A marcha verde e a lei de netos

Publicado: 10 oct 2026 - 05:05
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Non sei se é boa cousa ou mala cousa ter boa memoria nas cousas da política. Supoño que metade, metade. Lembro, por exemplo, cando o número tres do PSOE, o secretario de Organización, en 2010, un aragonés chamado Marcelino Iglesias, nunha roda de prensa posterior a un Consello de Ministros no que o tema central era o Sahara, dixo: “España estuvo en el Sahara hasta los años setenta, el 73 o el 74 creo, y esa es su responsabilidad”. Lembro que cando o escoitei botei as mans á cabeza. Como era posible que unha persoa cun cargo de tanta responsabilidade non preparase as cousas e soubese tan pouco do tema que traían entre mans. Como sabemos todos -polo menos os que de momento non nos falla a memoria moito- a Marcha Verde produciuse aproveitando que Franco espernexaba no Pardo, en novembro de 1975. Daquela o “amigo” Hassan II, rey de Marrocos, mandou a 350.000 civís desarmados a cruzar a fronteira para forzar a retirada de España daquel territorio; cousa concluída en febreiro do ano seguinte. (De aí que moitos con memoria, teman que o acontecido en Ceuta aí atrás fose un ensaio de algo parecido).

Pero tamén lembro -e hoxe un amigo moi posto no tema, e con responsabilidades na súa aplicación no seu momento, lembrábamo- como a chamada Lei de Memoria Histórica de Zapatero (52/2007, BOE 27-12-2007) resolvía o tema da adquisición da nacionalidade para exiliados. Concretamente na disposición adicional sétima: “Adquisición de la nacionalidad española”, sinalaba a lei:“1. Las personas cuyo padre o madre hubiese sido originariamente español podrán optar a la nacionalidad española de origen si formalizan su declaración en el plazo de dos años desde la entrada en vigor de la presente disposición adicional. Dicho plazo podrá ser prorrogado por acuerdo de Consejo de Ministros hasta el límite de un año. 2. Este derecho también se reconocerá a los nietos de quienes perdieron o tuvieron que renunciar a la nacionalidad española como consecuencia del exilio”. Ou sexa que se lles deron de partida tres anos. Porque a cousa non pode ser ata o ano 3000. Tres anos chega para pensalo e activalo. Pero logo aínda se volveu prorrogar o asunto (BOE 23 de marzo de 2010) cando xa se tiñan tramitado 161.463 solicitudes de opción a la nacionalidad española -dío no preámbulo- para dar máis facilidades a uns consulados colapsados. Inda máis, seguíronse retocando aspectos da aplicación en función das realidades. Por exemplo, na Lei 20/2011 do Rexistro Civil, na disposición adicional sexta, aclárase que tamén é de aplicación aos netos das exiliadas españolas casadas con estranxeiros que non transmitisen a española no seu momento, por seguiren a dos pais. E dábase un ano de prazo. Ao final do proceso, fins de 2011, adquiriran a nacionalidade Española, seica, entre 375 e 400 mil persoas por esta vía. Cousa coa que se pensaba asunto pechado. Desde 2007 a 2011, o que lle interesara tíñao resolto. E punto.

A apertura do novo melón é un simple bandeirín de enganche. Ata maio deste ano, xa se presentaran 1,22 millóns de solicitudes, das que foron aprobadas xa máis de medio millón

O disparate é a lei 20/2022 de “Memoria democrática”: volve sobre o tema e posibilita a transmisión non polos pais e nais exiliadas, senón simplemente por apuntar a un avó ou avoa exiliado, cousa ben mala de demostrar case cen anos despois. En fin, estábase volvendo sobre un asunto resolto cunha lei socialista en 2007 e que xa falaba de fillos e netos. A apertura do novo melón é un simple bandeirín de enganche. Ata maio deste ano, xa se presentaran 1,22 millóns de solicitudes, das que foron aprobadas xa máis de medio millón.E o filtro parece de trama ancha e interesada. Todo isto, independentemente de que eu sexa da idea de que non debe haber voto exterior. Nin nas xerais nin nas autonómicas nin nas locais. Si, específicos, un par de deputados da emigración de Europa e América, para termos a súa voz nos Parlamentos. Ou como os alemáns, que só voten os que leven menos de dous anos fóra. Que un poida votar nas nosas eleccións porque un seu avó ou bisavó marchase de aquí hai noventa anos, polo que fose, parece cousa de marcianos.

Contenido patrocinado

stats