Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Una mina
TRIBUNA
Nunha recente celebración de aniversario, meu irmán Xulio fíxome un agasallo que, debo confesalo, conseguiu emocionarme: tratábase dun busto de Pepe Tonetti, obra do escultor biscaíño Joaquín Alcalde Lomas. Foi un agasallo totalmente inesperado que lle agradezo de corazón.
Como dixo o historiador de arte catalán -especialista no mundo circense- Genís Matabosch Giménez no documental Hermanos Tonetti, Alma de Circo, este dúo de pallasos santanderinos son os artistas de circo que quedaron máis gravados na nosa memoria colectiva, xunto co tamén pallaso catalán Josep Andreu i Lasarre, Charlie Rivel, e coa trapecista canaria María Cristina del Pino Segura López, Pinito del Oro. Pero Charlie Rivel desenvolveu a súa carreira por Europa, aínda que fixo algunhas campañas por España, dándose o caso curioso de que as súas últimas actuacións tiveron lugar a finais de 1982 e comezos de 1983 en Madrid no circo Ciudad de los Muchachos, convidado polo Padre Silva. Morreu a mediados dese mesmo ano. Polo tanto, os Hermanos Tonetti son os pallasos máis lembrados polos españois nacidos nos dous primeiros terzos do pasado século. Máis tarde virían os irmáns Aragón, Payasos de la Tele, pero iso xa é outra historia.
José Pepe e Manuel Nolo Villa del Río tomaron o nome do famoso pallaso italiano Luigi Umberto Guillaume, de nome artístico Antonet. Pepe era o Augusto, pallaso gracioso, torpe, desaliñado e de nariz avultado (facíao el mesmo cunha pasta especial e rematou deformando o seu propio nariz, como comenta a súa filla Marietta no documental xa sinalado); mentres que Nolo asumía o papel de Pierrot, o pallaso serio de cara branca. Despois de participar en varios circos (Radio Circo, Hervás…), en 1957 crearon o famoso Circo Atlas co que rodaron por tódalas cidades e vilas de España ata o principio dos anos oitenta.
Era saír Pepe Tonetti dando un rodeo pola pista e xa o público estalaba nunha sonora gargallada, despois sucedíanse o chistes e situacións cómicas e, polo menos en Ourense, o público facíalles repetir, ano tras ano, o número da sardiñeira.
Un dos acontecementos artísticos máis agardados polo público ourensán nos anos 60 e 70 do pasado século era a chegada ao campo dos Remedios do circo Atlas dos Hermanos Tonetti para permanecer na nosa cidade durante varios días, enchendo a súa carpa en tódalas funcións de tarde e noite. E, xa no circo, o momento máis agardado era o final, coa actuación destes irmáns xeniais, a pesar de que no elenco participaban grandes artistas de tódalas disciplinas circenses, como a xa nomeada Pinito del Oro. Era saír Pepe Tonetti dando un rodeo pola pista e xa o público estalaba nunha sonora gargallada, despois sucedíanse o chistes e situacións cómicas e, polo menos en Ourense, o público facíalles repetir, ano tras ano, o número da sardiñeira. Polo regular a actuación remataba cunha actuación musical na que Pepe tocaba o clarinete ou o saxofón e cantaba, mentres que Nolo tocaba o acordeón.
Mantiveron o circo ata 1982, aínda que nos últimos anos pasaron por importantes dificultades económicas. Probablemente, esta circunstancia foi a que fixo que Nolo entrara nunha profunda depresión, suicidándose a finais dese ano cando soamente tiña 54 anos de idade. Rematouse deste tráxico xeito a vida do circo Atlas. Pepe fixo algunhas actuacións en solitario ata 1984, pero a morte do seu fillo Víctor en accidente de moto provocou a súa retirada definitiva. Morreu en 2004, aos 83 anos de idade, despois de recibir numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Premio Nacional de Circo (1972 e 1998), a Medalla de Cantabria (1985), a Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes (1993)…
Os Hermanos Tonetti fixéronnos moi felices a tódolos rapaces da miña xeración co seu humor sinxelo e inocente en tempos nos que aínda non se coñecía a televisión e o único espectáculo alcanzable para nós era a sesión infantil do Principal. Mesmo a xente adulta gozaba dun espectáculo variado e do humor deste entrañable dúo. Lembro que meu pai, que non era persoa de risa fácil, esmendrellábase coa actuación destes xeniais pallasos. E, como de ben nacido é ser agradecido, cada vez que vou a Bilbao visito o monumento que o escultor Juan Luis de Larrinaga esculpiu en homenaxe aos Hermanos Tonetti -aínda que soamente figura Pepe- situado no parque de Doña Casilda, pretiño do Museo Guggenheim da capital biscaíña. Fáltame visitar o monumento que lle teñen dedicado en Santander, na súa cidade natal, pero todo se andará...
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último