Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
No ano 1967, hai medio século, o mundo abaneaba. Tanto pola "Guerra dos Seis Días" na que, coa axuda norteamericana, Israel vencía os países árabes progresistas, como polo conflito no Congo, a tráxica secesión de Biafra, a guerrilla nas colonias portuguesas, o asasinato do Che Guevara en Bolivia, e a intervención dos Estados Unidos en Vietnam. Era un tempo de pulo dos procesos revolucionarios, de conquistas pra clase obreira e os movementos de liberación nacional. Tamén de crecemento da economía e de avance dos dereitos democráticos.
No plano persoal, ese sería un ano decisivo pra min, xa que contactaría co galeguismo na República Arxentina, comezando así a miña militancia organizada no nacionalismo. Volvía dunha clase de física na Universidade de Enxeñería, cando lin nun cartel do Centro Ourensán algo referido a unha mostra sobre a cultura galega, polo que baixei na seguinte parada do "colectivo" (bus). Entrei e falei cos organizadores, a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos. Vendo o meu interese, utilizaron toda a súa capacidade pra me achegar ao galeguismo. Mais non era necesario. Contesteilles que estivera un ano na Galiza, todo o 1962, despois de emigrar coa miña familia á Arxentina en 1951, e que o que vin convencérame da falta de democracia, de que se trataba ás xentes da aldea como un povo conquistado, e que só con soberanía se mudaría esta situación.
Estiven durante algúns meses colaborando na Asociación. Porén, quería ter unha participación máis activa. E despois de moito teimar, faláronme da Irmandade Galega. A esta entidade, situada no Centro Ourensán, cheguei unha tarde noite, canso despois de traballar na fábrica e estudar na Universidade durante o resto do día, aínda que moi motivado. Na Irmandade atopei un fato de persoas maiores, o que me chocou: eu tiña 21 anos. Porén, axiña descubrín que había moito en común: as orixes populares, o amor á Terra, o dar valor á xustiza, á democracia, e á solidariedade. Ao meu pai, e aos paisanos das terras de Celanova que escoitaba lembrar vivencias e arelas non satisfeitas, cando era un cativo, no barrio de Haedo en Bos Aires, así como aos compañeiros e compañeiras de militancia na esquerda arxentina na loita contra as ditaduras de Onganía, Levingston e Lanusse, débolles tanto ou máis que todo o que levo lido sobre a historia galega e doutras nacións e da teoría marxista (que coido esencial para entendermos a realidade).
Agora, medio século despois, quero lembrar aqueles irmandiños: Moisés Dapresa e Bieito Cupeiro, non só polo seu amor á patria galega, senón ademais pola súa capacidade de análise, polo seu compromiso e coherencia. Non eran os únicos. Alí estaban: Ricardo Flores, Manuel Pedreira, Lois Guede, Daniel Nogueira, Manuel Lema, Ricardo Montero..., que participaban activamente na Irmandade Galega entre 19767 e 1972 (neste último ano, decidín retornar a Galiza pra me incorporar á loita contra o franquismo, animado polas folgas xerais en Ferrol e Vigo). Uns eran comunistas, outros anarquistas, outros socialdemócratas, mais todos nacionalistas. Grazas a eles comecei a coñecer a historia do país, souben do "Gallego Soto" e da revolta na Patagonia, relacioneime con Luís Soto que vivía en México. Coñecín, entre moitos outros, a Antón Alonso Ríos e Luís Seoane, Manuel Cordeiro, Xerminal Filgueira, Avelino Díaz, e puiden participar, entre outras, na reunión que tiveron a Irmandade e o Consello de Galiza con Celso Emilio Ferreiro.
A Irmandade Galega foi pra min un paso decisivo. Unha desas casualidades da vida, pra un mozo sen ningún vencello familiar na esquerda e o galeguismo. Aínda que, como xa dixen, o fermento viña de antes, da aldea, da emigración, da loita pola dignidade, do contexto internacional, dun mundo en transformación.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
As esperas teñen idade?
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Los rojos que eran (viejos) verdes
Lo último
PRIMERA FEDERACIÓN
Una victoria para terminar el año del Arenteiro
EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense