunha vez, tamén nestes tempos que vivimos.

Contenido patrocinado

stats