Luis Quintela, comerciante e escritor

Publicado: 12 feb 2025 - 02:45

Luis Quintela Antón naceu en Caldas de Reis (Pontevedra) o 8 de outubro de 1909, fillo de Manuel Quintela e Agripina Antón, da mesma localidade. Foi bautizado o día 14 do mesmo mes na igrexa parroquial de Santo Tomé Becket, da citada vila termal pontevedresa. Tiña tres irmás: Carmen, María e Lola.

O pai e o tío de Luis -Manuel e José- emigraron a Arxentina na primeira metade dos anos 20 do pasado século establecéndose na cidade de Arroyito, na provincia de Córdoba. Con eles viaxou Luis, o fillo de Manuel, un adolescente daquela. Os irmáns Quintela fixeron fortuna na Arxentina, e chegaron a se converter en persoas relevantes de Arroyito: José chegou foi alcalde da cidade e mesmo ten unha rúa dedicada na mesma. Luis Quintela, que soamente realizara os estudios elementais, traballou nun almacén farmacéutico de Arroyito, na que chegou a ser encargado.

Foto de Luis Quintela facilitada polo seu sobriño, Enrique García Quintela. Corresponde aos últimos anos de Luis e están feitas na terraza da casa de Caldas de Reis.
Foto de Luis Quintela facilitada polo seu sobriño, Enrique García Quintela. Corresponde aos últimos anos de Luis e están feitas na terraza da casa de Caldas de Reis.

Entrementres, en Caldas de Reis celebrárase o matrimonio de Carmen, a irmá de Luis, cun empregado de comercio da vila pontevedresa chamado Enrique García Pérez. Enrique era un mozo moi apreciado na vila pola súa actividade nun comercio que, ademais, levaba a correspondencia do Banco Español del Río de la Plata, o que comportaba que tivese que visitar a moitos veciños para pagarlles xiros e transferencias procedentes da Arxentina. Tamén tiña moita relación cos viaxantes, que coñecían a súa valía para as actividades comerciais. Un deles comentoulle a Enrique a posibilidade de se facer cargo dun comercio en Ourense que tiña grandes posibilidades pero que, nese intre, tiña débedas e estaba a pasar por dificultades. Enrique e Carmen, a súa dona, trasladáronse á cidade das Burgas e fixéronse cargo do negocio. Segundo me comentou o seu fillo Enrique, nunha visita que lle fixen na súa casa de Caldas de Reis a principios de setembro de 2024, o seu pai, en tres anos, conseguiu reflotar un negocio que chegaría a ser moi popular na nosa cidade co suxestivo nome de El Derroche. Estaba situado no inicio da rúa de Valentín Lamas Carvajal, pretiño da Praza Maior e fronte aos daquela famosos almacéns Olmedo (máis tarde Alfredo Romero).

Foto de carnet de Luis Quintela en 1941.
Foto de carnet de Luis Quintela en 1941.

A primeiros do ano 1930, Luis regresou a Galicia co obxecto de cumprir o servizo militar, que realizou entre 1931 e 1932. Como tódolos mozos da quinta do 30, Luis foi mobilizado por segunda vez en abril de 1937 por causa da guerra civil e destinado ao Regimiento de Artillería de Costa nº 2, establecido en Ferrol onde permaneceu ata o seu licenciamento dous anos despois, a finais de abril de 1939, cando rematou a guerra. Luis instalouse en Ourense, na casa da súa irmá Carmen e o seu cuñado Enrique, onde veu nacer aos seus sobriños, que lle chamaban cariñosamente tío Lucas.

Nesa altura, ademais de El Derroche, Enrique García xa tiña outros comercios na mesma rúa de e puxo a cargo dun deles a Luis. Concretamente o chamado Engarpe (acrónimo de Enrique García Pérez) dedicado á venda de roupa de traballo (pantalóns e chaquetas de mahón, monos…) e pantalóns vaqueiros (penso que alí se venderon os primeiros Lois que se viron en Ourense, no inicio da década dos 60). Neste comercio, situado no antigo número 10 da citada rúa, traballou Luis preto de trinta anos, até o ano 1968 en que montou o seu propio negocio no local esquerdo do acceso ás Galerías Dorzán da mesma rúa, o Lord -no que continuou coa venda de pantalóns vaqueiros e o resto de prendas de vestir masculinas, abandonando a roupa de traballo-, no que permaneceu ata o seu falecemento.

Obras de Luis Quintela.
Obras de Luis Quintela.

