David Alvarado
Introdución á xeopolítica de Venezuela para populistas ourensáns
O 2026 comezou coa detención de Maduro e o seu traslado a unha cadea dos EEUU pra ser posto disposición da xustiza americana. Todo baixo a artimaña do tráfico de drogas e terrorismo. Trump, o supremacista branco, quere deixar moi claro que dende Terra de fogo ate Groenlancia, manda el. Polo que aplicando a doutrina Monroe 1823, “En America mandan os americanos do norte”, doutrina que foi o preludio pra botar a España de Cuba en 1898 lanza ameazas ós países que non fan o que el quere. Polo que no mundo, con esta acción de parte, ábrese un novo e incerto tempo.
A vella Europa diante as esixencias deste persoeiro terá que comezar a forxar a súa propia seguridade militar, dado que nos atopamos diante un novo reparto das áreas de influencia baseados no poder de tres potencias imperialistas. Estamos diante un novo orde mundial que se fundamenta no control desas áreas de influencia sen que ningunha das tres potencias se meta no que cada unha faga no seu patio traseiro. Diante este trío que pretende gobernar o planeta, os interrogantes que se abren son moitos. O egocéntrico e narciso Trump pisa as leis internacionais e aspira a pasar á historia como o salvador da humanidade, como o home da paz que emprega a forza pra acadar os seus obxectivos económicos. Grande contrariedade. Putin, outro ditador e invasor, soña con recuperar a influencia en todos os países que conformaron a antiga URSS. E o Chino, hierático de sorriso amable e paso tranquilo, aspira a ser o que controle o mundo do comercio e parte da tecnoloxía.
Os tres están a impor e levar ó planeta cara un novo mapa de control territorial. Un orde onde a forza das armas é a lei. Mentres a vella Europa segue a dar tombos e camiña sen facerse valer nun tempo cada día máis convulso. Trump, cunha xustificación burda arremete contra o que considera parte do seu imperio e ameaza a outros países soberanos con impor algo semellante ó que fixo en Venezuela. E faino a golpe de petardos pra acadar o petroleo e, de paso, derrubar o goberno do ditador, autócrata e charlatán Maduro. O ruso, antigo coronel da KGB, invade Ucránia e síguelle furtando terra, como si non lle chegase a extensión actual de Siberia. E o chino quere someter a Taiwan e controlar non só o comercio do mundo se non parte de Asia.
Ás veces matino que o mundo camiña cara ó seu colapso
As leis e principios das nacións unidas que xurdiron despois da segunda guerra mundial xa non se consideran. Non valen; son ignoradas. Agora volve mandar a forza dos grandes que non dubidan en apoiarse nunha panda de ricachóns pra facer o mundo ó seu antollo. Si, un mundo onde manda o capitalismo máis salvaxe. E neste noso Estado hai quen lle sigue a corrente e os apoia. Igual acontece dentro da UE. Veñen malos tempos para a lírica e para os dereitos humanos. Malos tempos para as minorías e os diversos colectivos sociais. E con esa espada sobre todos pregunto: E todas estas xentes que apoian a estes persoeiros dentro do noso Estado saben realmente a quen apoian? Non se estará a repetir algo semellante a loucura do que aconteceu na Alemania dos anos 40 do século pasado? O asunto ben merece unha fonda reflexión, pois o que acontece neste planeta pode levarnos cara un belicismo de tristes consecuencias.
Ás veces matino que o mundo camiña cara ó seu colapso. Que a avaricia dos humanos non ten límites, e que imos por moi mal camiño. Tamén penso que sen unha guía ética e moral a ambición dos homes, neste caso destes líderes, é ilimitada. Non ten freo. En fin, que comezamos un ano e semella que vai ser moi quente tanto a nivel mundial como en cuestións que afectan o noso Estado.
Camiñamos sen freo cara un mundo onde a lei do máis forte imponse. Polo que teremos que irnos adaptando ós tempos, pero reflexionado no que ofertan todos pra illar ós falsos apóstolos e os cantos de serea que son moitos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último