O outeiro do infinito

PINGAS DE ORBALLO

Publicado: 04 mar 2026 - 03:55
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Mirei para o infinito. Nada, un desastre. Enfronte mesmo erguíase un outeiro que non me deixaba ver máis alá. Un outeiro cheo de toxos; iso si, as súas flores brillaban e semellaban un océano dourado. Querer mirar cara ó infinito e alcanzar tan só uns metros deprime un pouco.

Son Lisardo, o fillo da Castañuelas, e de cando en vez quedo de pasmón mirando, pero sen ver. Si, esa sensación existe: mirar algo fixamente e non decatarse do que é. Logo, ademais, como son algo raro (outros dirán que moi parvo), búscolle tres pés ó gato. Ó que está coxo, claro, porque os gatos, polo xeral, teñen catro. Como os cans, os burros, as vacas, as ovellas e os marráns, que son os animais que máis coñezo. Dos outros tamén coñezo moitos, pero non lles sei os nomes.

Sei ler medianamente ben e escribir catro palabras, como quen deixa pinguiñas de orballo

Estudei na escola de don Graciliano, e aí quedei. Nos estudos, quero dicir. Os primarios, e menos mal. Sei ler medianamente ben e escribir catro palabras, como quen deixa pinguiñas de orballo. Para min, suficiente. O meu é mirar, aínda que non vexa. Quizais a miña opinión sexa algo esaxerada, porque cando quero, vexo de máis. Pero iso xa é outra historia.

Como non teño estudos, andei, ando e andarei sempre detrás das vacas. A ver, miña nai, a pobre, xa non está para feiras nin mercados. O pai... o pai hai moito que nos deixou. Non, non; que eu saiba, non morreu. Marchou, e punto. Para onde? Alá el. Oxalá fose para o inferno. Pero iso tamén sería outra historia.

Agora... agora miro para o infinito e o maldito outeiro non me deixa ver máis alá.

Contenido patrocinado

stats