O nome -Lord- do seu establecemento respondía moi ben á elegancia e coidados modais dos que facía gala o seu propietario en tódolos lugares que frecuentaba, dende os salóns do Liceo ata algunhas das populares tabernas da cidade. Unha destas tabernas era o Campante, na rúa dos Fornos, á que Luis acudía a mediodía e pola tarde, ao pechar o comercio. Debe terse en conta que Luis e Emilio, o propietario do Campante, eran da mesma idade (os dous naceron en outubro de 1909, o día 8 o primeiro e o 13 o segundo) e coincidiron en Ferrol, no Regimiento de Artillería de Costa nº 2, cando foron mobilizados no ano 1937 por causa da guerra civil. A mediodía mantiña faladoiro con varios amigos: Carlos Trapote (de Calzados Arca, na esquina de San Miguel con Lamas Carvajal), os irmáns Manuel e José “Pepe” Chaparro (dos chocolates Chaparro), Santiago “Santi” Izquierdo (dos Almacéns Populares, no inicio da rúa do Paseo) e Joaquín “Quinito” Seoane (da familia Seoane do barrio da Ponte, onde tiñan almacén de fariñas). Nalgunhas ocasións incorporábase tamén Luis “Lichín” Acevedo (funcionario municipal) e tamén Antonio “Toñito” Arce (xerente en Ourense da Empresa Castromil). Pola tarde Luis Quintela adoitaba ir só.

A pesar de non ter realizado estudos regulados nin posuír titulación académica ningunha, Luis Quintela foi un ávido lector, afección que lle permitiu adquirir unha vasta cultura, como recoñecen tanto os seus familiares coma os seus amigos.

La Región do 4 de xuño de 1970 publicou unha entrevista de Francisco Álvarez Alonso a Luis Quintela, con fotografía de Reza incluída, cos titulares: Autor de “La manzana del diablo”. Ha escrito también varias obras de teatro, que en algún caso estuvieron a punto de ser estrenadas en Madrid. Luis Quintela informa de que acaba de publicar, na editorial Escelicer de Madrid, a novela co título indicado, que xira en torno ao… pecado encarnado en la manzana del Paraíso Terrenal que consumó la caída del hombre. Tamén escribe poesía e, sobre todo, teatro …me inclino por el teatro, y he escrito varias obras, una de dos personajes, que por su complejidad es de difícil realización. Tamén comenta que algunha destas obras estiveron a piques de seren representadas na capital de España. O 5 de novembro, o xornal madrileño ABC, no apartado “Antena” da sección “Mirador literario” que coordinaba o coñecido escritor Ángel María de Lera, dá conta da publicación da novela.

Obras de Luis Quintela.
Obras de Luis Quintela.

Rematando a década dos 70, comecei a traballar na Universidade Laboral de Ourense e tamén botaba unha man no bar dos meus país, o Campante, cando mo permitían as miñas obrigas docentes. Un deses días, cando entrou Luis Quintela, lembreime da entrevista publicada anos antes e pregunteille polas obras de teatro inéditas. Sorprendeulle que lembrase esa entrevista, esbozou un sorriso e contestoume cun sinxelo “fueron pecadillos de juventud”, cambiando seguidamente de tema de conversación. Aos poucos días apareceu cun libro na man e agasalloumo explicándome que era un agasallo dado o interese que tiña mostrado pola súa obra. Era a novela La manzana del diablo que lle publicara Escelicer no ano 1970, da que se falaba na entrevista de La Región. Agradecinlle o regalo e volvín insistir nas obras de teatro sen editar, pero volveu rexeitar o tema.

Luis Quintela seguiu visitando o Campante a mediodía e pola tarde ata o peche do bar a finais de 1991 (rexentado pola miña nai, xa que o meu pai falecera en 1989) e seguiu á fronte do Lord ata que un problema de saúde, a mediados de 1993, fixo que os seus sobriños Enrique e Rafael García Quintela o levasen a Pontevedra, onde faleceu o 25 de novembro do mesmo ano, sendo soterrado no cemiterio municipal de Caldas de Reis, a súa vila natal.

Ben entrado o presente século conseguín, de casualidade, na librería de vello Torreón de Rueda de Segovia, o libro de poesía de Luis Quintela 50 poemas y 1 epitafio, editado en 1972 pola editorial ourensá Trebolle da avenida das Caldas. O epitafio -Epitafio patético- está dedicado á coñecida “Pobre Asunción” do cemiterio ourensán de San Francisco. Máis tarde puiden comprobar que, así como a novela era coñecida por algúns dos amigos de Luis, a existencia deste libro de poesía éralles totalmente descoñecida.

Nos últimos meses tratei de dar co posible paradeiro das obras de teatro inéditas e, como indiquei anteriormente, entrevisteime con Enrique Quintela, sobriño de Luis, na súa casa de Caldas de Reis. Recibiume con gran cordialidade e contoume moitos detalles da familia relacionados co seu tío, pero confirmou as miñas sospeitas de que as obras de teatro perdéranse cando tiveron que trasladar a Luis a Pontevedra e facer a correspondente mudanza. Unha mágoa.

Contenido patrocinado

stats