Manuel Orío
RECORTES
De uno y otro lado
¡BUONE VISIONI!
O cinema, como expresión cultural dunha sociedade, está a poñer o foco sobre un novo rol da muller e desde diferentes perspectivas. Recentemente un dos temas máis tratados polo cine é a maternidade, a redefinición do papel de nai. Son moitas as películas estreadas nos últimos anos, especialmente dirixidas e protagonizadas por mulleres, que tratan de romper tópicos e abordar enfoques que ata agora case se consideraban tabú. Estas novas perspectivas, máis intimistas e realistas, van máis aló dos papeis de ‘mala madre’ desde sempre protagonizaron o cinema de terror. Eran filmes, estes últimos, no que a nai encarnaba sobre todo o rol da antagonista, da responsable dos trastornos dos fillos, incluso era unha mala influencia familiar desde morta – pensamos na nai embalsamada de Norman Bates de Psicosis (1960).
Nos últimos dez anos, a comedia foi precursora dun enfoque totalmente diferente sobre a figura de nai e a maternidade. Películas como Tully (2018) de Jason Reitman ou series como Motherland, foron pioneiras en tratar abertamente temas como a depresión posparto ou a conciliación familiar, e sen culpar ás mulleres. La hija oscura (2021) de Maggie Gyllenhaal, Cinco lobitos (2022) de Alauda Ruiz de Azúa, La maternal (2022) de Pilar Palomero, Dante y Soledad (2023) de Alexandra de la Mora, Sorda (2025) de Eva Libertad ou Mátate, amor (2025) de Lynne Ramsay son soamente algún dos títulos recentes que intentaron reinterpretar a maternidade e rol de nai desde unha perspectiva máis íntima e honesta.
A gramática visual do filme está construída sobre primeiros planos e os detalles, e leva o peso da mirada estrañada da súa protagonista
A última longametraxe de Mary Bronstein, Si pudiera te daría una patada, é outro filme, desgarrador e politicamente incorrecto, que trata desde un enfoque persoal e orixinal os aspectos máis crús e perturbadores da maternidade. O filme leva o punto de vista de Linda (Rose Byrne), unha nai cuxa vida vaise derrubando progresivamente mentres tenta lidar coa misteriosa enfermidade da súa filla, un marido ausente, unha paciente desaparecida e unha relación cada vez máis hostil co seu terapeuta…
A gramática visual do filme está construída sobre primeiros planos e os detalles, e leva o peso da mirada estrañada da súa protagonista. A actriz australiana Rose Byrne asombra cunha interpretación extraordinaria que lle valeu un merecidísimo Globo de Oro. A súa presencia é capaz transmitir diferentes emocións que van do tráxico ao cómico, simultaneamente.
Ao igual que a súa protagonista, o filme pasa por rexistros moi distintos entre eles, milagrosamente sen perder o rumbo. No seu conxunto, Si pudiera te daría una patada non deixa de ser un filme profundamente incómodo, capaz de manter o espectador suspendido, ao borde do abismo.
A fotografía escura e moi sucia, evita os esteticismos. Céntrase en reflectir as emocións da protagonista. Mentres o ritmo frenético da montaxe aumenta esta sensación de caos e claustrofobia.
Definitivamente a última longametraxe de Mary Brontein non é unha película conciliadora. O espectador ten que estar un pouco preparado antes de ir ao cinema. Porque vai recibir unha boa patada.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último