“Memoria de Noa” pra o meu neto

Publicado: 04 dic 2024 - 01:10

Teño un neto madrileño; en realidade teño dous. O maior, do que me van permitir que fale hoxe del, sorprendeume hai anos cun desexo inesperado. “Avó -díxome-, quero aprender galego”. “Pois vas aviado –respondinlle-. Vives en Madrid, es madrileño, o teu pai é madrileño, a túa nai fala comigo en galego (maiormente por teléfono, tamén é certo) así que, por moito que me agrade a petición non che teño receita algunha da que te poidas valer no teu intento”.

Non recordo (cousa propia da idade provecta na que estou instalado) se a petición foi vía telefónica ou falando cara a cara. Recordo, iso si, que o meu neto é testanciño e porfiou: “Pois quero aprender galego, así que dime o que fago”. “Mira -respondinlle-, podes poñerte a ler en galego e logo falamos”. Cousa de tres meses despois, Paulo chamoume por teléfono falándome nun galego correctísimo. Escuso manifestarlles o contento que me puxen e o orgulloso que aínda me manteño; coido que xa ata a finalización da miña vida.

Onte chamoume de novo. Quere ler “Memoria de Noa”, unha novela miña publicada no lonxano 1982, daquela que o chorado Luis Mariño dirixía Edicións Xerais. Vai lela, seguro, porque conservo un exemplar daquela primeira edición. Hailles outra edición en galego, feita da man de Editorial Galaxia no algo menos lonxano 1986. Non se volveu editar. Editouse en Australia, tamén en Rusia con máis dunha edición en cada caso e mesmo pódese conseguir en castelán, aínda, pero non en galego.

A conta da petición do meu neto acordeime de Isabel Boullón. Isabel é a maior especialista en onomástica da que dispón a nosa cultura e tamén dos estudios derivados desa e tal, e súa dedicación. Non volvín vela dende os anos oitenta cando participamos na tradución dunha enciclopedia que, se o recordo ben (advírtoo por se alguén me pode corrixir) trataba dos xogos dos rapaces, varios tomos que contaron cada un deles cun fato de tradutores que hoxe xa deben ser avós, ou case.

Pois ben, Ana Isabel Boullón, da conta de cando en vez, dos nomes que os pais galegos deciden prós seus fillos. Resulta que hai uns anos o nome de Noa foi elixido por moitas nais prás súas fillas logo de ter lido a novela. Agora seica recidiva tal nome, pero non debe ser pola mesma razón. Pode que a orixe pese algo, seguro que a beleza do nome axuda a elo. Malia que eu poida equivocarme, gústame pensar que algo segue tendo que ver a lectura desta miña novela, que non só leva sido traducida por aí fóra, senón mesmo ter recibido algúns premios dentro e fóra de Galicia.

É comprensible que eu poida ser un tipo antipático e faltón, pero iso non obsta, non debería obstar, como pra que a reedición dun libro que segue vivo por aí fóra siga amortallado dentro do contexto no que viu a luz, xunto con tantos miles e miles de páxinas escritas na nosa lingua como levo feito. Eu algunha idea téñoa, ó tal respecto, pero non penso explicarlla ó meu neto, que aprendeu galego pola súa conta e sen que ninguén llo impuxera.

Contenido patrocinado

stats